Solapas principales

O PMUS vai converter Ames nunha cidade sostible e segura

Martes, 21 de septiembre de 2021

Onte presentáronse as principais liñas de actuación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Un plan que pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado. O PMUS concrétase en doce programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029.  O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

As conclusións e as principais liñas de actuación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible presentáronse, onte, no Pazo da Peregrina. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; o Coordinador do proxecto, Ramón Codesido e o Director do proxecto Guillermo Maldonado.

O proxecto do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames recolle a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como tamén os diferentes programas de actuación a realizar e o plan de seguimento, ademais de incluír as suxestións presentadas no período de participación pública.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, comezou explicando que é e que representa para Ames o PMUS “este plan é un documento estratéxico que nos presenta as liñas de actuación para levar a cabo a corto, medio e longo prazo no noso concello. O PMUS intenta cambiar o deseño da nosa cidade, xa que, se nos anos 80 as cidades  xiraban ao redor dos vehículos privados con este novo modelo queremos que a cidade xire ao redor das persoas”.

Ademais, aínda que, o PMUS é un plan de mobilidade urbano “é un documento para todos que tamén inclúe o rural pois intenta vertebrar a todo o concello cun plan de transporte urbano” aclarou a concelleira.

Martínez engadiu que “se trata dun documento vivo que irá cambiando ao longo dos anos para adaptarse ás novas normas da Unión Europea”.

Pola súa banda, o Coordinador do proxecto, Ramón Codesido, presentou as principais conclusións do estudo e das enquisas realizadas. Codesido destacou a cultura arraigada do uso dos vehículos privados en Ames onde “o 79% dos movementos rexistrados se realizan co transporte privado fronte ao 14% do uso do transporte público. O coche e o transporte público empréganse para os desprazamentos obrigados coma traballo e estudos reservando o transporte a pé para o ocio ou realizar compras”. Codesido engadiu que hai un fluxo moi importante de movemento entre Ames e os concellos limítrofes onde destaca que “o 40% das viaxes teñen coma orixe ou destino Santiago de Compostela”.

Unha vez rematado o estudo estableceron como meta acadar un modelo de cidade sostible e segura. Para conseguilo fixaron varios obxectivos e 12 programas de actuación en base ás principais necesidades de desprazamentos e mobilidade:

1. Programa de mobilidade peonil
2. Programa de mobilidade ciclista
3. Programa de potenciación do transporte público
4. Programa de control e ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria.
5. Programa de xestión e regulación do Estacionamento.
6. Programa Mellora Distribución Urbana de Mercadorías
7. Programa de seguridade viaria.
8. Programa de melloras de calidade ambiental e aforro enerxético.
9. Programa de promoción de boas prácticas en mobilidade.
10. Programa de desenvolvemento de tecnoloxías aplicadas á mobilidade
11. Programa de integración da mobilidade nas políticas urbanísticas
12. Programa de incentivos. Outras medidas de apoio á mobilidade

Dentro destes doce programas destacan o programa de mobilidade peonil, o ciclista e a potenciación do transporte público. Para potenciar a mobilidade peonil propoñen a creación dunha rede de itinerarios peonís formada por 9 traxectos; a recuperación do espazo público para os peóns a través da: peatonalización de rúas, ampliando beirarrúas, mellorando as prazas, creando travesías urbanas ou coa creación de tres camiños escolares aos centros educativos.

Por outra banda, para mellorar a mobilidade ciclista proponse a creación, entre outros, dunha rede de itinerarios ciclistas e de aparcadoiros para bicicletas.  No tocante á potenciación do transporte público destaca por unha banda a creación dun sistema de transporte público a demanda a través do “AmesBus” e a mellora da información ao cidadá con paneis informativos homexeneizados, así como a correcta sinalización das paradas.

O alcalde de Ames, Blas García, quixo incidir na importancia deste plan que cambiará a forma de desprazarse e de moverse polo concello “O PMUS é un plan estratéxico para o noso concello que xa comezou no mandato anterior e que vai ser unha herdanza que deixemos aos gobernos que veñan despois”. E engadiu “o PMUS é un plan moi ambicioso que contén a idea que temos de Ames con proxectos en que xa comezamos a traballar como as sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño ou a de Lapido a Ortoño que está en proxecto. Outro dos piares do PMUS é a creación dos sendeiros escolares que xa están en fase de proxecto, a creación dunha améndoa central en Bertamiráns ou a humanización da N-550 no Milladoiro”.

“Outra das claves deste proxecto é o transporte urbano que conecte o rural cos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns. Para atender esta vella demanda das parroquias imos adquirir un bus que funcione baixo demanda e para completar o servizo botaremos man dos taxis baixo demanda e do servizo de transporte adaptado xa existente” manifestaba García. Segundo o alcalde o concello de Ames conta cun servizo clave para a cidadanía maior de 65 anos que lle permite baixo demanda moverse dentro do municipio e co concello de Santiago como é o servizo de transporte adaptado.

O PMUS presenta un horizonte temporal de 8 anos, onde distinguimos actuacións que se van realizar a curto prazo (1 ano), a medio prazo (4 anos) e a longo prazo (8 anos). Segundo García a intención é ir cumprindo as distintas actuacións pouco a pouco ata 2029 aplicando as distintas partidas orzamentarias ata acadar os 7 millóns e medio de euros que supón o PMUS.
O servizo de redacción do PMUS está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo  de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Concretamente, está incluído no Obxectivo Temático 4 de Cambio Climático, da EDUSI Impulsa Ames, orientado a «Fomentar a transición cara a unha economía baixa en carbono en todos os sectores» e enmárcase na liña de actuación LA3 “Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames invertirá 7,5 millones de euros hasta el 2029 para lograr una movilidad más sostenible"

El Correo Gallego: "Divulgan el plan de movilidad que se publicó en agosto"

Revista AmesGO: "Ames afronta a transformación da mobilidade co reto de potenciar o uso do transporte público"

Lindeiros: "Ames presenta o Plan de Mobilidade Urbana Sostible"

Presentación das liñas de actuación do PMUS

Multimedia

  • Presentación das liñas de actuación do PMUS
  • Presentación das liñas de actuación do PMUS
  • Presentación das liñas de actuación do PMUS
  • Presentación das liñas de actuación do PMUS
  • Presentación das liñas de actuación do PMUS