Solapas principales

O Pleno debaterá sobre a autorización dun gasto plurianual, para os exercicios 2020-2022, por un importe de 1.470.288€ para executar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado no rural

Miércoles, 29 de enero de 2020

Este xoves, 30 de xaneiro, realizarase o pleno ordinario do mes de xaneiro no que a Corporación municipal debaterá sobre a autorización dun gasto plurianual, para os exercicios 2020, 2021 e 2022, por un importe total de 1.470.288,94 euros (294.057,79 euros correspondentes a achega municipal e 1.176.231,15 euros correspóndense coa subvención do IDAE), para o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado no rural do concello de Ames. Ademais, abordaranse outros temas como a adhesión á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad; a primeira modificación do Regulamento de Participación Cidadá; a segunda modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal Ames Radio: a aprobación do proxecto técnico de Rede de saneamento no lugar de Castelo; e seis propostas sobre diferentes temas. Estes temas foron previamente tratados nas correspondentes comisións informativas.

O pasado 16 de decembro foille comunicada ao Concello de Ames a resolución do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) na que se notifica que se lle concede unha axuda de 1.176.231,15 euros, para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,79 euros, serán sufragado con fondos propios municipais.

Aos efectos de dotar o crédito para o proxecto indicado proponse un gasto plurianual, para os exercicios 2020, 2021 e 2022, distribuído nas seguintes anualidades: en 2020 efectuarase un gasto de 176.434,67 euros (35.286,93€ de fondos municipais e 141.147,74€ de fondos Feder); en 2021 gastarase 1.029.202,26 euros (205.840,45€ de fondos municipais e 823.361,81€ de fondos Feder); e en 2022 realizarase un gasto de 264.652,01 euros (52.930,40€ de fondos municipais e 211.721,61€ de fondos Feder).

Outro dos temas que terá que debater o Pleno será a adhesión á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad, que ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos gobernos locais españois, a adopción de políticas, plans e programas en materia da conservación e o fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da conectividade ecolóxica e a salvagarda dos ecosistemas. Esta rede foi constituída en 2006 pola FEMP.

Modificación dos regulamentos de Participación Cidadá e de Ames Radio
Ademais, vaise a tratar a modificación dos artigos 12, 20 e 26 do regulamento de Participación Cidadá. Dita modificación faise co obxectivo de dispor dunha regulación máis pormenorizada do funcionamento da Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións, particularmente no referente a función de Secretaría que elabore as actas que acrediten a asistencia efectiva e, polo tanto, o dereito a percibir indemnizacións por asistencias as súas sesións. Aproveitando a necesidade de facer dita modificación, considerase oportuno realizar outras modificacións do referido regulamento que afectarían aos Consellos Sectoriais e Asemblea de Participación Cidadá ou da Veciñanza.

Tamén se vai abordar a segunda modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal Ames Radio. Dito regulamento foi modificado por primeira vez na sesión plenaria do 30 de marzo de 2017. No momento actual, considérase oportuna unha segunda modificación, que afecta unicamente o artigo 6, que regula a composición do Consello Asesor de Comunicación. A modificación comprende dous obxectivos: facilitar a presenza dos concelleiros/as do grupo mixto no Consello Asesor de Comunicación e modificar a representación das asociacións no Consello Asesor de Comunicación que non terá carácter obrigatorio e constará dun único representante (titular e suplente).

Rede de saneamento no lugar de Castelo
A Corporación municipal tamén deberá tratar a aprobación do proxecto técnico de Rede de saneamento no lugar de Castelo, pertencente á parroquia de Ames, e que conta cun orzamento de execución por contrata de 33.192,78 euros. No orzamento municipal 2019, prorrogado para o 2020, inclúese unha partida para actuacións vinculadas ao ciclo integral da auga, por importe de 100.000 euros. Estas actuacións teñen que definirse ao longo deste exercicio para poder iniciar os correspondente expedientes de licitación.

Propostas presentadas
Por outra banda, debateranse seis propostas sobre diversos temas. O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, presentou tres propostas sobre a adhesión do Concello de Ames ao programa Viogen; sobre a conmemoración do día internacional contra a corrupción; e en apoio aos órganos constitucionais e para instar ao actual goberno de España a non realizar concesións aos grupos independentistas.

O grupo municipal socialista presentou dúas mocións sobre a política do Goberno galego en relación á prestación do servizo de pediatría e sobre o financiamento das entidades locais na prestación do servizo de axuda no fogar. Por último, tratarse unha proposta presentada polos grupos municipais para solicitar a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-544, que une las localidades de Bertamiráns e Negreira, ao seu paso polas parroquias do concello de Ames.

Alumeado de Covas