Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación dun crédito extraordinario 1/2021, financiado con baixas por anulacións, para a concesión das axudas incluídas no PEL Reactiva Ames

Martes, 26 de enero de 2021

Este xoves, 28 de xaneiro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de xaneiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación dun crédito extraordinario 1/2021, financiado con baixas por anulacións, para o PEL Reactiva Ames. Outros temas que se abordarán no pleno son a aprobación do Plan de continuidade da prevención de incendios, mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames para o período 2021-2024, e mailo expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Castrigo. Abordaranse tamén dúas propostas, unha presentada polo grupo municipal  popular en apoio da autonomía financeira de Galicia e outra proposta do grupo municipal socialista para a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta destinados á loita contra a pandemia da Covid. Tamén se presentará unha moción do BNG para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago e outra presentada polos partidos políticos que forman o Goberno municipal para a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela.

No último trimestre do exercicio 2020 aprobouse o crédito extraordinario 1/2020, financiado con baixas por anulación, para proceder a dotar crédito adecuado e suficiente para a achega municipal ao PEL Reactiva da Deputación Provincial da Coruña. Rematado o exercicio 2020 consta aprobada a convocatoria das axudas PEL Reactiva. No exercicio 2021 procederase á concesión das axudas, previsiblemente no mes de febreiro, para o que é necesario a existencia de crédito.

Poderá incorporarse ao exercicio 2021 a parte do proxecto financiada con fondos finalistas da Deputación Provincial ao existir un compromiso firme de achega. En canto a achega municipal non pode ser obxecto de incorporación ao non estar liquidado o exercicio 2020, xa que o financiamento da incorporación realizaríase con remanente de tesourería para gastos xerais. Polo tanto, procede tramitar unha modificación do orzamento que permita dotar do crédito adecuado e suficiente para a achega municipal ao proxecto que ascende a 116.509,57 euros.

Cómpre lembrar que a achega total do PEL Reactiva Ames ascende a 582.547,86 euros, dos cales a Deputación da Coruña achega 466.038,29 euros (80%) e o Concello de Ames os 116.509,57 euros restantes (20%).

A modificación que se propón financiarase con remanente con baixas por anulación de aplicacións previstas no orzamento de 2020, que actualmente está prorrogado para 2021. Polo tanto a modalidade de modificación proposta é a de crédito extraordinario por tratarse de gastos non previstos no orzamento financiado con baixas por anulacións. Deste xeito, esta contía financiarase coas baixas no plan de limpeza de camiños (68.000 euros); aforro na licitación do servizo de xestión tributaria (35.000 euros); e na partida para estudios varios (13.509,57 euros).

Plan de continuidade da prevención de incendios forestais
O Pleno debaterá tamén a aprobación do Plan de continuidade da prevención de incendios, mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames. O Pleno do Concello de Ames aprobou o 28 de decembro de 2017 o Plan de medidas preventivas fronte aos incendios forestais mediante a repoboación con frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Dito plan tiña unha vixencia de 4 anos e comprendía o período 2017-2020. Agora deberase aprobar o plan de continuidade para o período 2021-2024.

O importe que se dedicará ao Plan de plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa para o inverno de 2020-2021 ascende a un total de 79.414,15 euros, repartidos en 41.413,95 de persoal; 32.000 euros para os traballos de plantación de 12 hectáreas con 4.260 unidades de árbores; e un custo de mantemento de plantacións do ano anterior que ascende a 6.000 euros. A estimación dos prezos dos traballos forestais está baseada na Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de xestión  de biomasa nos espazos definidos como redes secundarias de faixas conforme á legalidade.

Outro dos temas que se van a debater no pleno será o expediente de investigación patrimonial dun camiño de Castrigo. A través dun decreto de Alcaldía, aprobado o pasado 15 de outubro, acordouse o inicio dun expediente administrativo de investigación patrimonial sobre o devandito camiño. Unha vez finalizado o expediente administrativo a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, declarar que este camiño non é un ben de dominio público propiedade do Concello de Ames.

Propostas
No apartado de propostas abordarase unha propostas presentada polo grupo municipal  popular en apoio da autonomía financeira de Galicia. Deste xeito, ínstase ao goberno central a que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis lle recoñecen a Galicia. Tamén se insta ao goberno central a que os acordos que se adopten en ámbitos que afecten á capacidade financeira de Galicia sexan tomados no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira -órgano multilateral no que están representadas todas as CCAA- e da Comisión Mixta de Transferencias Estado – Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, nesta mesma proposta ínstase aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado a que na tramitación parlamentaria do Proyecto de Ley de Medidas de prevención y lucha contra el fraude fiscal, actualmente no Congreso, se proceda á supresión do artigo que reforma a Ley 35/2006 del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas para introducir a ficción legal consistente en declarar como comportamento fraudulento, que non admite proba en contrario, toda venta dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia; por tratarse dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, e do principio de lealdade institucional que debe presidir as relacións entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

A segunda proposta será presentada polo grupo municipal socialista para a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta destinados á loita contra a pandemia da Covid. A través desta proposta trátase de recoñecer e poñer en valor o traballo levado a cabo polos Concellos galegos, que foron e son clave na loita contra a pandemia da COVID-19. Ademais, ínstase á Xunta de Galicia á creación dun fondo extraordinario no orzamento da Comunidade Autónoma destinado ás corporacións locais dotado de, ao menos, 100 millóns de euros para este 2021 que se reparta con criterios estritamente obxectivos.

Mocións por vía de urxencia
Tamén se presentará unha moción por parte dos partidos políticos que forman o Goberno municipal para a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela. En dita moción ínstase á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a asumir a súa competencia e restablecer de forma inmediata a cobertura de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído (Fraíz e Moniña) cun transporte directo a Santiago, ben sexa cunha nova licitación, conveniando co Concello de Santiago a extensión da liña P2 ou por modificación contractual do plan de transporte metropolitano actual.

Tamén se lle solicita á Dirección Xeral de Mobilidade que lle remita ao Concello de Ames os informes e expedientes onde consten os motivos polos que en 2017 non sacou adiante o anteproxecto de explotación da presente liña. Por último, pídeselle á Dirección Xeral de Mobilidade que informe ao Concello de Ames de cales foron os motivos polos que non se incorporou esta liña nos novos contratos a sabendas de que o Concello de Santiago comunicou a súa intención de non prestar o servizo e sendo de interese metropolitano.

O grupo municipal do BNG tamén presentará unha moción para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago, na que o O Concello de Ames solidarízase coas demandas do persoal da UCI do CHUS en folga e reclámalle á Xunta que realice, de urxencia, as melloras nas UCI-A para favorecer as condicións de saúde laboral destes/as profesionais que están en primeira liña na atención sanitaria da Covid-19.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames debatirá en pleno un crédito extraordinario para las ayudas del PEL Reactiva"

Salón de plenos.