Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación do convenio que permitirá implantar unha nova liña de autobús entre Bertamiráns e a estación intermodal de Santiago

Miércoles, 27 de abril de 2022

Este xoves, 28 de abril, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de abril. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, o Concello de Ames e a UTE (Unión temporal de traballadores) “XG-807”, para a implantación da nova liña de autobús do servizo de interese municipal, entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago. Outros temas que se abordarán serán a modificación do plan estratéxico de subvencións; a revisión de prezos dos contratos de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto limpo e do servizo público do Ciclo integral da auga; a aprobación inicial da ordenanza reguladora da limpeza de terreos, solares e parcelas; a aprobación dos regulamentos do Consello sectorial da cultura e da prestación do servizo de atención temperá; e maila declaración institucional de loita contra a fraude.

No pleno ordinario do mes de abril abordarase a aprobación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, o Concello de Ames e a UTE (Unión temporal de traballadores) “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). Este convenio busca dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago e que transitaba por varias parroquias de Ames.

Deste xeito, o trazado desta nova liña de interese municipal funcionaría en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quinstiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago. O obxectivo é dar continuidade á prestación dun servizo que xa se viña realizando, e que sirva de ligazón coa rede de transporte público de viaxeiros xa existente. O convenio entraría en funcionamento nos sete meses restantes de 2022 e ata maio de 2026, cun investimento total do Concello de Ames de 220.812,96 euros.

O traslado deste acordo á sesión plenaria para a súa aprobación chega despois de varias xuntanzas coa Dirección Xeral de Mobilidade, á que o Concello de Ames achegou unha primeira proposta a finais de decembro de 2021. O 15 de febreiro de 2022, A Xunta remitiu ao Concello unha nova proposta alternativa para optimizar os servizos de autobús entre as parroquias de Ortoño e Bugallido, así como unha análise técnica sobre a activación do SIMU entre Alcalde Lorenzo e a estación intermodal. Posteriormente e ao longo de febreiro, esta proposta foi presentada ás asociacións de veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído.

Revisión prezos Ciclo Integral Auga, limpeza viaria e Punto limpo
Na sesión abordarase as revisións de prezos do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como do contrato de concesión de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, dende o 1 de xaneiro de 2022. No pleno celebrado o 28 de decembro de 2021 foi aprobada a continuidade da xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) por parte de Espina y Delfín SL ata o 31 de decembro de 2022, agás no caso de que o concello acadase antes a prestación directa do servizo.

A continuidade deste acordo mantén as condicións do contrato asinado coa empresa en xaneiro de 2017, que inclúe unha cláusula que permite a solicitude de revisión de prezos por parte da concesionaria. Esta solicitou unha revisión dos prezos a partir de comezos de 2022, que supoñen unha actualización do 9,25%. Deste xeito, o cargo estimado aos orzamentos municipais de 2022 ascende aos 1.931.001,80 euros.

Nese mesmo pleno, ratificouse tamén a sétima prórroga do contrato con Urbaser SA para a concesión do servizo municipal de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, ata o 14 de xullo de 2022. Do mesmo xeito que no acordo para o Ciclo Integral da Auga, o contrato coa empresa concesionaria conta cunha cláusula que para a revisión de prezos, a cal se solicitou no pasado mes de marzo. Deste xeito, a actualización de prezos para o exercicio 2022 contempla un coeficiente de actualización do 6,5%, o que suporía que o novo custo revisado para a prestación do servizo neste ano sería de 639.914,84 euros.

Modificación do plan de subvencións 2020-2022
O pleno tratará tamén a modificación do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022, que fora aprobado en sesión plenaria o 27 de febreiro de 2020. Ao ser redactado e aprobado antes da crise epidemiolóxica da Covid-19, o Concello puxo en marcha distintas liñas de actuación que non estiveron reflectidas no Plan, polo que cómpre incluír neste novas subvencións, así como reformular algunhas xa existentes.

As modificacións propostas para a súa aprobación en pleno suman unha variación negativa con respecto ao Plan inicial de 49.922,82 euros, con cambios en materia de protección civil, servizos sociais e promoción social, educación, promoción cultural e normalización lingüística, deportes e promoción económica.

