Solapas principales

O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais

Viernes, 30 de octubre de 2026

No pleno ordinario de outubro a Corporación municipal aprobou o crédito extraordinario 2/2026 financiado con remanente de tesourería; unha modificación orzamentaria de crédito para a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes; un recoñecemento extraxudicial; as cotas polos servizos prestados en xullo, agosto e setembro pola Mancomunidade Serra do Barbanza; a autorización dun maior gasto para o convenio SAT 2024-2026; a corrección de erro do modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida; e o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias. Tamén se aprobou a compatibilidade laboral de dous traballadores/as dos departamentos de obras e de recursos humanos; tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre subsanacións de deficiencias de proxectos de obras; e o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

O pleno comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo. A continuación, o alcalde dou conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 422 decretos, do 2882 ao 3303. Neste apartado tamén se deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro e de outubro. 

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foron as actas da sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o pasado 24 de setembro, e da sesión extraordinaria solicitada por BNG e ESCO celebrada o pasado 2 de outubro. 

Crédito extraordinario 2/2026 
A continuación, debateuse sobre sobre a aprobación do crédito extraordinario 2/2026, por un importe de 1.399.994,14 euros, financiado con remanente de tesourería, para novos investimentos e gastos vindicados en exercicios pechados e corrente que carecen de crédito. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e coa abstención do resto de concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, comezou explicando que dita contía se reparte do seguinte xeito: 23.474,07 euros corresponden co subministro de produtos de alimentación para as escolas infantís municipais no 2025, gastos de mantemento nos centros educativos do municipio e no espazo de coworking A Proa no 2025, e coa reforma do tellado da EEI da Iglesia en Tarroeira-Ortoño no 2026. Ademais, 886.742,89 euros son para aboar á Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, que liquidou en setembro de 2026 a cota extraordinaria do ano 2026. 

Por outra banda, 348.872,19 euros corresponden con actuacións en infraestruturas, instalacións e edificios municipais, que se atopan en estado deficiente ou non se axustan á normativa vixente, ou teñen por obxecto mellorar a seguridade dos viarios tanto en zonas urbanas coma rurais; e 140.904,99 euros son para novas actuacións que supoñen melloras cualitativas nos servizos municipais. O concelleiro indicou que entre estas melloras se atopa a reforma e pavimentación do patio da Escola Infantil A Madalena, onde se cambiaría o caucho por céspede artificial; a mellora da accesibilidade da Casa do Concello; o arranxo da piscina descuberta do Milladoiro; construción dunha senda peonil en Pedras; mellora dos accesos a Firmistáns; a climatización do comedor da EEI do Milladoiro, etc.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “en primeiro lugar, temos gastos xa realizados, algúns deles correspondentes ao ano pasado que seguen pendentes de pagamento. Por outro lado facturas de gastos de mantemento tanto de centros escolares como de co-working, e a de maior importe deste ano que se corresponde co arranxo do tellado da Escola Infantil de Ortoño. Aquí temos algo claro, son gastos necesarios e xustificados. Os provedores non teñen que asumir as consecuencias da falta de planificación municipal ou da existencia de crédito. Neste punto atopámonos con actuacións necesarias, demandadas pola veciñanza e incluso algunha delas reclamada polo nosos grupo reiteradamente en diferentes plenos. Estamos a falar de melloras na seguridade viaria, en accesibilidade, instalacións educativas, parques e espazos públicos. Son actuacións coas que estamos totalmente de acordo e que queremos que se fagan”. 

Dende o Bloque Nacionalista Galego, Rosalía Seijas sinalou que "este crédito supostamente é para gastos inaprazables e extraordinarios. Ao noso parecer si que hai gastos que son inaprazabres e extraordinarios, e outros que non. O Concello de Ames ten aprobado un plan económico financeiro por incumprir as normas fiscais. E tirar do remanente de tesourería é un dos indicadores que se mira nese cumprimento das regras fiscais, e que se este diminúe, resulta negativo. Aínda que considero que os remanentes se teñen que usar para levar a cabo investimentos e boas actuacións para a veciñanza, creo que hai que telo en conta á hora de usar o remanente de tesourería para certas cousas”.                                                                                                  

Dende o Partido Popular, Pablo Beiroa comezou recoñecendo como necesarios os investimentos recollidos dentro do crédito extraordinario, como un reflexo do que demanda a veciñanza. Sinalou que a pesar de ser numerosas actuacións, pero reducidas en contía, vanse a poder realizar todos elas mediante a figura do contrato menor, polo tanto simplificará moito a tramitación e poderanse facer unha realidade canto antes. En último lugar, que é o que máis nos preocupa e o que nos vai impedir votar a favor, é unha dotación de case 900.000 para facer fronte a unha cota  extraordinaria da Mancomunidade”.

