- Tematica
Este xoves, 26 de marzo, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a actualización puntual do inventario municipal do Concello de Ames, a desafectación dun anaco de camiño de 92 metros cadrados da concentración parcelaria de Covas, a modificación da ordenanza xeral de subvencións, e a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a corrección de deficiencias do proxecto de obras de renovación de beirarrúas na avenida da Maía ata o límite municipal con Brión. Ademais, abordaranse catro mocións presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, BNG e PSdeG-PSOE. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de febreiro e marzo. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión extraordinaria celebrada o pasado 23 de febreiro e da sesión ordinaria do mes de febreiro celebrada o 26 de febreiro de 2026.
A continuación, debaterase a actualización puntual do inventario municipal do Concello de Ames. O inventario municipal de bens do Concello de Ames é do ano 1996 e dende ese momento realizáronse nos derradeiros cinco anos varias rectificacións. A derradeira actualización puntual aprobouse no pleno do 19 de decembro de 2025. Procede na actualidade realizar unha actualización puntual coa inclusión de 6 parcelas integrantes do patrimonio municipal do solo. Deste xeito, aprobarase se procede a inclusión das parcelas número 16, 17, 18, 19, 20 e 21 do sector S-09 Raíces.
De seguido, tratarase a desafectación do dominio público dun anaco do camiño de concentración parcelaria de 92 metros cadrados, que discorre en dirección este – oeste na estrada desde A Igrexa a Covas. Deste xeito, corresponde debater a alteración da cualificación xurídica de dito anaco de camiño público situado ao norte da parcela 1511 da concentración parcelaria de Covas.
Outro dos temas que se van abordar é a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral de subvencións do Concello de Ames. As modificacións afectan ao artigo 9.2-h sobre a forma e prazos de solicitude; e ao artigo 20.2 sobre o orzamento subvencionado que se ten que xustificar.
Ademais, tratarase a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a corrección de deficiencias do proxecto de obras de renovación de beirarrúas na avenida da Maía ata o límite municipal con Brión, que está incluído na segunda fase do POS+ Adicional 4/2025, para investimentos financeiramente sostibles. O pasado 21 de xaneiro recibiuse comunicación dos servizos técnicos da Deputación indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Ditas correccións non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades nin no seu importe de execución.
Apartado de mocións
Neste apartado vanse debater catro mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, é para garantir os servizos de saneamento e abastecemento nas parroquias de Tapia e Piñeiro. Solicítaselle ao Goberno municipal que presente no prazo máximo de tres meses un plan técnico e económico detallado para a execución do saneamento e abastecemento nas parroquias de Tapia e Piñeiro; e que faga público un cronograma concreto de actuacións, indicando fases, financiamento previsto e prazos estimados de inicio e finalización das obras. Ademais, na moción pídese que o Concello, a través de Augas de Ames EPEL, avalíe as distintas alternativas técnicas posibles e determine a solución máis eficiente e viable economicamente; e que se inclúan nos orzamentos municipais as partidas necesarias para garantir o inicio efectivo de ditas actuacións.
Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do BNG, solicítaselle á Xunta de Galicia a retirada da modificación da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia que se recolle na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026. Segundo se indica en dita moción a lei de patrimonio foi modificada varias veces e na enésima modificación, a través da Lei de acompañamento dos orzamentos para 2026 preténdese unha “reforma para mellorar a xestión, axilizar os trámites e reforzar a implicación dos concellos na protección do patrimonio cultural”. Unha das consecuencias desta nova modificación é unha delegación masiva de competencias nos concellos nos ámbitos protexidos do patrimonio cultural. Neste contexto, dende o BNG consideran que o Concello de Ames debe manifestar publicamente o seu rexeitamento á modificación da lei de patrimonio de Galicia.
Na terceira moción, presentada tamén polo grupo municipal do BNG, ínstase á Xunta de Galicia a realizar unha avaliación detallada do estado do transporte público no Concello de Ames e en relación coa área metropolitana de forma que se faga unha planificación global da situación do transporte. Tamén se lle solicita á Xunta a necesidade de reformular a oferta de transporte actual en Ames para cubrir de forma suficiente o transporte interurbano nas horas chave para garantir o desprazamento a centros de traballo, centros de estudo e centros sanitarios; incrementar as frecuencias da liña que conecta Bertamiráns e O Milladoiro; recuperar o servizo de Noitebús no concello de Ames e ampliar a súa cobertura tamén ás parroquias rurais; incrementar as frecuencias nas liñas que atravesan as parroquias rurais do concello e dotar do servizo ás parroquias que aínda a día de hoxe non o teñen; e ínstase ao Goberno municipal a impulsar e desenvolver de maneira áxil e adecuada as actuacións incluídas no Plan EDIL relativas á mobilidade mediante transporte público no concello.
Na cuarta e última moción, presentada polo grupo municipal socialista, ínstase á Xunta de Galicia a que exerza as súas competencias e acometa, de maneira inmediata e urxente, as obras necesarias para a substitución integral da cuberta do CEIP A Maía e da carpintería metálica dos ventanais, poñendo fin ás filtracións existentes e garantindo a seguridade e salubridade das instalacións; e finalizar de forma inmediata as obras pendentes na EEI do Milladoiro, procedendo á instalación do falso teito e garantindo a correcta finalización da infraestrutura. Tamén se lle solicita á Xunta repoñer e poñer en funcionamento o ascensor do CEIP de Barouta; adoptar as medidas necesarias para dar solución á problemática de saturación e funcionamento do comedor escolar do CEIP de Ventín; solucionar os problemas de humidade detectados e notificados no CEIP de Ventín; e ínstase ao Concello de Ames a seguir colaborando e realizando no ámbito das súas competencias cantas actuacións de mantemento sexan necesarias para a correcta conservación das infraestruturas educativas.





