O Concello de Ames, a través dos departamento de Normalización Lingüística, Cultura, e Bibliotecas, presentou esta mañá a programación do Programa Apego para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2026. As actividades abarcarán música, xogos, contos, teatro, baile, xogo libre, obradoiros, maxia, cine, arrolos, creatividade, imaxinación, natureza... Todas estas propostas teñen como obxectivo dotar de recursos ás familias para favorecer a transmisión da lingua e unha crianza positiva e con moito apego polo noso. O programa completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames presentou esta mañá as propostas que compoñen a programación infantil con Apego de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2026. Dita programación, que está organizada polos departamentos municipais de Normalización Lingüística, Cultura e Bibliotecas, inclúe música de diferentes estilos, xogos, contos, teatro, baile, xogo libre, obradoiros, maxia, cine, arrolos, creatividade, imaxinación, natureza, etc.
En dita presentación participaron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e María Hernando; a animadora á lectura do departamento de Bibliotecas municipais, Divina Fernández; e maila técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. Nesta programación colaboran varios departamentos municipais na procura dun obxectivo común: estimular o coñecemento e o apego pola lingua.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, explicou “durante o segundo semestre deste ano continuamos coa programación do Apego. A través deste programa trátase de dar a coñecer o galego entre a poboación máis nova e as familias. Ademais, o principal obxectivo é que se fale galego, para que siga existindo e transmitindo entre as distintas xeracións, así como estimular e facilitar o coñecemento da nosa lingua”.
A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que dita programación “ten un obxectivo central que é favorecer a crianza en galego, co cal animamos ás familias a que transmitan a lingua ás crianzas. Abrimos a programación mañá cunha actividade ao aire libre, para a cal non é necesario inscrición previa, como son as Brincadeiras miúdas, que se van a celebrar aquí na Carballeira de Ventín onde estamos facendo esta presentación. É unha actividade variada na que teremos música, baile, xogo libre e obradoiros de creación de xoguetes”. Rosa Moreiras tamén dixo que “para estes meses temos unha programación moi variada con sesións de contos, obradoiros, música, xogos e baile”.
En canto á técnica municipal de Cultura, María Vázquez, esta sinalou que “desde o noso departamento achegamos en outubro o festival de maxia, que xa é un clásico e conta cunha sección infantil, e en novembro o contrastado Cinema Miúdo. No caso da animadora á lectura da Biblioteca do Milladoiro, Divina Fernández, destacou que “este mes de setembro daremos a benvida ao curso escolar cunha actividade de contacontos algo diferente: os Contos con Miga, en Bertamiráns, e os Contos con Xeito, no Milladoiro. A partir de outubro xa empezaremos coa programación de Conto, contiño” .
Programación de actividades
Nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro as familias poderán gozar dun feixe de actividades lúdicas e participativas que lles achegarán recursos para unha crianza positiva, natural e creativa. Neste programa inclúense propostas do departamento de Normalización Lingüística e dos departamentos de Cultura e Bibliotecas. O programa comeza mañá mércores, 2 de setembro, na Carballeira dos Trasnos de Ventín, coas “Brincadeiras miúdas”, de Miudiño e Cé Orquestra Pantasma.
Deste xeito, o programa inclúe a artistas e compañías como Paco Nogueiras, Migallas Teatro, Cris de Caldas, Miguel Froján, Raquel Queizás, Brais das Hortas, Iseo a Moura, Fundación Legar, A Cova das Letras, Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme e A Banda da Montaña. Todos e todas elas ofreceranlles ás familias moitas risas, música, baile e moitas aprendizaxes e experiencias novas a través dunha crianza positiva en galego.
Festimax e Cinema Miúdo
Do venres 23 ao domingo 25 de outubro terá lugar unha nova do edición do festival de maxia Festimax nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Serán tres días cheos de maxia para todos os públicos, que albergarán numerosos obradoiros, espectáculos e galas máxicas. Esta actividade terá un programa específico.
Pola súa parte, xa en novembro, desenvolverase entre os días 13 e 15 unha nova entrega do festival de cine Cinema Miúdo, que tamén se celebrará nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este é un festival internacional de cinema infantil e familiar que busca promover o gusto pola sétima arte entre a cativada. Cinema Miúdo tamén terá o seu programa específico.
Actividades de lectura
Como vén sendo habitual, o servizo de Bibliotecas acolle este outono a proposta de contacontos Conto, contiño. Nos meses de outubro, novembro e decembro as Bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro desenvolverán esta actividade, que cada mes terá unha temática diferente. Deste xeito, en outubro a temática será Contos agarimosos, en novembro Contos estraños e en decembro Un Nadal entre contos.
Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas de entre 3 e 8 anos e a hora de inicio será sempre ás 17.30 horas, independentemente do día e lugar. Para participar, é necesario inscribirse nos teléfonos 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro). Tamén se poderán tramitar no enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "O Programa Apego regresa a Ames cun outono de contos, música, maxia e actividades en familia"
La Voz de Galicia: "Ames contará con xogos, contos, teatro, maxia, cine e baile para impulsar o galego"






