Solapas principales

Amplíase ata o 29 de abril o prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames

Lunes, 30 de marzo de 2020

O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames, que estaba previsto que rematara o 1 de abril, amplíase tantos días como dure o confinamento. É dicir, como de momento está previsto que sexan catro semanas, o prazo ampliaríase ata o 29 de abril, aínda que esta nova data estará suxeita a modificación, se o estado de alarma alonga máis no tempo.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa que o prazo de presentación de traballos ao Certame Literario ampliarase tantos días como dure o confinamento nos casas. Considerase, ademais, que o requisito de anonimato na presentación de traballos imposibilita a presentación telemática.

A creatividade non para e estes días de confinamento poden ser unha oportunidade para poñérmonos a escribir

Estes días de confinamento nos que a creatividade non para poden ser unha oportunidade para encontrar o tempo e o espazo necesarios para darlle forma e poñer por escrito as nosas creacións literarias, ao tempo que atopamos unha fórmula para que a corentena sexa o máis levadeira posible. O Certame Literario do Concello de Ames chega xa a súa décimo sétima edición, ten como obxectivo central promover a creatividade na nosa lingua e está dirixido a calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega.

Ao longo das súas dezasete edicións, o certame foise consolidando e converténdose nun referente para novos creadores e creadoras. Supón unha oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa, mais aínda, nestes días nos que estamos vivindo circunstancias totalmente excepcionais.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poderán participar persoas de calquera ideade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría; a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos; e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Hai tres premios en metálico para cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, ademais da publicación dos textos gañadores.

3.800 euros en premios

Este ano cómpre destacar que incrementaron os premios en 840 euros en total Deste xeito, na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).

Para escoller os textos premiados, o Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio do ámbito cultural. A data na que se fará pública a súa decisión, igual que a data da entrega dos premios, aínda están por determinar debido a esta ampliación do prazo de presentación de textos.

Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos gañadores.

O envío dos traballos cando remate o confinamento

Cando sexa posible realizar con seguridade o envío/presentación de traballos, os autores dos textos deberán remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en poesía e outro en narrativa.

É requisito imprescindible que os textos se presenten baixo pseudónimo, e que neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autor/a. Nos textos deberá figurar só a modalidade (narrativa ou poesía) a categoría (primeira, segunda ou terceira) e o pseudónimo do autor ou autora.

Ficha de participación descargable ao pé desta nova

Será obrigatorio presentar cuberta e asinada a ficha de participación. Esta ficha recolle todos os datos persoais necesarios das persoas participantes e, se é o caso, das súas representantes legais. Deberá cubrirse, asinarse e introducirse nun sobre pechado. Este documento pode descargarse ao pé desta nova.

O sobre pechado coa ficha de participación dentro e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.

Publicación dos traballos premiados

O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores ou autoras decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.

Ao pé desta nova pódense consultar as bases do certame para ir preparando os textos. Tamén é importante lembrar, tal como mencionabamos anteriormente, que a data de publicación da decisión do xurado e a data de entrega de premios veranse afectadas por esta ampliación do prazo de presentación de textos. Cando se normalice a situación publicaranse nesta mesma páxina as novas datas.

XVII Certame Literario do Concello de Ames

Multimedia

  • XVII Certame Literario do Concello de Ames