[02-04-2013] A corporación municipal de Ames deu luz verde na sesión plenaria do mes de marzo á aprobación definitiva do plan parcial do sector S-15, no Milladoiro, e á desafectación dunha parcela no Milladoiro para a súa posterior cesión ao Arcebispado de Santiago. Deste xeito, o pleno acordou por unanimidade a aprobación definitiva do plan parcial do sector S-15 Travesía do Porto Sur, no Milladoiro, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados e permitirá dispor nesta zona dunha parcela de máis de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que esta era a terceira vez que este asunto chegaba a pleno, xa que se trata dunha cuestión urbanística bloqueada desde 2009, ano no que o plan aprobado en 2007 polo Concello foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2011, aprobouse un novo plan parcial que tamén foi anulado pola Xunta de Galicia.
O plan parcial do S-15, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados, permitirá dispoñer dunha parcela para a futura ubicación dun novo centro de saúde no Milladoiro. O rexedor explicou que o plan parcial mantén substancialmente a ordenación e redacción obxecto de tramitacións anteriores, incorporando variacións que son consecuencia dos cambios normativos.
A sesión plenaria celebrada onte tamén deu luz verde á desafectación dunha parcela de titularidade municipal situada no Milladoiro para a súa posterior cesión ao Arcebispado de Santiago de Compostela. Santiago Amor destacou que, co acordo adoptado en pleno, “o Concello de Ames está cerrando os trámites necesarios para dar cumprimento ao convenio asinado co Arcebispado de Santiago de Compostela no ano 2001”. Deste xeito, sácase adiante unha cuestión urbanística ralentizada desde hai anos e proponse a cesión dunha parcela situada no sector S-14 Travesía do Porto Norte.
O obxectivo é cumprir coa obriga do Concello pola que a Igrexa lle entregou varias parcelas en Ortoño e Milladoiro, que o Concello vén empregando dende entón. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que, deste xeito, “o Concello cumpre coa obriga adquirida hai 12 anos, da que o Arcebispado xa cumpriu a súa parte cedendo varias parcelas (en Ortoño e Milladoiro) e da que o Concello espera cumprila proximamente”. O rexedor explicou que as características desta parcela foron comunicadas ao Arcebispado, que amosou a súa aceptación.
A parcela proposta resulta da modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán” aprobada en novembro de 2012 polo Goberno amiense. O obxectivo desta modificación puntual era redistribuír as zonas de uso público e os espazos verdes públicos destes dous sectores para poder xuntalos. Deste xeito, conseguiuse unha parcela para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos, tan escasos na zona do Milladoiro.
O acordo para esta cesión acadouse en febreiro de 2001. Nesa data, o Concello de Ames e o Arcebispado de Santiago de Compostela asinaron un convenio en virtude do que o Arcebispado cedíalle ao Concello tres parcelas para uso municipal (en Ortoño e no Milladoiro) e no que a Administración local se comprometía a cederlle ao Arcebispado unha parcela de 2.000 metros cadrados para a instalación dun equipamento relixioso no Milladoiro. Aínda que en 2007 houbo un intento de ceder unha parcela, finalmente non se levou a cabo.
Mocións
O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo socialista sobre a reforma da Lei de bases de réxime local prevista polo Goberno central.
Ademais, e por vía de urxencia, concelleiros non adscritos presentaron unha moción para a posta en marcha dunha comisión de seguimento do saneamento e abastecemento, unha comisión xa convocada con anterioridade polo Goberno municipal. O rexedor amiense explicou que xa se viñeron realizando reunións técnicas para abordar o contrato e para elaborar un documento para levar á comisión, requiríndolle información á empresa concesionaria. Esta comisión previa, que está convocada para o mércores, segue o mesmo esquema que a comisión de desafiuzamentos, que foi celebrada a semana pasada. O obxectivo é organizar os traballos que se levarán a cabo coa licitación do novo contrato de abastecemento e saneamento.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames aprueba la cesión de suelo para la iglesia de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Aprobación definitiva do plan parcial do sector S-15"