Solapas principales

O programa Apego estrea o mes de setembro con xogos e música nas “Brincadeiras miúdas” o mércores 6 e o xoves 7

Martes, 05 de septiembre de 2023

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos tradicionais, música, obradoiros e creación libre de xoguetes que se desenvolverán o día 6 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o xoves 7 na Carballeira de Ventín do Milladoiro. As brincadeiras estarán dinamizadas por Cé Orquestra Pantasma, un polifacético músico especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. A actividade diríxese ao público familiar. Celebrarase en ámbalas dúas xornadas ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón

Xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado, música e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais reuniranse nas Brincadeiras miúdas. Un conxunto de actividades coas que se pretende compartir tempo de lecer e diversión en galego, ao tempo que se fomenta o xogo sen instrucións nin sobreestímulos con materiais naturais que non teñen unha función definida e cos que poderemos facer tantas cousas como nos marque a nosa imaxinación. Os obxectivos principais son fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.

Cé Orquestra Pantasma será o encargado de animar a actividade. A través de rimas, música e baile engaiolará á cativada cun espectáculo que se caracteriza pola alta participación. Pequenos e maiores compartirán momentos máxicos, bailando, xogando e gozando.

Nesta ocasión, as Brincadeiras Miúdas celebraranse os días 6 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e 7 de setembro na Carballeira de Ventín, no Milladoiro. Serán ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa.

A programación infantil con Apego de outono de 2023 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "O programa Apego regresa en Ames con Cé Orquestra Pantasma"

Cartaz das Brincadeiras miúdas

Multimedia

  • Cartaz das Brincadeiras miúdas