Solapas principales

O programa Abril de Cine continúa esta semana coa proxección de “Matria” e “Pringadas”

Martes, 11 de abril de 2023

Ao longo desta semana Ames acollerá as proxeccións da longametraxe Matria e da webserie Pringadas, no marco do programa Abril de Cine, unha iniciativa da Concellaría de Cultura que pretende achegar á cidadanía ao cinema galego. A película emitirase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro esta tarde, ás 20:00 horas, e as entradas xa están esgotadas. Pola súa banda, a webserie será proxectada, á mesma hora e no mesmo lugar, este sábado, 15 de abril. Podes obter o teu convite, de balde, premendo nesta ligazón.

Matria é un drama social que mostra a vida de Ramona, unha muller de mediana idade sumida nun contexto laboral e persoal moi precario. Aos seus 42 anos, Ramona traballa nunha fábrica de conservas e compatibiliza o seu oficio con outros traballos puntuais para lograr sobrevivir. Unha vez na casa, debe enfrontarse á complicada situación que vive coa súa parella e á relación que mantén coa súa filla, á que trata de buscarlle un futuro digno.

A película, que pasou pola sección Panorama do Festival de Berlín, narra un drama social, pero tamén a historia de superación da propia Ramona, que comeza a antepoñer a súa dignidade persoal a todo o demais e a buscar novas motivacións para enfrontar a súa vida. A interpretación de María Vázquez, que encarna á protagonista da historia, serviulle a actriz para lograr facerse co premio a Mellor Actriz no Festival de Málaga, celebrado o pasado 24 de marzo.

O director da longametraxe, Álvaro Gago, estará presente na proxección que se realizará esta tarde, ás 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, e será o encargado de presentar a película. As entradas xa están esgotadas.

Pringadas: unha peza para a xeración Z
A terceira sesión do Abril de Cine terá lugar este sábado, día 15, tamén no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. A peza que se proxectará será Pringadas, unha webserie creada co obxectivo de proporcionar contidos en galego á xeración Z e que estivo nominada na categoría de “Mellor serie web” nos XXI Premios Mestre Mateo, ademais de gañar o Carballo Interplay. Os convites para a proxección, que son de balde, poden descargarse accedendo a través desta ligazón á Billeteira electrónica do Concello de Ames.

En Pringadas, Xoana, Catu e Antía, tres universitarias, amigas e compañeiras de piso, exploran temas como o amor, a rotura coas amizades ou as enfermidades de transmisión sexual. A estética da serie busca reproducir os códigos visuais propios da xeración Z, como a volta á moda dos 80.

A peza, dirixida por Belén Puime, que tamén estará presente na proxección da película, está filmada en recoñecidos lugares de Santiago de Compostela, como a residencia de Monte da Condesa, a Cidade da Cultura ou diversas rúas do casco histórico, achegando así aos espectadores a unha realidade moi próxima á súa.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames proxecta 'Pringadas' dentro do Abril de Cine"

Cartaz da película "Matria"

Multimedia

  • Cartaz do Abril de Cine
  • O programa Abril de Cine continúa esta semana coa proxección de “Matria” e “Pringadas”
  • O programa Abril de Cine continúa esta semana coa proxección de “Matria” e “Pringadas”