Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade a segunda prórroga do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga

Viernes, 29 de mayo de 2020

Este xoves, 28 de maio, celebrouse de forma telemática o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. A Corporación municipal aprobou todos os puntos da orde do día, excepto a modificación da ordenanza número 3 reguladora do prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais, que quedou encima da mesa por petición do grupo municipal popular. Deste xeito, aprobouse a segunda prórroga do contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga; a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de Galicia; e a aprobación proxecto corrixido de reforma vestiarios campo de fútbol de Bertamiráns. Ademais, aprobouse a incorporación do Concello de Ames á Incorporación á Red Innpulso; a modificación das bases número 20 e 26 do orzamento municipal de 2020; o recurso de reposición presentado por Serviocio contra o acordo plenario do 16 de abril de 2020, así como a ratificación de tres decretos de alcaldía aprobados durante este mes de maio.

O pleno ordinario de maio comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio en recordo das persoas falecidas pola epidemia da Covid-19 e tamén como mostra de pésame ás familias que perderon algunha persoa querida durante a crise sanitaria do coronavirus. A continuación, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta da información periódica a render ao Pleno correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2020. A concelleira de Economía e Facenda dixo que o período medio de pago a provedores se sitúa en 24,16 días, por debaixo dos 30 días establecidos por lei.

Un dos puntos que máis debate tivo foi a segunda prórroga do contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga, que foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, explicou que “agarda que sexa a última prórroga deste contrato, xa que o Concello xa iniciou as xestións para tratar de municipalizar este servizo”.

Dende a oposición solicitóuselle ao goberno que faga un seguimento dos investimentos correctivos que ten que executar a empresa adxudicataria do contrato do Ciclo Integral da Auga, Espina y Delfín. Sobre este asunto o concelleiro de Servizos Básicos aclarou que “dita empresa por contrato ten establecido que debe facer investimento correctivos da rede xa existente por valor de 300.000 euros ao ano. Non se trata de novos investimentos, senón de investimentos de corrección sobre deficiencias nas redes que xa existen. Neste senso estase executando un pozo de grosos na depuradora de Sisalde por valor de preto de 400.000 euros e ademais vaise a substituír a canalización do abastecemento na avenida da Maía”.

Adhesión á APLU
Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia. A APLU é un ente público que dispón de funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo. O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, explicou que “a adhesión a esta entidade permitiralle ao Concello de Ames descargar gran parte do traballo na APLU, sobre todo os expedientes relativos á inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo”.

O Concello de Ames ten que tramitar ao longo do ano un gran número de expedientes de urbanismo e conta con pouco persoal, polo que o traballo que desenvolva a APLU será de gran axuda para o departamento municipal de Urbanismo. O Concello terá que aboar unha cota fixa anual de 11.000 euros por adherirse a dito organismo.

Ademais, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a aprobación do proxecto corrixido de reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, que dispón dun orzamento de 89.652 euros. No pleno ordinario do pasado mes de abril aprobouse a corrección dos proxectos do POS 2020, aprobados no pleno do 18 de decembro de 2019. En dito pleno quedou pendente de aprobar a corrección de dito proxecto, polo que se fixo a través de decreto de Alcaldía, e foi ratificado polo Pleno. Simplemente se trata de correccións técnicas requiridas pola Deputación da Coruña.

Temas económicos
No pleno ordinario deste mes de maio tamén se abordaron varios temas de índole económica. O primeiro punto foi a modificación da ordenanza número 3 reguladora do prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Este punto non chegou a debaterse, xa que dende o grupo municipal popular propuxeron deixalo encima da mesa para poder consultar diferentes cuestións nas que tiñan dúbidas antes de abordar este punto en sesión plenaria. O alcalde accedeu a dita petición, xa que a modificación de dita ordenanza non vai afectar durante os vindeiros meses ás instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Deste xeito, aprobouse por unanimidade deixar este asunto encima da mesa.

Tamén se aprobou a modificación das bases número 20 e 26 do orzamento municipal de 2020. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os 6 concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Ditas modificación realízanse co obxectivo de que mentres dure a situación de estado de alarma a modalidade de pago da renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, a través de cheque nominativo, será substituída preferentemente por ingreso na conta bancaria, que facilite a persoa interesada, aberta ao seu propio nome ou de calquera membro da unidade familiar, e de forma extraordinaria por unha prestación en efectivo mediante o procedemento de anticipo de caixa fixa.

Tamén ditas modificacións do orzamento afectan aos límites a partir dos cales se establece a necesidade de achegar ao expediente de contrato menor tres orzamentos. A situación excepcional que se está a vivir fai necesaria unha axilización de procedementos por parte das Administracións públicas que permita dar solución e respostas rápidas ás necesidade que van xurdindo. Deste xeito, proponse axilizar os trámites para a tramitación de expedientes de contrato menor, establecendo novos límites por enriba dos cales se precisan a entrega de 3 orzamentos para o caso dos contratos menores de servizos e submnistros e contratos menores de obras, flexibilizando e axilizando estes procedementos de contratación.

Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi o recurso de reposición presentado por Serviocio contra o acordo plenario do 16 de abril de 2020. En dita sesión plenaria aprobouse por unanimidade a desestimación da solicitude feita pola empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames, para a compensación económica debido a paralización da súa actividade empresarial.

Incorporación á asociación Red Innpulso
Ademais, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Ames á asociación Red Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación, amosando conformidade os seus estatutos e aboando a cota correspondente a esta primeira anualidade. En abril de 2019 o Concello e Ames recibiu comunicación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades sobre a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, na convocatoria correspondente ao ano 2018, outorgada mediante resolución da Secretaria de estado de Universidades, Investigación, Desarrollo e Innovación. Esta distinción foi concedida grazas á presentación do proxecto Inno@mes.

A Asociación Red INNPULSO de Cidades da Ciencia e a Innovación ten como obxectivo recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de Ciencia e Innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Red, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros concellos para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento a a innovación.

Ratificación do decretos de alcaldía
Por último, aprobouse por unanimidade a ratificación de tres decreto de alcaldía, aprobados neste mes de maio, sobre a constitución de anticipo de caixa fixa 2/2020 para pagamentos das renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social durante o estado de alarma aprobado polo real decreto 463/2020, do 14 de marzo; a corrección de erros do acordo plenario de 30 abril de 2020 sobre a solicitude do plan provincial de 2020; e o levantamento da suspensión de prazos no expediente de derrogación da ordenanza fiscal nº 3.b.3, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Imaxe do pleno telemático correspondente ao mes de maio de 2020

Multimedia

  • Imaxe do pleno telemático correspondente ao mes de maio de 2020
  • Imaxe do pleno telemático correspondente ao mes de maio de 2020
  • Imaxe do pleno telemático correspondente ao mes de maio de 2020
  • Imaxe do pleno telemático correspondente ao mes de maio de 2020