Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2021

Miércoles, 07 de septiembre de 2022

Este xoves, 8 de setembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2021, que se pechou cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros. Ademais, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, a ratificación do decreto de cambio de responsable do contrato do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo; o proxecto modificado de melloras básicas nas condicións térmicas e acústicas no pavillón do Milladoiro; os festivos locais para 2023; e maila prórroga do convenio para a asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais.

Como soe ser habitual o pleno ordinario de agosto atrasouse uns días e celebrase a comezos do mes de setembro. Deste xeito, este xoves, 8 de setembro, realizarase unha nova sesión ordinaria do pleno do Concello de Ames. No apartado de deliberación e acordo a Corporación municipal deberá debater sobre a aprobación da Conta Xeral do Concello de Ames correspondente ao exercicio 2021.

Cómpre lembrar que o pasado 27 de xullo celebrouse a convocatoria extraordinaria da Comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas cun único punto na orde do día que era o “Exame e informe da Conta Xeral 2021”. En dita comisión ditaminouse favorablemente a Conta Xeral 2021. O Concello de Ames pechou o exercicio 2021 cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 27.039.000 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros.

A Conta Xeral do 2021 xunto co ditame da Comisión Especial de Contas foi exposta ao público por un prazo de 15 días hábiles durante os cales se puideron presentar reclamacións, reparos ou observacións. Agora debe debaterse en pleno para, se procede, que sexa aprobada pola Corporación. Posteriormente deberá presentarse ante o Consello de Contas.

Procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local
Por outra banda, debaterase a prórroga do convenio entre o Concello de Ames e a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza para a asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais.

O Pleno do Concello de Ames aprobou na sesión do 1 de marzo de 2018 o acordo de delegación na administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local ou ás prazas de vixiantes municipais. Dito convenio tiña unha duración de 4 anos prorrogables por 4 máis, sempre que a prórroga sexa acordada antes da finalización da duración inicial. Deste xeito, no caso de que dita prórroga sexa aprobada o convenio finalizaría o 19 de novembro de 2026.

Pavillón polideportivo do Milladoiro
A Corporación municipal aprobou o 4 de febreiro de 2021 a participación do Concello de Ames no POS+ 2021. Nesta mesma sesión plenaria aprobouse o proxecto de obras de melloras básicas nas condicións térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro, que contaba cun orzamento de execución por contrata de 66.535,12 euros. Ao iniciar o expediente de licitación das obras xorde a necesidade de introducir modificacións no orzamento debido ao encarecemento experimentado nos últimos meses nas unidade de obra o que eleva o orzamento de contratación a 94.506,38 euros. O Pleno deberá debater a modificación de dito proxecto.

Fixación dos festivos locais para 2023
O Pleno tamén deberá aprobar, se procede, a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2023. A Na Xunta de voceiros/as celebrada o 12 de agosto propúxose que os festivos locais do vindeiro ano sexan o luns de Pascua (10 de abril) e mailo día da Ascensión (18 de maio).

Por último, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, a ratificación do decreto de cambio do responsable do contrato do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames, que pasará a ser o técnico do ciclo integral da auga, adscrito á Concellaría de Obras e Servizos Básicos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames ten 9,3 millóns de remanente e elixe como días festivos o 10 de abril e 18 de maio"

Imaxe de arquivo do salón de plenos