Solapas principales

O Pleno rexeita anular o proceso de licitación para a adquisición dun ben inmoble destinado a crear un espazo de traballo colaborativo de coworking

Miércoles, 16 de octubre de 2019

Este martes, 15 de outubro, realizouse un pleno extraordinario a petición dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular no se debateron dous puntos. O primeiro referíase á anulación do procedemento de adquisición directa dun local para dedicalo a un novo centro de coworking, así como á anulación do expediente que recolle a aprobación da licitación de adquisición dun ben inmoble, por procedemento aberto, para destinalo a un espazo de traballo colaborativo de coworking. No segundo punto solicitábase convocar aos representantes dos grupos municipais a unha xuntanza co fin de afrontar a adquisición dun local, na zona do Milladoiro, para dedicalo a un espazo de coworking. Os dous puntos foron rexeitados co voto en contra dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron a favor, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Durante os últimos tres anos o Concello de Ames estivo negociando coa Deputación de A Coruña a posta en marcha dun novo espazo de Coworking e emprendemento dentro do Plan de emprego local (PEL). Este novo espazo busca a revitalización e o impulso da promoción económica do Concello e da provincia e xestionarase a partir dos fondos da Deputación para a loita contra o paro e o emprendemento de novos proxectos empresariais que se conforman dentro do PEL que desenvolve o ente provincial. Ditas negociacións plasmáronse na sinatura dun convenio o pasado 4 de abril de 2019, a través do cal fíxanse as bases de outorgamento dunha subvención nominativa por parte da Deputación para o financiamento de dito proxecto.

O financiamento provincial ascende a 200.000 euros sobre un orzamento máximo para a adquisición do ben. Ademais, no pasado pleno ordinario de setembro aprobouse o suplemento de crédito 2/2019, financiado con remanente de tesourería, para sufragar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking. Deste xeito, non haberá que recorrer a un pago aprazado como inicialmente estaba previsto. Coa aprobación de dito suplemento de crédito afrontarase o pago de 182.439 euros, que se corresponden co importe das anualidades 2018 e 2019.

O novo centro de coworking busca ser un espazo destinado a fomentar o traballo colaborativo coa implantación de profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores, para o desenvolvemento dos seus proxectos. Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións, deberán darse de alta no novo servizo e poderán realizar o seu traballo de forma individual nunha zona colectiva con acceso a Internet e outros servizos, ou nun espazo máis privado. O novo espazo exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o illamento con todo o que supón, e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames.

Intervencións dos grupos da oposición
O Pleno comezou co voceiro do grupo popular, Ramón García Argibay, dando conta das razóns polas que o Partido Popular de Ames solicitou un pleno extraordinario. “Solicitamos este pleno en aras a garantir a seguridade xurídica do procedemento de adquisición dun local para dedicalo a un centro coworking. A pesar de contar co apoio da Deputación da Coruña consideramos que se trata dun procedemento caótico e no que falta transparencia. Os pregos feitos para o proceso de licitación chirrían por todos lados. Por iso vémonos na obriga de pedir esta sesión plenaria, que agardamos que sexa un espazo de reflexión no que se poidan rectificar algunhas das decisións tomadas ata o de agora”.

Sobre os puntos a debater no pleno, o voceiro popular dixo que non debería haber dous procedementos abertos, se se optou polo procedemento de licitación debería de revocarse o acordo acadado en Xunta de Goberno Local no que se aprobou a adquisición directo do inmoble destinado a un centro coworking. “Este é un proceso con inseguridade xurídica”. Ademais, explicou que “non se estaban cumprindo os principios básicos que regulan a igualdade e a non discriminación, a obxectividade, a transparencia dos procedementos, a libre competencia e concorrencia dos posibles candidatos ao proceso de licitación”. Por último, puxo en dubida os criterios recollidos nos pregos que rexen o proceso de licitación, dos que dixo que “chirrían por todas partes” e destacou que a pesar do dito “é unha moi boa iniciativa para o concello de Ames”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que Ames necesita un centro coworking polo tipo de tecido empresarial que ten o municipio que é de base tecnolóxica. Aínda así dixo “é certo que o procedemento realizado é un pouco caótico. Eu véxome na obriga moral de que todo isto se aclare xa que é un procedemento que se leva realizado dende hai máis de dous anos, momento no que este grupo non estaba na actual corporación municipal”.

O concelleiro Quique Costas, de Ames Novo, dixo “teño dúbidas sobre a verdadeira finalidade deste pleno. Se se pide a nulidade do procedemento de adquisición directa e do procedemento de licitación é porque non se considera necesario este equipamento ou porque se fixo de forma que non se axusta ao dereito”. En todo caso, Quique Costas recalcou que “o Pleno non pode rebocar unha acordo da Xunta de Goberno Local. Se tedes a convicción de que se fixo algo de forma irregular o Pleno non é o lugar onde solucionalo. Este é un pleno totalmente ineficaz”.

Intervencións dos grupos de goberno
A voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, dixo que “os procedementos realizados son abertos, públicos e transparentes. Ademais, contan cos informes favorables dos departamentos de Intervención provincial e municipal. O expediente de licitación é público xa que está na plataforma de contratación do Estado. Dende o goberno estamos cumprindo todas as premisas legais, seguindo as instrucións marcadas pola Deputación”. Tamén recalcou que “todos os criterios que rexen os pregos do procedemento de licitación son avaliables economicamente polo que son obxectivos. Trátase dunha licitación por procedemento aberto á que se poden presentar todas as empresas que estean interesadas”.

O voceiro do BNG, David Santomil, destacou que “consideramos innecesario este pleno porque todo o que se fixo ata o de agora está avalado polos servizos técnicos da Deputación e do Concello. Están vostedes poñendo en dúbida os procedementos feitos, cando o Pleno non ten potestade para revocar o acordado. Se teñen algún tipo de dúbida poden presentar un recurso, pero o Pleno non é lugar para rebocar o acordado. Coincido co dito co señor Argibay de que esta é unha moi boa iniciativa para o concello de Ames, por iso debemos remar todos e todas na mesma dirección”. Santomil engadiu que se trata dun espazo para poder emprender e axudar ás pequenas empresas, PIMES e autónomos.

Por último, o alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “se trata dun pleno innecesario e baleiro de contido. A nulidade dos procedementos que solicitan vostedes non é competencia plenaria, por iso digo que é un pleno baleiro de contido porque estamos debatendo sobre se se anulan uns procedementos legais que conta con informes favorables e que teñen o respaldo da Deputación. O que queren vostedes é un pleno mediático”. Miñones engadiu “nun primeiro momento apostamos pola adquisición directa do inmoble destinado ao centro de coworking, pero cambiamos de criterio porque os informes dos técnicos nos instaron a que se tiña que facer un procedemento de licitación aberto, pero máis alá diso non hai ningunha outra motivación”.

Segundo punto da orde do día
No segundo punto solicitouse convocar aos representantes dos grupos municipais a unha xuntanza co fin de afrontar a adquisición dun local, na zona do Milladoiro, para dedicalo a un espazo de coworking. Os dous puntos foron rexeitados co voto en contra dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron a favor, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 15 de outubro de 2019

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 15 de outubro de 2019
  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 15 de outubro de 2019
  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 15 de outubro de 2019