Solapas principales

O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames queda suspendido ata novo aviso

Lunes, 16 de marzo de 2020

O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames queda suspendido ata novo aviso. O requisito de anonimato na presentación de traballos fai que sexa imposible outra forma de envío dos traballos. Desta maneira, o cómputo do prazo renovarase no momento no que perda vixencia a declaración do estado de alarma ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa de que queda suspendido, ata novo aviso, o prazo de presentación de traballos para o XVII Certame Literario de Ames. Debido ás circunstancias excepcionais que estamos vivindo, o departamento considera que para garantir a seguridade de todos aqueles interesados en participar, é mellor suspender o prazo de presentación de textos e volver a abrilo cando as circunstancias sexan óptimas para facelo.

Así, ampliarase o prazo de presentación tantos días como dure estado de alarma e o confinamento nos fogares que este implica. En canto sexa posible, informarase dende esta web municipal e as redes sociais do concello dos novos prazos.

Aproveitar a corentena para escribir novas historias e poemas
O concello anima á toda a veciñanza amesá a aproveitar estes días de confinamento nos seus fogarespara escribir os seus propios textos en galego. O Certame Literario ten como obxectivo central promover a creatividade en lingua galega e está dirixido a todos os/as amantes das letras, sexa cal sexa a súa procedencia. 

Ao longo das súas edicións, o certame foise convertendo nun referente para os/as novos creadores e creadoras de historias. Polo que supón unha moi boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa, e mais aínda, nestes días nos que estamos vivindo circunstancias totalmente excepcionais.

Ademais, a través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural.

O certame está composto por dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poderán participar persoas de calquera ideade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico para unha destas franxas de idade en ambas modalidades.

Repartiranse 3.800 euros en premios
Este ano cómpre destacar que se incrementaron os premios en 840 euros. Subiron 50 euros todos os premios, agás os premios da terceira categoría que subiron 40 euros. Desta maneira, na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).

O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural. A data na que se fará pública a súa decisión, ao igual que a da entrega dos premios, aínda están por determinar debido a este aprazamento do prazo para participar no certame.

Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos premiados.

O envío dos traballos (para cando se volva abrir o prazo para participar)
Cando se dean a coñecer os novos prazos de envío/presentación de traballos, os autores dos textos deberán remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en poesía e outro en narrativa.

É requisito imprescindible que os textos se presenten baixo pseudónimo, e que neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autora. Nos textos deberá figurar só a modalidade, ou ben narrativa ou ben poesía; a categoría na que compiten e o pseudónimo do autor ou autora.

Ficha de participación descargable na web
Será obrigatorio presentar cuberta e asinada a ficha de participación. Esta ficha recolle todos os datos persoais necesarios das persoas participantes e, se é o caso, das súas representantes legais. Deberá cubrirse, asinarse e introducirse nun sobre pechado. Este documento pode descargarse ao pé desta nova.

O sobre pechado coa ficha de participación dentro e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.

Publicación dos traballos premiados
O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores ou autoras decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.

Ao pé desta nova podes consultar as bases do certame para ir preparando os teus textos para cando se volva abrir o prazo de envío de traballos. E tamén recorda que, tal como mencionabamos antes, a data de decisión do xurado e entrega de premios tamén se ven afectadas por este aprazamento.

Cartel XVII Certame Literario do Concello de Ames

Multimedia

  • Cartel XVII Certame Literario do Concello de Ames