Algunhas das modificacións máis notables son a creación dunha nova liña de axudas de 20.000 euros para empresas do sector audiovisual, o crecemento das subvencións para actividades de promoción social e de fomento do comercio local, e a retirada das subvencións a entidades deportivas para realizar programas de escolas deportivas, co fin de reformulalas de cara ao exercicio 2023.

Aprobación da ordenanza de limpeza de terreos, solares e parcelas
O sexto punto a tratar no pleno será a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de limpeza de terreos, solares e parcelas en solo urbano, núcleo rural e urbanizable. A falta de limpeza e mantemento destas terras constitúe unha mala práctica e un incumprimento da obriga das persoas propietarias de conservación dos terreos e demais bens inmobles.

Estas malas prácticas poden poñer en risco á poboación ou os bens doutras persoas, ben afectando negativamente á prevención e a defensa contra os lumes, incidindo en riscos para a salubridade pública, e deteriorando a imaxe do municipio. Dado o elevado número de expedientes que anualmente se tramitan no Concello por estes motivos, faise necesaria a creación dun instrumento xurídico de aplicación xeral, neste caso unha ordenanza.

Modificación da situación de incapacidade dos empregados municipais
A sesión plenaria debaterá tamén unha modificación no acordo de mellora da acción protectora da Seguridade Social nos casos de incapacidade temporal do persoal do Concello de Ames, aprobado en pleno o 28 de marzo de 2019. O obxectivo deste cambio puntual é incluír no acordo as compensacións retributivas por distorsión horaria, nocturnidade e festividade que lles corresponderían ás persoas afectadas nos meses previos ao inicio da situación de incapacidade temporal.

Aprobación do regulamento do Consello sectorial da cultura
Outro dos puntos da orde do día é a aprobación do regulamento do Consello sectorial da cultura do Concello de Ames, que fora constituído en febreiro de 2021 e que se reuniu por primeira vez no mes de maio, no que se acordou que o departamento de Cultura elaborase un borrador de regulamento.

Posteriormente, en febreiro de 2022, o Consello reuniuse novamente para aprobar unha proposta definitiva, que foi sometida a información pública durante un mes sen suxestións nin alegacións. Deste xeito, o seguinte paso para a súa aprobación é o seu paso por sesión plenaria. Neste senso, o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, presentou tres emendas ao texto que tamén deberán ser debatidas no pleno.

Aprobación do regulamento de condicións do SAT de Teo e Ames
No décimo punto do pleno de abril debaterase a aprobación do regulamento de prestación do Servizo de Atención Temperá dos Concellos de Ames e Teo, que asinaron un convenio para a xestión compartida deste servizo en outubro de 2021. Dende outubro, ambos Concellos constitúen unha Comisión Mixta de Coordinación, na que traballan conxuntamente para facilitar o cumprimento e o funcionamento do convenio.

Este equipo de traballo vén reuníndose dende comezos de 2022 para pechar e regular o catálogo de condicións de prestación do SAT, no que se inclúen elementos necesarios para o desenvolvemento do servizo, como os baremos para establecer as listas de agarda, no caso de seren necesarias, os dereitos e deberes das persoas usuarias ou os medios persoais e materiais do servizo, entre outros temas. Como indica o convenio asinado, este regulamento debe ser aprobado en pleno por ambos Concellos.

Declaración institucional de loita contra a fraude
Por último, proporase a aprobación dunha declaración institucional sobre a loita contra a fraude, coa que o Concello de Ames quere manifestar o seu compromiso cos estándares máis altos no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adheríndose aos principios de integridade, obxectividade e honestidade. A declaración indica a vontade de denunciar aquelas irregularidades ou sospeitas de fraude que puidesen detectarse, adoptando unha política de tolerancia cero.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El refuerzo del bus en Ortoño y Bugallido llegará en junio y se mantendrá durante cinco años"

El Correo Gallego: "Esperan que en junio esté operativo el bus a Bugallido, Biduído y Ortoño"

Enfoques: "El pleno de Ames debatirá la implantación una línea de autobús entre Bertamiráns y la intermodal"

Imaxe de arquivo do salón de plenos