Solapas principales

O Pleno dálle luz verde ao convenio de cesión da avenida da Peregrina para que pase a ser de titularidade municipal

Viernes, 01 de abril de 2022

Este xoves, 31 de marzo, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de marzo no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adxudicación do contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación; a modificación puntual do PXOM de Ames para executar a reordenación do espazo urbano da avenida da Peregrina e da travesía do Lodeiro; o convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para ceder a avenida da Peregrina ao Concello e executar o acondicionamento desta vía urbana; o convenio con Correos para facilitarlles aos/ás contribuíntes o pagamento de tributos; un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 281.572 euros; e a definición e implementación da Axenda Urbana 2030. Tamén se aprobaron por unanimidade dúas declaracións institucionais: unha condenando a agresión a Ucraína; e outra de apoio á candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias. Por último, aprobouse por maioría absoluta a aprobación definitiva do restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión do Centro deportivo municipal A Telleira.

O pleno ordinario do mes de marzo comezou coa Corporación Municipal en pé e gardando un minuto de silencio na memoria da última vítima da violencia de xénero en Galicia. A continuación debateuse a aprobación de dúas declaracións institucionais: unha condenando a agresión a Ucraína, solicitando a retirada das tropas rusas e o respecto ao dereito internacional; e outra de apoio á candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias. Ambas as dúas foron aprobadas por unanimidade.

De seguido o alcalde de Ames, Blas García, deu conta ao Pleno dos decretos ditados pola alcaldía dende a última sesión plenaria. Neste período aprobáronse 408 novos decretos que van dende o 424 ao 832. Tamén se deu conta do plan orzamentario a medio prazo do Concello de Ames 2023-2025. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que en cumprimento da Lei 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira teñen que remitir os marcos orzamentarios a medio prazo nos que se enmarcará a elaboración dos seus Orzamentos anuais.

Convenio con Correos
O primeiro dos puntos a deliberar foi a aprobación dun convenio de colaboración coa Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, para facilitarlles aos/ás contribuíntes o pagamento dos tributos e outras débedas de dereito público, a favor do Concello de Ames, a través da modalidade de xiro postal. A concelleira de Economía e Facenda anunciou que a Deputación da Coruña tamén vai asinar este convenio con Correos, polo que, a veciñanza amesá vai poder empregar este servizo para pagar todos os impostos, taxas ou servizos do Concello de Ames mediante este sistema de xiro postal. Todos os concelleiros e concelleiras coincidiron en que sumar servizos é positivo para a cidadanía, polo que, todos e todas votaron a favor deste convenio.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
A continuación a concelleira de Economía e Facenda propúxolle ao pleno a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 281.572,89 euros, no que se inclúen gastos realizados no exercicio 2021. A concelleira defendeu que o pagamento de ditos gastos é necesario para non interromper o normal funcionamento do Concello, xa que gran parte dos mesmos responden a servizos, actividades ou programas postos en marcha dende hai anos e que aínda que non son obrigatorios para o Concello gozan dunha ampla aceptación por parte da veciñanza. Dita proposta saíu adiante ao ser aprobada por unanimidade pola Corporación municipal.

Contrato de concesión do centro deportivo municipal A Telleira
Outros dos temas que se abordou no pleno ordinario deste mes de marzo foi a aprobación definitiva do restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta do centro deportivo municipal A Telleira. Durante o período que vai do 14 de marzo de 2020 ata o 21 de xuño de 2020 dito contrato veuse alterado pola Covid-19. Segundo explicou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o restablecemento do equilibrio económico de dito contrato pasa por aprobar unha prórroga polo prazo de 18 meses para a xestión, explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, que sitúa a finalización do contrato no 9 de setembro de 2024. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do Goberno municipal, dos concelleiros do grupo popular e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose.

Contrato de servizos de monitores nos programas de conciliación
O Pleno aprobou por unanimidade un dos contratos máis importantes do Concello. Trátase do contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación (Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas), que foi adxudicado á empresa A Billarda por un importe de 2.923.376,20 euros. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo período inicial e prórrogas). A prestación do servizo dará comezo no mes de setembro de 2022. No contrato, ademais da prestación dos propios servizos, inclúense plans de formación para o persoal.

O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. Un para o servizo de monitores do servizo complementario de educación “Comedores Escolares” e para realizar actividades de lecer antes e/ou despois da comida. Este primeiro lote foi adxudicado por un importe de 2.086.939,92 euros. Un segundo lote para o servizo de monitores para o coidado e atención dos nenos, para realizar actividades de lecer e para o almorzo do servizo “Bos Días Cole”, que foi adxudicado por un importe de 334.817,62 euros. E por último, un lote co servizo de monitores, para realizar actividades de lecer e coas merendas do servizo complementario de educación “Tardes Divertidas”, adxudicado polo importe 501.618,78 euros.

