Solapas principales

O programa “Afinidades electivas” do Ministerio de Cultura recala en Ames cun encontro entre as escritoras Charo Pita e Ana Cristina Herreros

Viernes, 09 de octubre de 2020

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o xoves, 15 de outubro, o encontro entre as escritoras Charo Pita e Ana Griot. O evento enmárcase no programa “Afinidades electivas” que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la lectura, dependente do Ministerio de Cultura y Deporte. A actividade, que se artella a través das librarías, propicia xuntanzas entre artistas que escriben en distintas linguas. A proposta chega a Ames da man da libraría Lenda e conta coa colaboración da concellaría de Cultura e a Biblioteca Municipal. A escritora e xornalista Nazaret López moderará o acto que tamén se retransmitirá en directo a través da plataforma zoom.

Hai preto de 25 anos que Charo Pita, filóloga, música, actriz, mestra e escritora, viaxa polo mundo contando historias. Moitas delas invéntaas e escríbeas en galego, o seu idioma natal. Entre contos, novelas, relatos, poemas e albumes musicais, Charo ten máis de vinte publicacións e outros tantos espectáculos estreados. Posúe ademais o premio Manuel Murguía de Relatos, o Espiral Maior de Poesía, o de narrativa do Concello de Culleredo e o de contos de Terror que convoca a Agrupación Cultural O Facho. Charo di que naceu aos seis anos, cando rematou de ler o seu primeiro libro. E libros leva sempre na maleta cando reclaman o seu bo facer como narradora do propio e do alleo por terras de Alemaña, Italia, Polonia ou Nicaragua.

Ana Griot, que cando non escribe responde ao nome de Ana Cristina Herreros é licenciada en Filosofía y Letras e en Lengua y Literatura Española e Iberoaméricana. Naceu en León onde, di, “a súa avoa calaba contos”. Así aprendeu a escoitar, en silencio, aos que non teñen voz. Tanto que a súa tese doutoral versa sobre a literatura dos que non escriben nin len. Ela hai vinte anos que non cala e que non deixa de escribir. A editorial Siruela publicoulle un feixe de contos e outros tantos viron a luz grazas ao “Libro de las Malas Compañías”, a editorial que dirixe na actualidade. A súa obra está traducida ao catalán, ao francés e ao xaponés. Dúas veces o Ministerio de Cultura concedeulle o premio ao libro mellor editado e comparte con Michele Obama o diploma de honra da fundación Dieta Mediterránea.   

Ana escribe en castelán, o idioma da súa avoa e Charo en galego, a lingua dos seus antergos. Esa é a condición para poder facer parella no programa “Afinidades electivas” que propón o Ministerio de Cultura e Deportes e a través da Dirección General del Libro y Fomento de la lectura. Porén, as  escritoras comparten a circunstancia de que ámbalas dúas escriben tanto para a rapazada como para a xente adulta. O xoves, 15 de outubro, no pazo da Peregrina, falarán destas cousas na compaña de Oscar Porral, o libreiro de Lenda que propicia o encontro e de Nazaret López que as presentará e moderará o posible debate. Todo co auspicio do Concello de Ames que pon o Pazo da Peregrina para que se poida celebrar o acto.

A entrada é de balde e o aforo, por mor das normas hixiénico sanitarias de loita contra a pandemia, reducido. Emporiso, calquera persoa poderá asistir á xuntanza “desde a casa” porque o evento retransmitirase vía zoom. O id da reunión é: 824 8807 8782, e o código: Ames.

Afinidades electivas é un programa de animación á lectura da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura que impulsa a actividade cultural nas librerías e apoia a creación literaria promevendo a difusión lingüística e cultural.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Encontro entre as escritoras Charo Pita e Ana Cristina Herreros en Bertamiráns"

Cartaz Afinidades Electivas