Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación inicial da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos comerciais

Miércoles, 23 de diciembre de 2020

O próximo martes, 29 de decembro, o Concello de Ames celebra unha nova sesión plenaria. Neste caso a ordinaria do mes de decembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. Tamén se abordará a creación da Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións; a incorporación ao inventario municipal dun camiño de Firmistáns desafectado anteriormente; e a aprobación do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais, tratarase a aprobación da terceira modificación do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo; e a quinta prórroga do contrato asinado con Urbaser polo prazo de 6 meses. Estes temas foron abordados este pasado luns, 21 de decembro, nas comisións informativas que se desenvolven de xeito previo ao pleno.

No pleno ordinario deste mes de decembro a Corporación municipal deberá abordar a aprobación, se procede, da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. No pleno do 14 de maio de 2020 aprobouse de xeito definitivo a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

Posteriormente, o servizo municipal de Urbanismo elaborou unha proposta de ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privado de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. Esta proposta elaborouse tras manter diversas conversas coas asociacións afectadas e os grupos políticos municipais. Este texto foi sometido ao trámite de consulta pública  e durante dito período presentouse unha suxestións por parte da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Dita suxestión non foi estimada polos argumentos expostos pola asesoría de urbanismo, pero si se realizou un cambio respecto do texto inicial no que se refire ao prazo de vixencia das licenzas. Trátase de manter o período anual no prazo de concesión das licenzas facéndoo coincidir co período do ano natural agás o primeiro ano da solicitude da solicitude que coincidirá co período comprendido entre a data da efectiva concesión e o fin do ano natural na que foi concedida.

Servizo de limpeza e xestión do punto limpo
No Pleno do 29 de setembro de 2016 o Pleno acordou a modificación do sistema de prórrogas do contrato con Urbaser. Deste xeito, acordouse establecer 4 prórrogas polo prazo dun ano. Tendo en conta a última prórroga aprobada no pleno do 22 de novembro de 2019, o contrato estende a súa vixencia ata o 14 de xaneiro de 2021. Agora, proponse unha segunda modificación do sistema de prórrogas que pasaría a ser de 6 meses e que suporía a terceira modificación do contrato. Deste xeito, aprobarase, se procede a quinta prórroga do contrato asinado con Urbaser polo prazo de 6 meses, que íría do 15 de xaneiro de 2021 ata o 14 de xullo de 2021.

Comisión de queixas, suxestións e reclamacións
A Corporación municipal tamén deberá debater sobre a creación dunha Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións, tal e como se recolle no Regulamento orgánico municipal de participación cidadá. Dita comisión estará integrada por representes de todos os grupos municipais de forma proporcional a súa presencia no Pleno e co mesmo criterio que as comisións informativas permanentes.

Por outra, aprobarase de xeito definitivo, se procede, a desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados de superficie situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. Asemade, farase a recepción formal de dito camiño desafectado e incorporarase ao inventario municipal de bens do Concello de Ames.  

Plan de prevención e defensa contra incendios forestais
Por último, a Corporación municipal debaterá a aprobación do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Ames, elaborado en coordinación entre os técnicos municipais e polo persoal de Servizos Agrarios Gallegos SA (SEAGA), como resultado da adhesión do Concello de Ames ao convenio de colaboración subscrito entre a Xuta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Con anterioridade xa existía un Plan de prevención e defensa elaborado no ano 2009 ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería do medio Rural. Unha vez finalizada a tramitación foi informado favorablemente pola Dirección Xeral de defensa do monte da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea una comisión municipal de quejas y aprueba la ordenanza de terrazas"

El Correo Gallego: "Critica o PP amesán que recaia a limpeza vial na mesma empresa privada"

Imaxe de arquivo do salón de plenos da Casa do Concello