O Partido Popular de Ames denuncia que os orzamentos municipais presentados polo goberno local non incorporan ningunha das achegas formuladas polo principal grupo da oposición, a pesar de seren propostas responsables, argumentadas e economicamente viables.
A portavoz popular, Oliva Agra, cualificou no pleno a situación como unha clara “falta de ambición política”, especialmente ao converter en habitual a prórroga das contas municipais. “Un Concello que medra en poboación, en necesidades de servizos e en complexidade administrativa non pode permitirse gobernar con orzamentos doutro ano e doutro contexto económico”, sinalou.
Segundo o PP, o goberno municipal non só non corrixiu esta situación, senón que presenta uns orzamentos que supoñen un retroceso e evidencian a ausencia dun proxecto actualizado para Ames. Ademais, critican a actitude do alcalde, centrado en atacar á oposición sen asumir que non conta con maioría e que debe dialogar cos distintos grupos para sacar adiante as contas.
Entre as propostas ignoradas figuran unha planificación urbanística seria mediante o impulso dun novo Plan Xeral, o reforzo do apoio ao comercio local, medidas para fomentar o emprego, a creación dun Parque de Bombeiros propio ante a falta de avances no parque comarcal, unha partida específica para o arranxo de beirarrúas e a instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos cunha ordenanza que regule o seu uso.
No eido económico, o PP considera insuficiente o incremento destinado aos bonos consumo e lembra que o comercio local segue sufrindo as consecuencias das obras realizadas nos dous núcleos principais. Tamén advirte da pouca prudencia nas previsións de ingresos: mentres en 2024 se estimaron 497.000 euros polo ICIO e só se recadaron 210.000, para este exercicio prevese ingresar 924.000 euros. “A quen se quere enganar?”, pregunta Agra.
Outro aspecto preocupante é o aumento previsto nos ingresos por sancións, que pasan de 217.500 euros en 2024 a 390.000 euros en 2026. Para o PP, “un Concello debe procurar que se cumpran as normas, non depender das multas para cadrar as contas”.
Os populares tamén alertan dun incremento da débeda municipal, con novas operacións de crédito próximas aos tres millóns de euros, sen detallar con claridade os proxectos aos que se destinarán. Ademais, critican a intención do goberno de vender cinco parcelas municipais por 1,6 millóns de euros sen explicar con precisión o destino dos fondos nin os obxectivos das novas adquisicións.
A isto súmanse contradicións na planificación de obras, como a ampliación da estrada de Sisalde despois de aprobar recentemente a súa pavimentación, e recortes significativos en mantemento de centros educativos e escolas infantís, con baixadas de ata o 35% nalgunhas partidas.
O PP de Ames aposta por un municipio con planificación urbanística clara, impulso real ao emprego e ao comercio, garantías de seguridade, prioridade para a educación e rigor financeiro. “Estes orzamentos están moi lonxe deses obxectivos”, conclúe Oliva Agra.




