Os veciños de Bertamiráns están a sufrir as consecuencias dos cambios que o goberno local executou no tráfico convertendo varias rúas en dirección única, o que dificulta a circulación na capital da Maía. Coa chegada das chuvias semella que os problemas aínda se acentúan máis e afectan sobre todo a quen tratan de achegarse ós centros educativos da avenida da Peregrina.
Desde o goberno local decidiron que a Travesía da Peregrina tivese dirección única, prohibindo que os coches poidan conectarse desde ese viario coa avenida da Peregrina cando antes o facían con facilidade gracias sobre todo á existencia dun semáforo que regulaba a circulación. Son moitos os vehículos que optaban por este viario, sobre todo os veciños dun gran número de vivendas da zona comprendida entre o centro de saúde e a propia Travesía da Peregrina, que trataban deste xeito evitar o volume de tráfico máis elevado da principal arteria da localidade.
Agora os coches que decidan fuxir da avenida da Maía teñen que circular pola rúa do Rueiro, que desemboca na avenida da Peregrina ó mesmo tempo que o fai a rúa do Cómaro desde o outro lado, formando así un cruce no que non hai semáforos.
A rúa do Rueiro atópase ademais con un paso de peóns uns metros máis abaixo que ás veces, ante a obriga dos vehículos de deterse, provoca unha acumulación de coches que taponan a súa saída cara á avenida da Peregrina. Tamén se dificulta a súa incorporación cara ós centros educativos ou a entrada da autovía cando o semáforo da avenida da Peregrina, situado á altura da avenida José Luis Azcárraga (o acceso ó pazo da Peregrina), xunta moitos coches cara abaixo que ocupan a estrada sen deixar oco para quen quere incorporarse desde a rúa do Rueiro.
Diante destes inconvenientes moitos xa deciden rexeitar esta opción e elixen a avenida da Maía, que deste xeito recibe moitos máis vehículos facendo que o tráfico sexa máis espeso e dificultoso ó tempo que abonda nos problemas que agora amosa a rúa do Rueiro.
O PP faise eco destas queixas veciñais e solicita ó goberno municipal que estude alternativas de ordenación do tráfico nesta zona de vital importancia por ser a que da acceso tanto ós centros educativos como á autovía ou á estrada que leva a Negreira. É necesario reordenar a circulación coa instalación dun semáforo e o traslado do paso de peóns ou simplemente tendo o valor de rectificar as medidas adoptadas con anterioridade que xa está máis que demostrado que non serviron para mellorar as cousas.




