Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación do Plan Ames Progresa 2021-2023

Miércoles, 28 de julio de 2021

Este xoves, 29 de xullo, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de xullo. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación do Plan Ames Progresa 2021-2023, un plan que ten como obxectivo impulsar, reforzar, reactivar e dinamizar a economía amesá. Tamén se abordará a aprobación de dous suplementos de crédito para o presente exercicio. Outro dos puntos a tratar é a aprobación da modificación do anexo de persoal e a modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal para o 2021. Abordarase, tamén, a aprobación provisional da Ordenanza fiscal nº 2.1 reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles e, a continuación, procederase ao nomeamento da secretaria da Comisión do Ciclo Integral da Auga. Por último, debaterase a proposta do grupo municipal Popular de Ames en apoio ao Xacobeo.

O primeiro dos asuntos incluídos na orde do día é a aprobación do Plan Ames Progresa. A situación económica que estamos a vivir e a persistencia da crise sanitaria, motivou que o Goberno municipal deseñara un paquete de medidas para reactivar a economía amesá: o Plan Ames Progresa.
O Plan Ames Progresa convértese nun plan de choque destinado a dinamizar e soster o tecido produtivo do noso concello e acelerar a recuperación da economía local. O plan ten como obxectivo impulsar, reforzar, reactivar e dinamizar a economía amesá e abrangue o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o reforzo do emprego público.
O orzamento deste ambicioso plan ascende a 5.756.681,26 euros, un forte investimento económico derivado do aforro dos últimos mandatos municipais.

Suplemento de crédito
Por outra banda, debaterase a aprobación de dous suplementos de crédito. O primeiro suplemento está destinado a facer fronte a gastos de sentenzas e facturas para os que o orzamento é insuficiente. O Goberno Municipal propón empregar o remanente de tesourería para estas actuacións urxentes e inaprazables. Este primeiro suplemento de crédito para gastos xerais ascende a 348.415,35 €.
O segundo suplemento de crédito está destinado a sufragar os plans e os programas de axudas e medidas postas en marcha polo Concello de Ames para paliar a crise económica e sanitaria motivada pola COVID-19. Este segundo suplemento de crédito servirá para facer fronte ao Plan de Reactivación Local e ao PEL Reactiva, así como, ao Plan Ames Progresa, o novo paquete de medidas co que o Concello de Ames quere mitigar o impacto causado por esta pandemia.
O Goberno de Ames basea a necesidade desta modificación do orzamento na situación sen precedentes no ámbito sanitario, económico e social que estamos a vivir e propón financiar este suplemento de crédito co remanente de tesourería. Esta modificación do orzamento ascende a 4.647.242,48.

Modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal
Outro dos puntos a deliberar é a modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal para o exercicio 2021. Dita modificación supón a incorporación de dous novos investimentos. A dotación de crédito do Plan Ames Progresa supón aprobar a modificación do anexo de investimento para incluír os proxectos derivados de dito plan. Así mesmo, inclúense neste anexo as obras vinculadas ao Ciclo Integral da Auga.

Aprobación da modificación do anexo de persoal
Outro dos asuntos a tratar é a modificación do anexo de persoal do Concello de Ames. No pleno do mes de maio prestouse aprobación inicial á décima modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Ames. Unha modificación que afecta tanto aos cadros de persoal laboral como ao do persoal funcionario.
As principais modificacións son a creación dun novo posto de adxunto/a á intervención, adscrito ao Departamento de Servizos Económicos e a creación, como consecuencia do fallo xudicial firme, dun novo posto con perfil técnico informático e clasificado no grupo profesional B.
Dita modificación tamén inclúe a creación dun novo Servizo de Promoción da Saúde.

Aprobación provisional da Ordenanza fiscal
Ademais, abordarase a aprobación provisional da Ordenanza fiscal n.º 2.1 reguladora do Imposto de Bens Inmobles. A nova ordenanza fiscal, elaborada pola concellaría de Economía e Facenda, facilita a comprensión da mesma cunha reestruturación do contido e articula dúas bonificacións potestativas adicionais.
As novas bonificacións que inclúe a Ordenanza fiscal reguladora do IBI son a favor de inmobles destinados ao alugueiro con renda limitada e a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades de interese social, cultural ou histórico-artístico.
O texto da Ordenanza fiscal reguladora do IBI preséntase ante o pleno despois de ser sometido a consulta pública durante 20 días.

Comisión Ciclo Integral da Auga
A xornada plenaria proseguirá co nomeamento da secretaria da Comisión encargada de validar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos do Ciclo Integral da Auga. A proposta da alcaldía é nomear á funcionaria adscrita ao departamento de Secretaría, Mónica Gónzalez, como secretaria de dita Comisión.
No pleno do mes de xuño aprobouse o inicio do expediente para determinar o modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como a creación dunha Comisión de estudo encargada de validar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais.
A Comisión creada polo acordo plenario está formada polo alcalde de Ames, Blas García, por Ramón García Argibay en representación do Grupo Municipal PP, por David Santomil Mosquera como voceiro do Grupo Municipal BNG, por Genma Otero Uhía como voceira do Grupo Municipal Contigo Podemos, por Enrique Costas Bastero ou José Ramón Oulego Erroz como representante do Grupo Mixto, por Esteban de la Fuente como técnico do Ciclo Integral da Auga, por Luisa Carlota Díaz como técnica da Secretaría e por Olga Castro como tesoureira.

Proposta Partido Popular
Por último, debaterase a proposta do Grupo Popular de Ames en apoio ao Xacobeo 2021-2022.

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "O Plan Ames Progresa 2021-2023, a pleno hoxe"

Casa do Concello de Ames