Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación de 18 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2024

Lunes, 05 de febrero de 2024

O próximo mércores 7 de febreiro celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2024” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 979.500,37 euros (551.672,62€ da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023) para executar novos investimentos nas parroquias de Biduído, Ames, Ameixenda e nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. No Plan complementario de 2024 recóllese unha partida de 2.711.703.05 euros para investimentos financeiramente sostibles nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Previamente ao pleno, celebrouse o venres 2 de febreiro a comisión informativa de Economía, Facenda e Especial de Contas para abordar estes temas. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

As actuacións incluídas no plan abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de distintas parroquias. Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2024 vanse sufragar tres proxectos, que suman un importe total de 551.672,62 euros; pavimentación e senda peonil en Coira, Biduído (284.132,67 euros); pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, Biduído (129.302,51 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames (138.237,44 euros).

Ademais, o Concello de Ames sufragará a través da Achega provincial de 2023, que está dotada de 427.827,75 euros, outras tres actuacións. Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais, tamén se actúa en viarios municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia como por exemplo o proxecto de mellora de seguridade viaria de O Mercuto a Vilar, na parroquia de Ameixenda (205.673,32 euros). Nunha liña similar, pero dentro do ámbito dos núcleos urbanos, e coa finalidade de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, están previstas as obras da pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira en Bertamiráns (118.799,62 euros) e a pavimentación das rúa Pardiñeiros, Panasqueira e Seidón, no Milladoiro, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria no seu entorno (103.354,81 euros).

Plan complementario de 2024
O Plan complementario de 2024 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar doce proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 2.711.703.05 euros. Ese plan complementario contempla nove actuacións nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Deste xeito, están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno (120.550,34 euros), así como a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, ambas as dúas obras na parroquia de Ortoño (149.608,76 euros).

Tamén están previstas obras de pavimentación de viarios no núcleo de Oca, na parroquia de Ames (337.417,10 euros); na aldea de Barreiro, en Bugallido (149.067,35 euros); no núcleo de Vilaverde, parroquia de Piñeiro (262.593,68 euros) e no lugar de  Biduído de Arriba, en Biduído (185.104,42 euros). Ademais, contémplanse obras de mellora de seguridade viaria en Covas (128.415,69 euros) e nas Buceleiras, parroquia de Bugallido (237.077,74 euros), así como a execución dunha senda de Ponte Maceira a Carballo, Trasmonte (268.737,99 euros).  

Por outra banda, nesta ocasión inclúese no POS+ 2024 o acondicionamento da praza da Cruxa, no Milladoiro (334.772,59 euros). Esta actuación acometerá a mellora das condicións de habitabilidade do espazo público existente conformado polos edificios situados na avenida Rosalía de Castro nº34 e nº36 e na rúa Agro do Medio nº6 e nº 10-14, pretendendo unha mellora na urbanización sin modificar os usos actuais, nin as condicións da contorna. Tamén se contempla o acondicionamento da praza do Concello en Bertamiráns (248.509,44 euros). Estas obras contemplan actuacións de mellora dos pavimentos na praza do Concello de Bertamiráns, a adaptación das redes de servizo existentes, coa retirada de canalización de fibrocemento existente e a súa reposición e a colocación de mobiliario urbano.

Por último, tamén se inclúe neste POS+ 2024 un proxecto para o reforzo das infraestruturas do plan especial para a dotación escolar no Milladoiro (289.847,95 euros). Este proxecto redáctase coa finalidade de facilitar a construción do novo centro educativo no Milladoiro, o núcleo máis poboado do concello de Ames, con máis de 13.000 habitantes e moitos rapaces e rapazas en idade escolar. Ames é un dos poucos concellos galegos que medra en poboación anos tras ano, mostrando un continuo compromiso coa educación de calidade, aínda que non se trate dunha competencia municipal. Ames é un dos poucos concellos galegos que destina o 20% do seu orzamento á educación.

POS+ Adicional 1/2024
No POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 68.384,34 euros ao reforzo / ampliación de persoal técnico e/ou administrativo adscrito aos servizos sociais do Concello mediante a nova contratación ou ao mantemento de persoal xa contratado como reforzo ou ampliación en anteriores edicións do POS+ Adicional 1 para gastos sociais extraordinarios.

Por outra banda, a contía de 79.236,41 euros, dedicaríase á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social segundo a Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia cando exista unha ausencia ou déficit grave de recursos económicos que non asegure a cobertura das necesidades básicas, como son a vivenda e gastos para o seu mantemento, alimentación, educación, gastos médicos e farmacéuticos, transporte e aqueles que consideren os servizos sociais municipais.

O importe restante, que ascende a 10.000 euros, dedicarase á ampliación do servizo de axuda no fogar, tanto nas atencións de carácter básico como nas actuacións de carácter complementario, e calquera outro de análoga natureza que se preste no domicilio da persoa, como servizo de perruquería, xantar na casa ou comedor sobre rodas entre outras.

Imaxe de arquivo do pleno ordinario do mes de xaneiro de 2024