Solapas principales

O Pleno debaterá a adhesión á Central de contratación do Estado e a rectificación do Inventario municipal de 2024

Martes, 26 de marzo de 2024

Este mércores, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación do decreto de aprobación do proxecto modificado relativo ás obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, en Piñeiro, pertencente ao POS+ 2024; o nomeamento da secretaria do Consello sectorial da Cultura; a adhesión xenérica á central de contratación do Estado; a rectificación do Inventario Municipal 2024; a aprobación inicial da modificación do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena; a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola prestación do servizo das escolas infantís municipais; e a aprobación do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa. Tamén se abordará unha moción política do grupo municipal popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do mes de febreiro.

Dentro deste mesmo apartado tamén se vai debater a ratificación do decreto de aprobación do proxecto modificado relativo ás obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, na parroquia de Piñeiro, pertencente ao POS+ 2024. O pasado 7 de febreiro o Pleno aprobou a participación do Concello de Ames no Plan POS+ 2024, incluíndo no acordo a obra de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde. Posteriormente, recibiuse comunicación dos servizos técnicos da Deputación indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Deste xeito, a través do decreto da Alcaldía 758/2024 do 8 de marzo de 2024 resólvese aprobar o proxecto modificado coas correccións técnicas indicadas polos técnicos da Deputación, que non teñen transcendencia algunha no deseño da obra, nin nas funcionalidades da mesma, nin no seu orzamento de execución.

Outro dos temas que se abordará será o nomeamento da secretaria do Consello sectorial da Cultura. Considerando que a técnica municipal de Cultura, María José Vázquez Bermúdez, exerce de facto as funcións de secretaria do Consello Sectorial da Cultura, procede que sexa o Pleno quen realice o seu nomeamento formal e que designe tamén unha persoa suplente.

Adhesión á Central de contratación do Estado
O Pleno tamén terá que debater sobre a adhesión xenérica á central de contratación do Estado. O Concello de Ames elabora semestralmente o Plan para a mellora da contratación administrativa municipal que, a pesar dos esforzos realizados, non chega a cumprir os seus obxectivos. A principal razón do incumprimento é a falta de medios persoais no servizo de contratación municipal. Deste xeito, a adhesión á Central de Contratación do Estado pode facilitar o funcionamento do servizo redundando no interese público municipal. A centralización da contratación xera aforros que se derivan do aumento da concorrencia. Os aforros que derivan dunha contratación centralizada, ao responder a melloras da eficiencia, non afectan á calidade das prestacións. Os aforros non son soamente de índole económico senón tamén de tramites, de cargas administrativas e de prazos. Este último aspecto é especialmente relevante para o Concello tendo en conta o reducido persoal que conforma o servizo.

Inventario municipal de 2024
Por outra banda, tratarase a rectificación do Inventario municipal de 2024. O Inventario municipal de bens do Concello de Ames é do ano 1996. Dende ese momento realizáronse cinco rectificacións (dúas no ano 2020; unha no ano 2021; e dúas no ano 2023). Polo tanto procede realizar a actualización do ano 2024.

Proponse facer tres incorporación: unha parcela de 1.133 metros cadrados situada nas inmediacións da rúa Alcalde Lorenzo (parcela Agro da Taberna e que actualmente se usa como aparcadoiro provisional); o trasteiro nº 73 en Milladoiro, correspondente ao 1,009% dunha superficie total de 575,76 metros cadrados e que dá dereito a propiedade e uso en exclusiva do devandito trasteiro; e unha finca en Castiñeiro de Lobo, denominada Alto da Costa, de 673 metros cadrados na que se localiza unha torre de telecomunicacións adquirida polo Concello.

Tamén se propón facer dúas baixas: un anaco de camiño de 163 metros cadrados en Firmistáns por ter sido vendida en escritura pública; e a parcela R1 en Punxeiras Altas por ter sido permutada pola parcela Agro da Taberna, situada nas inmediacións da rúa Alcalde Lorenzo.

Modificación do regulamento das escolas infantís municipais
A Corporación municipal tamén abordará a aprobación inicial da modificación do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena. Dita modificación do regulamento está motivada debido ao requirimento da xefatura do Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia, no que se indica que o Concello de Ames non conta coas normas de funcionamento das escolas infantís O Bosque e A Madalena visadas.

Tamén se tratará a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Dita modificación consiste, por unha banda, en adaptar as tarifas municipais ás fixadas pola resolución do 10 de maio de 2017 pola que se actualizan os prezos das escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e, por outra, en modificar os prezos do servizo de merendas en base ao custe actual do servizo.

Convenio do programa Xantar na Casa
Ademais, o Pleno debaterá a aprobación do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa, un servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

Son beneficiarias do programa Xantar na Casa as persoas empadroadas e que sexan residentes no concello de Ames e que cumpran os seguintes requisitos: persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que puidese suplir tal situación; persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e requiren de axuda para a preparación de alimentos; e persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver a súa situación de exclusión.

Moción política sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo
Por último, abordarase unha moción política do grupo municipal popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo. En dita moción ínstase ao Goberno de España a que modifique o real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establécense as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, para suprimir a obriga de rexistrar as explotacións avícolas para autoconsumo, agás decisión da autoridade competente naquelas explotacións en función do risco sanitario ou criterios de ordenación sectorial da Comunidade Autónoma.

Imaxe de arquivo do salón de plenos