Solapas principales

O Pleno aproba un crédito extraordinario por valor de 116.509 euros para incluír no Plan provincial Reactiva que ascende a 582.547 euros

Viernes, 04 de septiembre de 2020

Este xoves, 3 de setembro, o Concello de Ames celebrou unha nova sesión plenaria, neste caso a ordinaria do mes de agosto. En dito pleno a Corporación municipal deulle aprobación a un crédito extraordinario por valor de 116.509,57 euros. Dito importe representa o 20% da achega que fará o Concello de Ames para o Plan provincial Reactiva. Ao Concello de Ames correspóndenlle 582.547 euros, dos cales o organismo provincial achega o 80% (466.038,29 euros). Este fondo está dirixido ás microempresas e ás persoas traballadoras autónomas, co fin de que poidan facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19 e a paliar o seu impacto económico e social. No pleno deste xoves tamén se aprobaron os festivos locais para 2021 e unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar.

O pleno ordinario de agosto comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información periódica a render ao Pleno correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2020. A concelleira de Economía e Facenda dixo que o período medio de pago a provedores se sitúa en 13,68 días, por debaixo dos 30 días establecidos por lei.

A continuación, aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario de xullo, celebrado o pasado 30 de xullo, e maila proposta de festivos locais para o exercicio 2021.Deste xeito, en Ames durante o ano 2021 os festivos locais serán o xoves 13 de maio, día no que se celebra a festividade da Ascensión, e mailo xoves 24 de xuño, día de San Xoán.

A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade o crédito extraordinario por valor de 116.509 euros, a través do cal o Concello de Ames sufragará o 20% do importe total que lle corresponde a Ames do Plan provincial Reactiva. A modificación aprobada financiarase con remanente con baixas por anulación de actuacións que non se van a desenvolver no exercicio 2020. Polo tanto a modalidade de modificación é a de crédito extraordinario por tratarse de gastos non previstos no orzamento financiado con baixas por anulacións. Ao mesmo tempo o que se fai é unha modificación do anexo de investimentos do Orzamento de 2020.

Partidas anuladas
Deste xeito, 68.000 euros procederán do Plan de limpeza de camiños municipais. Neste exercicio 2020 estaba previsto acometer un plan de limpeza de camiños, para a súa reparación, mantemento e conservación. Debido a que este servizo ten que ser licitado e os prazos que conleva este procedemento, estimase que dos 120.000 euros presupostados se pode producir o aforro indicado.

Outros 30.009,57 euros proceden do servizo de colaboración na xestión tributaria. Este servizo está en proceso de licitación e estímase que será adxudicado durante o mes de setembro, polo que se vai a producir unha baixa no importe presupostado para dito servizo. Por último, destinaranse 18.500 euros do servizo de ordenación do tráfico e estacionamento, que recollía para o exercicio 2020 a compra de PDAs para os/as axentes da Policía Local. Esta compra non se realizará no exercicio 2020.

PEL Reactiva
A Deputación Provincial da Coruña aprobou as bases reguladoras das axudas PEL Reactiva, unha liña que forma parte do Plan de Emprego Local e que está destinada a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Ao Concello de Ames correspóndenlle 582.547,86 euros, dos cales o organismo provincial achega o 80% (466.038,29 euros) e o Concello ten que poñer o 20% restante (116.509,57 euros).

Estes fondos teñen que ser repartidos entre as microempresas e as persoas traballadoras autónomas de cada concello consideradas como beneficiarias finalistas do programa, co fin de que poidan facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19 e a paliar o seu impacto económico e social.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou que “agora o que se fai é aprobar un crédito extraordinario para que o Concello poida afrontar a achega que lle corresponde do Plan provincial Reactiva. Posteriormente, no pleno ordinario de setembro está previsto que a Corporación municipal teña que aprobar, se procede, a adhesión do Concello de Ames ao PEL Reactiva da Deputación. Despois, haberá que convocar un pleno extraordinario para aprobar, tamén se procede, o Plan de reactivación económica municipal Reactiva Ames”.

Protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas
Por último, aprobouse co voto a favor dos membros do goberno municipal e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames votaron en contra, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

En dita proposta ínstase á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a que inicie de forma inmediata reunións cos representantes do profesorado e das familias do alumnado para acadar un documento consensuado que permita afrontar o desenvolvemento do curso 2020-2021 coas máximas garantías posibles. En dita proposta tamén se solicita que se dote aos centros do profesorado e persoal suficiente para garantir unha actividade educativa correcta en calquera dos escenarios posibles que se poidan dar ao longo do próximo curso.

Outras solicitudes que se fan son establecer unha reunión urxente coa Fegamp para valorar todos os recursos necesarios para o normal desenvolvemento do curso escolar, así como xerar unha dinámica de colaboración estable para este cometido mentres dure esta situación extraordinaria; que se habiliten os fondos extraordinarios necesarios e se tramiten as modificacións orzamentarias pertinentes para que os incrementos de custes que deben asumir centros, ANPAS e Concellos, como consecuencia das medidas que se dispoñan nese novo protocolo, sexan asumidos polo Goberno de Xunta de Galicia.

Por último, pídese que os fondos extraordinarios do Goberno de España destinados á educación se negocien de maneira transparente con todos os sectores implicados, e que se garanta o funcionamento de comedores e transportes escolares, cando menos, nos mesmos termos nos que o servizo daría cobertura en situacións normais.

Imaxe do pleno ordinario do mes de agosto de 2020

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario do mes de agosto de 2020
  • Imaxe do pleno ordinario do mes de agosto de 2020