Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación dun crédito extraordinario por valor de 116.509 euros para incluír no Plan provincial Reactiva que ascende a 582.547 euros

Lunes, 31 de agosto de 2020

Este xoves, 3 de setembro, o Concello de Ames celebra unha nova sesión plenaria, neste caso a ordinaria do mes de agosto. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación dun crédito extraordinario por valor de 116.509,57 euros. Dito importe representa o 20% da achega que fará o Concello de Ames para o Plan provincial Reactiva. Ao Concello de Ames correspóndenlle 582.547 euros, dos cales dos cales o organismo provincial achega o 80% (466.038,29 euros). Este fondo está dirixido ás microempresas e ás persoas traballadoras autónomas, co fin de que poidan facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19 e a paliar o seu impacto económico e social. No pleno deste xoves tamén se debaterá a aprobación dos festivos locais para 2021 e unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar. Estes temas foron previamente tratados nas comisións informativas celebradas o pasado venres 28 de agosto.

A Deputación Provincial da Coruña aprobou as bases reguladoras das axudas PEL Reactiva, unha liña que forma parte do Plan de Emprego Local e que está destinada a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Ao Concello de Ames correspóndenlle 582.547,86 euros, dos cales o organismo provincial achega o 80% (466.038,29 euros) e o Concello ten que poñer o 20% restante (116.509,57 euros).

Estes fondos teñen que ser repartidos entre as microempresas e as persoas traballadoras autónomas de cada concello consideradas como beneficiarias finalistas do programa, co fin de que poidan facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19 e a paliar o seu impacto económico e social.

Tratándose dunha liña de achegas marcadas pola excepcionalidade da pandemia do coronavirus, o Concello de Ames non conta no orzamento con crédito para comprometer a chega municipal, polo que se fai necesario levar a cabo unha modificación de crédito que permita facer fronte a achega que o Concello ten que comprometer. A modificación que se propón financiarase con remanente con baixas por anulación de actuacións que non se van a desenvolver no exercicio 2020. Polo tanto a modalidade de modificación proposta é a de crédito extraordinario por tratarse de gastos non previstos no orzamento financiado con baixas por anulacións.

Deste xeito, 68.000 euros procederán do Plan de limpeza de camiños municipais. Neste exercicio 2020 estaba previsto acometer un plan de limpeza de camiños, para a súa reparación, mantemento e conservación. Debido a que este servizo ten que ser licitado e os prazos que conleva este procedemento, estimase que dos 120.000 euros presupostados se pode producir o aforro indicado.

Outros 30.009,57 euros proceden do servizo de colaboración na xestión tributaria. Este servizo está en proceso de licitación e estímase que ata o mes de setembro non será adxudicado, polo que se vai a producir unha baixa no importe presupostado para dito servizo. Por último, destinaranse 18.500 euros do servizo de ordenación do tráfico e estacionamento, que recollía para o exercicio 2020 a compra de PDAs para os/as axentes da Policía Local. Esta compra non se realizará no exercicio 2020.

Festivos locais para 2021
Por outra banda, no pleno deste xoves tamén se debaterá a aprobación dos festivos locais para 2021. A proposta que se debaterá no pleno é que sexan festivos locais o xoves 13 de maio, día no que se celebra a festividade da Ascensión, e o xoves 24 de xuño, día de San Xoán.

Protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas
Ademais, debaterase unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar. En dita proposta ínstase á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a que inicie de forma inmediata reunións cos representantes do profesorado e das familias do alumnado para acadar un documento consensuado que permita afrontar o desenvolvemento do curso 2020-2021 coas máximas garantías posibles. En dita proposta tamén se solicita que se dote aos centros do profesorado e persoal suficiente para garantir unha actividade educativa correcta en calquera dos escenarios posibles que se poidan dar ao longo do próximo curso.

Outras solicitudes que se fan son establecer unha reunión urxente coa Fegamp para valorar todos os recursos necesarios para o normal desenvolvemento do curso escolar, así como xerar unha dinámica de colaboración estable para este cometido mentres dure esta situación extraordinaria; que se habiliten os fondos extraordinarios necesarios e se tramiten as modificacións orzamentarias pertinentes para que os incrementos de custes que deben asumir centros, ANPAS e Concellos, como consecuencia das medidas que se dispoñan nese novo protocolo, sexan asumidos polo Goberno de Xunta de Galicia.

Por último, pídese que os fondos extraordinarios do Goberno de España destinados á educación se negocien de maneira transparente con todos os sectores implicados, e que se garanta o funcionamento de comedores e transportes escolares, cando menos, nos mesmos termos nos que o servizo daría cobertura en situacións normais.

Imaxe de arquivo do salón de plenos da Casa do Concello