Solapas principales

O prazo de entrega de traballos para o Certame Literario de Ames rematará o 19 de xuño

Martes, 02 de junio de 2020

O prazo de entrega de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames interrompeuse o 14 de marzo, o mesmo día que se declarou o estado de alarma por mor da Covid-19, debido á suspensión decretada dos prazos administrativos. Coa derrogación da suspensión de prazos administrativos publicada no BOE do 23 de maio de 2020, dende onte, 1 de xuño, reiníciase do cómputo do prazo de presentación de traballos. Este rematará o 19 de xuño, e a resolución do xurado farase pública para o 30 de setembro de 2020.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa que o prazo de presentación de traballos ao Certame Literario reiniciouse onte, 1 de xuño, e seguirá aberto ata o próximo día 19 de xuño.

O 23 de maio de 2020 publicouse no BOE que o 1 de xuño de 2020 se derrogaría a disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, relativa á suspensións de prazos administrativos e que desde esta mesma data se reiniciaría o cómputo dos prazos que se viran suspendidos durante a vixencia do estado de alarma. No caso do Certame Literario de Ames, cando se decretou o estado de alarma quedaban 17 días do período de presentación de traballos, polo tanto agora o prazo esténderase ata o 19 de xuño.

O Certame Literario ten como obxectivo promover a creatividade na nosa lingua

O Certame Literario do Concello de Ames, que xa chega a súa décimo sétima edición, ten como obxectivo central promover a creatividade na nosa lingua e está dirixido a calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poderán participar persoas de calquera ideade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría; a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos; e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Hai tres premios en metálico para cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, ademais da publicación dos textos gañadores.

3800 euros en premios

En total o certame reparte 3800 euros en premios entre as dúas modalidades de recolle. Na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).
Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará todos os traballos galardoados.

Para escoller os textos premiados, o Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio do ámbito literario.

A resolución do xurado coñecerase o 30 de setembro de 2020 e a entrega de premios realizarase, se as circunstancias o permiten, en outubro

Como consecuencia da modificación do prazo de presentación, cómpre modificar as datas de resolución e de entrega de premios, que estaban previstas para o 11 e o 15 de maio de 2020 respectivamente. Así, dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames acordáronse novas datas adaptadas a esta nova realidade.

O anuncio público da decisión do xurado queda posposto para o 30 de setembro de 2020, mentres que a entrega de premios realizarase, se as circunstancias sanitarias o permiten, nun acto público ao longo do mes de outubro. A data e o lugar do acto de entrega de premios anunciarase, coa suficiente antelación, nesta mesma páxina web e nas correspondentes redes sociais do concello.

Envío dos traballos ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames

Recordamos que os autores ou autoras deben remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en poesía e outro en narrativa.

É requisito imprescindible que os textos se presenten baixo pseudónimo, e que neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autor/a. Nos textos deberá figurar só a modalidade (narrativa ou poesía) a categoría (primeira, segunda ou terceira) e o pseudónimo do autor ou autora.

Compre lembrar que aínda que o prazo de presentación de traballos se veu interrompido por mor do estado de alarma, fóronse recollendo e admitindo todos os traballos que chegaron a través do correo postal durante o período de interrupción.

Ficha de participación descargable ao pé desta nova

Será obrigatorio presentar cuberta e asinada a ficha de participación. Esta ficha recolle todos os datos persoais necesarios das persoas participantes e, se é o caso, das súas representantes legais. Deberá cubrirse, asinarse e introducirse nun sobre pechado xunto coa documentación requirida. Este documento pode descargarse ao pé desta nova.

O sobre pechado coa ficha de participación dentro e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.

Publicación dos traballos premiados

O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores ou autoras decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame

Cartel certame literario 2020