- Tematica
O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o cambio de titularidade de treitos das estradas DP-0203 Bertamiráns a Augapesada, DP-0205 Bertamiráns á Ramallosa e DP-0206 Milladoiro a Biduído a favor do Concello de Ames. Esta solicitude foi feita por parte do Goberno municipal o pasado 1 de febreiro de 2021. Despois da correspondente tramitación aprobouse dita transferencia. Ademais, no pleno ordinario de marzo deste ano aprobouse por unanimidade unha moción presentada por vía de urxencia para a transferencia destes tres treitos de estradas provinciais.
Os tramos solicitados están situados dentro do término municipal de Ames. Na estrada DP 0203 Bertamiráns a Augapesada cederase o antigo trazado da estrada, que conta cunha lonxitude aproximada de 200 metros, e outro treito que apenas presenta tráfico e practicamente é utilizado en exclusiva como acceso a vivendas situadas no mesmo.
Por outra banda, nas estradas DP 0205 e DP 0206 vaise a ceder os tramos urbanos de ambas vías. Deste xeito, na estrada DP 0205 Bertamiráns á Ramallosa pasa a ser de titularidade municipal o tramo urbano que discorre pola rúa Alcalde Lorenzo.
Na DP 0206 do Milladoiro a Biduído tamén pasa a ser de titularidade municipal o tramo urbano, coincidindo co final da zona máis urbana e coa intersección das rúas Codeseira, Nova e Magdalena. Todos os casos poden ser considerados como tramos terminais de estradas en cumprimento do establecido no Regulamento Xeral de Estradas de Galicia.
O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que isto permitirá poder facer diferentes actuacións de seguridade viaria nestes tramos urbanos de vías provincias sen ter que pedir permiso á Deputación, e por conseguindo axilizando os prazos de xestión e execución".
Transferencia da avenida da Peregrina
Esta transferencia únese á cesión da avenida da Maía, que era de titularidade autonómica, e que o Concello de Ames conseguiu en 2020 que fose de titularidade municipal.
Por outra banda, cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado mes de marzo aprobouse por unanimidade o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a rotonda da AG-56) pase a ser de titularidade municipal. En dito convenio tamén se recolle a execución de obras de acondicionamento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610), que teñen un orzamento estimado que ascende a 81.973 euros (IVE incluído). A través de ditas obras preténdese mellorar o pavimento na calzada, nas beiravías e nas zonas de estacionamento de dita estrada.
As sucesivas reparacións do pavimento levadas a cabo na calzada provocaron a elevación da súa rasante ata deixala en varios treitos case a nivel da beirarrúa, polo que será preciso realizar un fresado de 5 centímetros de espesor medio en toda a superficie de actuación. A continuación, procederase á reposición da capa de rodaxe dos carrís, beiravías e bandas de estacionamento, coa extensión de 3 centímetros de asfalto. Estas actuacións complétanse coa sinalización horizontal mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zonas de carga e descarga, prazas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas. Tamén se recolle no proxecto a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos na zona de actuación.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames recibe de la Diputación tramos viarios de O Milladoiro y Bertamiráns"
El Correo Gallego: "El Concello asume las vías que llevan a Biduído, Ramallosa y Augapesada"