Suplemento de crédito 2/2026
Outro dos asuntos económicos que se abordaron no pleno ordinario de outubro foi a modificación orzamentaria de crédito, mediante a modalidade de suplemento de crédito 2/2026, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais, por valor de 356.498,99 euros. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, e coa abstención dos concelleiros/as do BNG e Espazo Común.

En dito suplemento de crédito inclúese a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes para engadir no mesmo o axardinamento da mediana da avenida de Rosalía de Castro e outros gastos do Concello de Ames correspondentes aos servizos de alumeado público, parques e xardíns, actuacións de protección do medio ambiente, ensinanza infantil e primaria, bibliotecas municipais, promoción e equipamento cultural, escola de música, festas populares e festexos, xuventude, promoción e fomento do deporte, instalacións deportivas, promoción da actividade comercial, información e promoción turística, estradas e camiños veciñais, sociedade da información, administración xeral, comunicacións internas, e xestión do patrimonio.

Recoñecemento extraxudicial 2/2026
Tamén dentro do apartado económico abordouse a aprobación do recoñecemento extraxudicial 2/2026, para atender gastos realizados en exercicios anteriores ao 2026 e no propio exercicio 2026 sen o correspondente crédito e soporte contractual derivados da execución de obras, prestacións de subministros e servizos no desenvolvemento da actividade e funcionamento dos servizos municipais. Todos os gastos responden a obrigas económicas pendentes de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 331.607,06 euros. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, e coa abstención dos concelleiros/as do BNG e Espazo Común.

Liquidacións provisionais da Mancomunidade Serra do Barbanza
A continuación, abordouse a aprobación das liquidacións provisionais da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza. Trátase das cotas polos servizos prestados de xullo, agosto, setembro e entrega a conta da cota extraordinaria de 2026. A cota ordinaria ascende a 34.610,34 euros; a cota complementaria é de 824.979,36 euros; e a conta extraordinaria ascende a 886,742,89 euros. O importe total é de 1.746.332,59 euros.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, trátase “de pagar o lixo á Mancomunidade Serra do Barbanza de xullo, agosto e setembro, e pagar a factura extraordinaria, para a que se aprobou no punto cuarto o crédito extraordinario 2/2026. O Concello interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a cota extraordinaria, e agora pagamos a parte que cremos que hai que pagar, excepto a porcentaxe do 9% de intereses que cremos que o Concello non ten que facerse cargo. Ser membros de pleno dereito permítenos ter voz e voto para poder tomar decisións. A Mancomunidade recolle o lixo en Ames e ten unha débeda, que se creou prestando o servizo ao Concello de Ames, polo tanto, entendemos que temos que cubrir unha parte de dita débeda. O informe emitido polo Consello de Contas así o di, non somos partícipes dos intereses, pero si da débeda”.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, explicou que “desde o noso grupo imos manter a mesma posición que defendemos cando se aprobaron as cotas da Mancomunidade en decembro de 2025, daquela votamos en contra e hoxe tendo en conta a documentación que acompaña este expediente, temos aínda máis motivos para cuestionar como se están facendo as cousas. Estamos falando da aprobación do pago de máis de 1.700.000 euros, dos que case 887.000 euros corresponden a unha entrega a conta dunha cota extraordinaria que o propio Concello está recorrendo xudicialmente. Tamén insistir que o informe de intervención é desfavorable e advirte que as cotas ordinarias e complementarias non se calcularon conforme a situación contractual existente, e que a cota extraordinaria non conta con título xurídico válido, polo tanto Ames non participou nesas decisións, a nosa relación xurídica é diferente a de outros Concello, e non nos parece de recibo pagar esta entrega a conta de preto de 887.000 euros”.   

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, dixo “dende o BNG de Ames temos clara que a recollida e tratamento dos residuos é un servizo esencial que ten que seguir prestándose con todas as garantías. Non imos poñer en cuestión a continuidade dun servizo básico para a veciñanza, pero iso tampouco significa que teñamos que aceptar todas as decisións económicas que se están adoptando arredor del. Estamos falando dun asunto que ten unha importancia moi relevante para o Concello. O informe de intervención recolle unhas cotas ordinarias e complementarias que corresponden, en principio, co custe real do servizo, pero tamén esa cota extraordinaria que ascende a preto dun millón de euros, que o Concello está impugnando xudicialmente e sobre a que existen dubidas xurídicas importantes”.