Axenda Urbana 2030
Por outra banda aprobouse, tamén, por unanimidade a posta en marcha da definición e implementación da Axenda Urbana de Ames e do correspondente Plan estratéxico de Acción Local. Segundo o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, este documento é fundamental  para poder acceder aos fondos europeos e estatais “a Axenda Urbana é un documento fundamental e estratéxico que vai permitir deseñar o Ames do futuro, o Ames dos próximos 5 ou 10 anos”. E engadiu “este é o pistoletazo de saída dun documento consensuado, participativo e froito do traballo e da corresponsabilidade de todos e todas pois vai transcender a un ou dous mandatos polo que ten que ser un proxecto de todos”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, defendeu que “a Axenda Urbana ten que ser un documento de todos e todas para que a veciñanza non o vexa como algo parcial e politizado”. Quique Costas, o concelleiro de Ames Novo,  sumouse á importancia deste documento “é un documento estratéxico que relata que Concello queremos ser partindo do que temos e do que queremos mellorar, a Axenda Urbana é un documento de futuro”. Pola súa banda a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, manifestou o seu apoio pero con reservas “dende o Partido Popular sumámonos a ese apoio pero o que pedimos é que non se quede nunha iniciativa e se leve a cabo”.

Modificación puntual do PXOM
Tamén se aprobou por unanimidade a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM de Ames para executar a reordenación do espazo urbano que se atopa na confluencia entre a avenida da Peregrina e maila travesía do Lodeiro. O ámbito no que se pretende realizar a modificación puntual está constituído por dúas parcelas de dominio público e unha zona destinada a viario que suman un total de 4.410 metros cadrados.

Unha das parcelas corresponde cunha zona cualificada para uso de equipamento administrativo que ten unha superficie de 1.962 metros cadrados. Na segunda parcela, que conta cunha superficie de 1.126 metros cadrados, hai unha antiga vivenda que é propiedade do Concello de Ames, destinada actualmente a almacén, e tamén existe un hórreo. O obxectivo é reordenar este espazo para flexibilizar o futuro uso de ditas parcelas.

Cesión e acondicionamento da avenida da Peregrina
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o convenio de colaboración entre a Axencia  Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a rotonda da AG-56) pase a ser de titularidade municipal. En dito convenio tamén se recolle a execución de obras de acondicionamento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610), que teñen un orzamento estimado que ascende a 81.973 euros (IVE incluído). A través de ditas obras preténdese mellorar o pavimento na calzada, nas beiravías e nas zonas de estacionamento de dita estrada.  

As sucesivas reparacións do pavimento levadas a cabo na calzada provocaron a elevación da súa rasante ata deixala en varios treitos case a nivel da beirarrúa, polo que será preciso realizar un fresado de 5 centímetros de espesor medio en toda a superficie de actuación. A continuación, procederase á reposición da capa de rodaxe dos carrís, beiravías e bandas de estacionamento, coa extensión de 3 centímetros de asfalto. Estas actuacións complétanse coa sinalización horizontal mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zonas de carga e descarga, prazas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas. Tamén se recolle no proxecto a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos na zona de actuación.

Mocións
No pleno ordinario de marzo tamén se debateron tres mocións presentadas por vía de urxencia. Na primeira, aprobada por unanimidade, solicítase á Deputación da Coruña a cesión ao Concello de Ames de tres tramos de estradas provinciais: estrada DP 0203 Bertamiráns a Augapesada; estrada DP 0205 Bertamiráns á Ramallosa; e mailo treito urbano da estrada DP 0206 Milladoiro a Biduído.    

A segunda moción debatida foi presentada polos grupos municipais do BNG, Contigo Podemos e Ames Novo. Nela faise unha proposta de acordo instando ao Goberno Español a reconsiderar o seu cambio de postura sobre o Sáhara Occidental. Esta moción foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do BNG, Contigo Podemos e Ames Novo, mentres que os/as edís dos grupos municipais do PSOE, PP e Ciudadanos, abstivéronse.

A terceira e última moción tratada foi presentada polo BNG sobre ás actuacións que deben de impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas. Esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do PSOE, PP e Contigo Podemos, mentres que os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstivéronse. Loxicamente os/as edís do grupo propoñente, BNG, votaron a favor.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La piscina climatizada de Ames mantiene la concesión pública hasta septiembre del 2024"

El Correo Gallego: "El Ayuntamiento gestionará la avenida da Peregrina y tres tramos viarios más"

Enfoques: "El pleno de Ames aprueba el convenio de cesión de la Avenida da Peregrina"

AMSGO!: "Unanimidade plenaria para a cesión da avenida da Peregrina"

Imaxe correspondente ao pleno ordinario de marzo

Multimedia

  • Imaxe correspondente ao pleno ordinario de marzo
  • Imaxe correspondente ao pleno ordinario de marzo