Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación inicial do crédito extraordinario 1/19 para sufragar as actuacións de 2019 incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI

Lunes, 28 de enero de 2019

Este xoves, 31 de xaneiro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro no que a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial do crédito extraordinario 1/19 para sufragar as actuacións do exercicio 2019 incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. Outros temas que debaterá a Corporación municipal son a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa. Tamén se aprobará, se procede, a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas, o Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, e unha proposta presentada polo grupo municipal do Partido Popular. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de xaneiro.

No exercicio 2018 abríronse nova liñas de actuación que se atopaban recollidas no orzamento de 2018 e financiadas no que se refire a achega municipal aos proxectos incluídos na Estratexia DUSI, a través dunha operación de endebedamento por importe de 222.895,50 euros. A estratexia desenvolverase ao longo dos exercicios 2018-2023. Para facer fronte nas distintas anualidades á achega municipal das distintas actuacións, estase a acudir a concertación de operacións de endebedamento en cada anualidade.

Na actualidade estase a traballar no proxecto de orzamentos para 2019, sen embargo iniciado o exercicio faise necesario acometer os investimentos incluídos na estratexia EDUSI Impulsa Ames para este exercicio. Para o 2019 recóllense novas actuación para a posta en marcha neste exercicio, sen embargo outras xa foron iniciadas en 2018 e necesitan contar con financiamento para que se executen na súa totalidade este ano. Polo tanto as actuacións previstas deben adecuarse ao calendario enviado ao Ministerio e non poden demorarse, polo que é preciso acudir á concertación dunha operación de endebedamento para facer fronte as actuación incluídas na anualidade 2019.

O exercicio económico 2019 iniciouse en situación de prórroga orzamentaria, cos créditos iniciais do Orzamento municipal de 2018. No 2019 é necesario acometer os investimentos programados e continuar cos iniciados no 2018. Executar ditos proxectos terá un custo de 1.776.636,45 euros, dos cales 1.421.309,16 euros sufráganse con fondos FEDER e os 355.327,29 euros restantes achégaos o Concello de Ames. Deste xeito, haberá que aprobar inicialmente o expediente de modificación de créditos número 1/19 do orzamento, na modalidade de crédito extraordinario, financiado con operación de endebedamento a longo prazo.

Ordenanza de Convivencia Cidadá
Outros temas que debaterá a Corporación municipal son a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia Cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa. A ordenanza de Convivencia Cidadá ten como obxecto preservar o espazo público como lugar de encontro, convivencia e civismo, no que todas as persoas poidan desenvolver en liberdade a libre circulación, ocio e recreo, con pleno respecto á dignidade, aos dereitos dos demais e á pluralidade de expresións culturais, políticas, lingüísticas e relixiosas, e de formas de vida diversa existentes no Concello de Ames.

Asemade, haberá que aprobar, se procede, o regulamento do programa Xantar na Casa. O pasado 4 de xuño de 2018 o Concello de Ames asinou co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa (previa aprobación plenaria en sesión do 5 de abril de 2018). Posteriormente, houbo que elaborar unha normativa municipal que permita regulamentar o funcionamento do servizo. O departamento municipal de Servizos Sociais elaborou unha proposta de regulamento, que foi sometido ao tramite de información previa dende o 5 de decembro de 2018 ata o 7 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. Durante dito período non houbo ningunha suxestión.

Regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas
Tamén se aprobará, se procede, a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas. O pasado 25 de outubro de 2018 o Pleno aprobou inicialmente dita modificación, que foi sometida á exposición pública. Durante o prazo de exposición pública, que comprendeu dende o día 8 de novembro ata o día 20 de decembro de 2018, ambos inclusive, foron presentadas tres alegacións. Ditas alegacións foron informadas polo servizo de Educación do Concello de Ames, que propuxo a súa desestimación, polo que se propón a aprobación definitiva da modificación do regulamento, tal e como foi aprobado no Pleno do 25 de outubro de 2018.

Por outra banda, debaterase a aprobación do Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, aprobado previamente, pola Mesa Xeral de Negociación o 18 de decembro de 2018.

Proposta do Partido Popular
Por último, abordarase unha proposta presentada polo grupo municipal do Partido Popular, para instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a que asuma, sen demora, o compromiso de financiar as obras de ampliación da depuradora de Silvouta, cubrindo o Estado a parte económica que non se poderá financiar cos fondos europeos perdidos; e que os fondos pertencente ao FEDER 14-20, destinados para a nova EDAR da Silvouta e que están en evidente rico de perdida, sexan destinados a Galicia na súa totalidade e reasignados a obras necesarias e imprescindibles na comunidade galega.

Tamén se insta á Xunta de Galicia para que manteña o seu compromiso de asumir o 20% do custe que suporía o investimento necesario na ampliación da depuradora de Silvouta; e para que na reasignación dos fondos, estableza como prioritaria as actuacións de mellora do sistema de saneamento e depuración da EDAR de Silsade e dos sistema de saneamento de Calo-Milladoiro.

Contido relacionado:

Compostela 24 horas: "Ames levará a Pleno a modificación do regulamento dos servizos de conciliación familiar"

Imaxe do pleno