As obras do Milladoiro seguen a ser a maior preocupación dos veciños, cada vez máis indignados pola falta de sinalización, os cortes de tráfico e un sinfín de molestias que están a sufrir. O PP de Ames volve insistir. Non se rende. Despois dun escrito presentado o 2 de abril e de numerosas interpelacións exixindo que se mellorara a sinalización das obras de humanización do Milladoiro, non ten constancia de que durante todo este tempo, que é xa de sete meses, se levase a cabo ningunha medida neste senso téndose producido numerosos contratempos entre os que destacan dous accidentes que acabaron con un home no hospital por unha caída de moto e con unha muller atendida por un ataque de ansiedade despois de que atropelaran ós seus dous cans.
Pero non pasa nada. Semella que o goberno local non quere falar do Milladoiro. Só espera que pase o tempo e rematen as obras. Pero antes hai que garantir a seguridade dos veciños. O PP insistiu varias veces e presentou un escrito o 29 de setembro despois de dous accidentes e ademais solicitou información ata en catro ocasións (7 de outubro, 14 de outubro, 30 de outubro e 7 de novembro) sen recibir resposta, polo que volve insistir.
O desenvolvemento das obras está a ser un caos. Esta mesma semana unha veciña reflectía o seu malestar porque saíu da súa casa e cando quixo volver, e despois do que ela mesmo definiu como “un mini tour polo Milladoiro (vaya por aquí, intente por alla…)” non puido pasar para acceder ó seu garaxe. Así, sen previo aviso.
E xa por non falar dos continuos atascos que se producen a causa dos últimos cortes de tráfico e que están a xerar que exista veciños que teñen dificultades para chegar a tempo ó traballo ou ser puntuais cos seus rapaces nos colexios ou as incomodidades á hora simplemente de entrar ou saír do Milladoiro. A situación agrávase cando os peóns teñen que camiñar entre material de construción co conseguinte perigo. Pero ó goberno municipal e ó alcalde semella que tanto lle ten.
As obras tamén están a ocasionar un grave prexuízo ó comercio do Milladoiro, que comprobou como a facturación sufriu un brusco descenso e xa ven como a campaña do Nadal está seriamente ameazada. Neste caso o PP solicitou que o remanente que existe nas arcas municipais, que é de pouco máis dun millón de euros, se destine a unha campaña de promoción do comercio local por medio de bonos para incentivar o consumo, sobre todo despois do desprezo da Deputación da Coruña que deixou a Ames fora da campaña MercaNaVila. Esta media beneficiaría a todo o comercio de Ames, e por conseguinte tamén ó do Milladoiro que tanto está a sufrir.




