- Tematica
Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, unha xornada de música, baile, xogos tradicionais, creación de xoguetes que se celebrará na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade diríxese ao público familiar. A xornada é de balde e non precisa de inscrición previa. Celebrarase ás 18:00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a actividade aprazarase e realizarase nunha nova data. Nos vindeiros días anunciarase o resto da programación de Apego para o derradeiro cuadrimestre do ano.
O programa Apego abre setembro presentando a programación para os vindeiros meses, unha proposta que inclúe xogos, contos, obradoiros, música, cinema, teatro, maxia... pensada para favorecer a transmisión da lingua e para achegarlles recursos ás familias para unha crianza en galego, positiva e creativa.
O programa abre esta semana cunha proposta que xa é todo un clásico para as familias Apego, as Brincadeiras Miúdas, unha tarde de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza con diferentes propostas lúdicas e musicais. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.
Nesta ocasión, as Brincadeiras Miúdas celebraranse o vindeiro mércores 3 de setembro na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. Será ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. Non hai límite de prazas e o acceso é libre a todas as familias que queiran participar. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables para a xornada, a actividade aprazarase e realizarase nunha nova data.
As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. Con esta xornada preténdese compartir tempo de lecer e diversión en galego e fomentar o xogo sen instrucións nin sobreestímulos. As crianzas xogarán libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades e guiándose pola súa propia imaxinación.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Apego estrea curso en Ames con música e xogos nas Brincadeiras Miúdas"






