Solapas principales

O presidente da FEGAMP realiza unha visita institucional ao Concello de Ames

Miércoles, 04 de mayo de 2016

[04-05-2016] O presidente da Federación galega de municipios e provincias e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez, realizou unha visita institucional ao Concello de Ames e asinou no libro de honra do Concello. Neste encontro o presidente da FEGAMP mantivo unha xuntanza co alcalde, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e mailo concelleiro do grupo municipal popular, Francisco Javier Olmo. Nesta visita tamén participou o secretario xeral-interventor da FEGAMP, Eduardo Ramonde Rodríguez.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicoulle ao presidente da FEGAMP que “Ames é o concello máis xoven de Galicia e conta cunha idade media de algo menos de 38 anos, o que implica que teña unhas características e unhas necidades moi determinadas”. Asemade, o rexedor municipal agradeceulle a García que “Ames sexa o primeiro concello galego en poder recibir ao presidente deste organismo”.

Neste encontro Miñones trasladoulle varios aspectos que lle preocupan ao goberno municipal. Un deles fai referencia ao servizo de emerxencias e ao de prevención e extinción de incendios forestais. O goberno solicitou, no caso dos incendios forestais que dende a FEGAMP se contacte coa consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, para que os convenios que se asinan con esta consellería para a época estival se centren máis na prevención que na extinción, e para darlle máis facilidades aos concellos de contar con brigadas de prevención antes da chegada da época de risco de incendios. Ademais, neste asunto, trasladouse a necesidade de dotar ás brigadas e a todo o relacionado cos incendios forestais dun mando único que dirixa e coordine todo o operativo.

En canto ao servizo de emerxencias, o goberno municipal amosou a súa preocupación porque segue sen dispor dun servizo próximo de bombeiros. Habitualmente Ames bota mas do servizo GER de Brión, pero este grupo de emerxencias non dispón do material necesario para actuar en incendios de edificios de varios pisos de altura. Miñones solicitou que se intente reestruturas o servizo de emerxencias e de incendios forestais, mentres que Alfredo García comprometeuse a realizar unha quenda de contactos coa Xunta para intentar mellorar a prestación destes servizos.

O rexedor municipal tamén se interesou pola situación dos convenios que teñen que asinar os concellos co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A través deste acordo os concellos terán que aboar unha cota económica en función das prazas que teñen nas escolas infantís da Galiña Azul. Ames dispón dunha escola infantil no Milladoiro, que se encadra dentro desta rede, e no mes de setembro está previsto que comece a funcionar unha segunda escola infantil desta rede en Bertamiráns.

Tratamento dos RAEE
Outro dos asuntos tratados nesta xuntanza foi o convenio que asinou a FEGAMP coa consellería de Medio Ambiente, para a recollida e tratamento nos puntos limpos municipais dos residuos de aparatos eléctricos y electrónicos (RAEE). O obxectivo é que este servizo estea adaptado aos decretos publicados en 2005 e 2015. Concretamente o decreto de 2015 recolle o pesado, almacenamento, etiquetado e a trazabilidade destes produtos.

Ames quere adaptar o punto limpo ao novo sistema de tratamento, etiquetado e trazabilidade dos RAEE. Para iso o goberno municipal presentoulle un proxecto á empresa Urbaser, que é encargada de xestionar o punto limpo, para que o usuario que entregue este produtos poida seguir todo o proceso de trazabilidade a través dunha web.

Por último, Miñones plantexoulle a Garcia a posibilidade de establecer unha central de compras a gran escala a través da FEGAM, para que os concellos lle compren a este organismo determinados produtos como a electricidade, co obxectivo de abaratar os custes para as Administracións locais.

Ábrese o período do municipalismo
O presidente da FEGAMP e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez, agradeceu a invitación feita polo alcalde de Ames, xa que é a primeira visita institucional que realiza. Alfredo García destacou que “ábrese o período do municipalismo” e que é necesario concretar varios asuntos de interese para os concellos, por un lado o financiamento municipal, e por outro cales son as competencias municipais.

Ademais, explicou que “se creou unha comisión de traballo para definir de forma clara o financiamento municipal”. Así mesmo dixo que “é moi importante definir e falar do papel das Deputacións, e sobre todo sentarse a falar e marcar as liñas sobre o mapa municipal que queremos”.

O rexedor municipal coincidiu con Alfredo García en destacar “a importancia do municipalismo e sobre todo naqueles servizos que poden beneficiar aos veciños e veciñas”. Ademais destacou que “estamos nun momento no que é importante que os concellos traballen de xeito conxunto”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Piden medios para emergencias e incendios a través de la Fegamp"