Solapas principales

O programa Trouleando invita á mocidade amesá a pasar unha velada de terror polo Samaín

Lunes, 19 de octubre de 2020

A Concellaría de Mocidade ten programada para o venres, 30 de outubro, unha nova actividade do programa Trouleando. Neste caso, organizouse unha velada de terror, dirixida a mozo/as maiores de 12 anos, que se denomina: “O rego das ánimas”, para celebrar a noite do Samaín. O prazo para inscribirse estará aberto dende maña, martes 20 de outubro, ata o luns 26. Para anotarse, de balde, hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal. As 30 prazas cubriranse por orde de chegada das inscricións.

Para a fin de semana do Samaín, o programa Trouleando propón unha velada nocturna de terror; “O rego das ánimas”. A mocidade amesá poderá pasar a noite do venres 30 de outubro, dende as 20.30 horas ata as 23.00 horas, aproximadamente, no paseo fluvial de Bertamiráns, participando nesta iniciativa.

Os/as participantes deberán percorrer o paseo do río para descubrir, en equipos, un terrorífico asasinato. Para resolvelo é necesario pasar unha serie de probas e enfrontarse a terroríficas personaxes. O equipo que antes resolva o misterio contará cun premio. Os mozos e mozas deben ter ganas de divertirse, sentido do humor e moita valentía.

A actividade desenvolverase en cumprimento das medidas Covid-19, tendo lugar ao aire libre, e grupos de máximo 5 participantes, maiores de 12 anos que irán saíndo en quendas, espazadas entre si. A roupa ou disfrace e o calzado deben ser cómodos e abrigados, ademais os/as participantes deberán levar máscara (máis unha de recambio) e lanterna. Haberá un máximo limitado de equipos, ata completar as 30 prazas ofertadas.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, destaca que “para este mes de outubro organízase unha nova actividade do programa Trouleando en Bertamiráns. Como nos meses anteriores esta actividade realizarase ao aire libre para cumprir todas as medidas fonte á Covid-19. As actividades levadas a cabo nos últimos meses como as xornadas multiaventura e maila xincana de humor amarelo tiveron moi boa acollida entre a mocidade amesá, segundo dixeron os propios mozos e mozas por ser actividades diferentes ás que se soen organizar”.

A inscrición, de balde, pode ser individual ou por grupos ata un máximo de 5 membros, e será por orde de chegada dos impresos de inscrición ao correo electrónico. Os menores de idade deben acompañar á ficha de inscrición, a autorización paterna para participar. Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolvela actividade, en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. A idade mínima para notarse é de 12 anos. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envíaa a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregar a ficha de inscrición está aberto do martes 20 ata o luns 26 de outubro.

Para resolver calquera dúbida contacta coa OMIX, a través do número de teléfono 616 083 229 ou enviando un correo electrónico a omix@concellodeames.gal.

Trouleando.

Multimedia

  • Trouleando.