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que “o que se pediu á Mancomunidade foi que emitise unha liquidación das cotas ordinarias e outra da cota extraordinaria, para poder aprobalas de xeito independente. A Mancomunidade emite todo xunto, algo que nós non compartimos. A parte das cotas ordinarias loxicamente si que hai que abonala, pero non a cota extraordinaria que está recorrida en vía administrativa. Desde o noso grupo entendemos que non temos que ser a liña de crédito da Mancomunidade, xa que parece que só ten que pagar o Concello de Ames, para que a Mancomunidade poida seguir para diante. O único informe que consta no expediente é da intervención municipal que é desfavorable. Por iso nós solicitamos que este asunto quede encima da mesa ata que se emitan os informes municipais que foron pedidos por este grupo e no caso contrario votaremos en contra”.

Unha vez finalizado o debate deste punto, primeiro votouse a proposta do Partido Popular de deixar encima da mesa este punto. Esta proposta foi aprobada co voto a favor do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra. Debido a isto, o alcalde fixo a proposta de acordar en Pleno abonar os traballos realizados correspondentes aos meses de xullo, agosto e setembro e deixar pendente a outra parte que se tratará en Xunta de voceiros/as. Dita proposta, formulada polo rexedor municipal, foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose. 

Servizo de Atención Temperá 2024-2026
Outros dos puntos que se abordaron foi a autorización dun maior gasto para o convenio do Servizo de Atención Temperá 2024-2026, que prestan de xeito conxunto os Concello de Ames e Teo, derivado da conta xustificativa e liquidación do Servizo de Atención Temperá por importe de 8.131,07 euros, correspondente ao período desde o 1 de novembro de 2024 e 31 de outubro de 2025. A diferencia entre os ingresos da axuda concedida pola Xunta de Galicia e os gastos pola prestación do servizo é de 16.262,15 euros que se reparten entre os dous Concellos a partes iguais. Dita liquidación está motivada porque houbo unha ampliación de traballadores e cambio de categoría do persoal. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas con discapacidade
O seguinte punto da orde do día abordado foi a corrección do modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida, que require dunha adaptación co obxecto de mellorar a súa adecuación á tramitación administrativa do procedemento.  Hai que lembrar que na sesión plenaria ordinaria do 28 de maio de 2026 prestouse aprobación inicial a modificación parcial da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Gratificacións, horas extras e complementarias
Por outra banda, abordouse a autorización do incremento en 130.000 euros da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2026, pasando de 320.000 euros a 450.000 euros (gratificacións: 352.000 euros; horas extras: 85.000 euros; e horas complementarias: 13.000 euros). Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

Autorizacións de compatibilidades laborais
Tamén se aprobaron por unanimidade dúas compatibilidades laborais coa actividade privada, correspondentes a un traballador municipal, que presta os seus servizos como oficial palista do Concello de Ames; e dunha traballadora que presta os seus servizos como administrativa do Concello de Ames no departamento de Recursos Humanos.

Subsanación de deficiencias de proxecto de obras
De seguido, aprobáronse por unanimidade tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de pavimento viario da rúa Alcalde Lorenzo (POS+2026); subsanación de deficiencias no proxecto das obras de acondicionamento das beirarrúas da avenida da Maía (POS+2026); e subsanación de deficiencias no proxecto de rehabilitación de edificio de vestiarios e contorno no campo de fútbol de Ortoño (POS+2026).

Mercado Municipal de Abastos
Ademais, abordouse o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación da Coruña para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos. Ditas condicións son manter a propiedade sobre os investimentos subvencionados e a vinculación destes á actividade que motivou o financiamento durante un período de 10 anos; e facer a publicidade da colaboración financeira da Deputación da Coruña, que deberá quedar expresamente reseñada, de forma permanente, nun lugar visible do acceso á actuación no momento da súa inauguración e/ou recepción. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose. 

Apartado de mocións
Por último, a voceira do BNG, Escarlata Pampín, comunicou que desde o seu grupo, en solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo, decidiron “debater no pleno o estritamente necesario, que son os puntos incluídos na orde do día relacionado co funcionamento do Concello, e retirar a moción incluída na parte non resolutiva da orde do día e unha segunda moción rexistrada por vía de urxencia o pasado luns 26 de outubro”.

O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais

Multimedia

  • O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais
  • O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais
  • O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais
  • O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais
  • O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais