Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade que se asine un convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para transferir a avenida da Maía ao Concello de Ames

Viernes, 27 de diciembre de 2019

Este xoves, 26 de decembro, realizouse o pleno ordinario do mes de decembro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade que se asine un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora do firme da avenida da Maía e que está vía pase a ser de titularidade municipal. Ademais, aprobouse por unanimidade a formalización de dous convenios coa Deputación da Coruña, un para o cofinanciamento de obras na ponte Cabirta e outro para o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. Tamén se lle deu luz verde á aprobación dun plan económico-financeiro para o período 2019-2020; a modificación da ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público; a terceira modificación do ROM; a modificación dos estatutos da Asociación de entidades pola Lingua Galega; a modificación do proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián; e a unha proposta sobre emigración á instancia da plataforma social Vía Galega.

O Pleno aprobou por unanimidade que se asine un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames. Deste xeito, a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do  firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Este convenio está ligado ao orzamento da Xunta de 2020.

Do proceso de licitación deste proxecto encargarase o Concello de Ames. Dito proxecto está dividido en dúas partes: a primeira abarca a mellora do firme dende a glorieta da autovía AG-56 ata o centro de Bertamiráns (73.000 euros) e o segundo dende o centro de Bertamiráns ata o límite municipal con Brión (68.000 euros). Esta vía precisa dunha mellora no firme da estrada que consiste na reparación de blandóns e roturas, tratamento superficial e o repintado das marcas viarias aproximadamente nuns 2.140 metros de lonxitude.

Este acordo chega despois de máis de dous anos de negociacións. Ditas negociación comezaron en maio de 2017 e finalizan agora con este acordo que permitirá que o tramo da estrada AC-543, na travesía da Avenida da Maía, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390, pase a ser de titularidade municipal. Isto permitirá que o Concello poida executar as obras de humanización da contorna da praza do Concello, incluídas na EDUSI, que tamén afectan a unha parte da avenida da Maía, sen ter que solicitar permisos á Xunta de Galicia.

Obras na ponte Cabirta e na EIM O Bosque
No pleno ordinario de decembro tamén se adoptaron, por unanimidade, outros dous importantes acordos como foron a formalización de dous convenios coa Deputación da Coruña, un para o cofinanciamento de obras na ponte Cabirta e outro para o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. Deste xeito, continuarase coa tramitación para dispor dunha axuda da Deputación da Coruña para realizar obras de protección e consolidación da calzada e o arco da ponte Cabirta no río Sar. A subvención solicitada é do 75% do custe de realización das obras (27.000 euros). Esta actuación ten un presuposto total de 36.000 euros. Trátase dun proxecto de alto valor patrimonial e cultural.

Por outra banda, a Deputación da Coruña achegará unha subvención para o cofinanciamento das obras de acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da gardería municipal O Bosque. O orzamento das obras, segundo o proxecto técnico redactado ao efecto, estímase en 78.920,40 euros. Neste caso a Deputación cofinanciaría ao 75% (52.000 euros) a realización das obras deste proxecto que inclúe a mellora térmica da cuberta e fachadas dos módulos da parte traseira da escola, para evitar posibles filtracións de auga e maila mellora das condicións térmicas destas instalacións.

Plan económico-financeiro 2019-2020
Ademais, a Corporación municipal autorizou a aprobación dun plan económico-financeiro para o período 2019-2020 de acordo co previsto no artigo 21 da Lei orgánica 2/2012 do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira por incumprimento da regra de gasto a 31 de decembro de 2018. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

O obxectivo deste plan é cumprir a regra de gasto, como máximo, a 31 de decembro de 2020. A Conta Xeral de 2018 arroxa un superávit de 3.788.387 euros e un remanente de tesourería positivo de 8.448.782 euros, polo que con actuar no apartado de ingresos  é suficiente para cumprir a devandita regra de gasto. Polo tanto o axuste financeiro feito é mínimo e coa modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles é suficiente. Esta modificación implica o incremento do tipo impositivo do IBI do 4,44% para os inmobles de natureza urbana ao 0,50%. Esta medida así como a planificación do gasto e dos investimentos nos orzamentos 2019-2020 permitiralle ao Concello o cumprimento da regra de gasto en ambos exercicios.

Ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos
Outro dos temas económicos que se aprobou foi a modificación da ordenanza de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno e dos concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e Ciudadanos, José Ramón Oulego, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.

Tras máis de dez anos dende a súa aprobación foi preciso derogar a antiga e elaborar unha nova ordenanza co obxectivo de mellorar o proceso administrativo e a redución das cargas administrativas que se impoñen aos cidadáns. A nova ordenanza consta de 63 artigos, que están divididos en títulos, capítulos e seccións. Ademais, consta de tres disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dunha disposición final en capítulos, seccións e artigos.

Esta ordenanza establece mecanismos tendentes á redución das cargas administrativas innecesarias o accesorias, como no caso da tramitación dos expedientes de fraccionamento e aprazamento que é modificado substancialmente. Nesta liña, afóndase na axilización dos procedementos con especial énfase na súa tramitación electrónica. Tamén se adoptan diversas medidas facilitadoras do pagamento de tributos, como a simplificación das formas de pago mediante o impulso da domiciliación ou do cargo en conta e, en especial, do pago mediante tarxeta bancaria.

Terceira modificación do ROM
Outro dos temas aprobados foi a terceira modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames para modificar os artigos 10 e 15 co obxectivo de que os concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e Ciudadanos, José Ramón Oulego, poidan asistir ás Comisións informativas e ás Xunta de voceiros. Os dous forman parte do grupo mixto, polo que terán que repartirse o posto de voceiro do grupo, e o que non sexa voceiro poderá asistir ás reunións de ditos órganos como invitado, con voz pero sen voto. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno e dos concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e Ciudadanos, José Ramón Oulego, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.

Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación dos estatutos da Asociación de entidades pola Lingua Galega, que tivo lugar por acordo da asemblea xeral da Asociación o 29 de outubro e 2019; e a modificación do proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián.

Por último, aprobouse unha proposta presentada polos concelleiros/as do BNG, PSdeG, Contigo Podemos e Ames Novo sobre emigración á instancia da plataforma social Vía Galega. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, votaron en contra.

A plataforma social Vía Galega está desenvolvendo unha campaña por toda Galicia sobre o drama social e nacional que supón a emigración para o pobo galego. En dita proposta solicítase que se impulsen políticas acaidas para rematar coa emigración dos mozos e mozas e que teñan dereito a un traballo digno en Galicia, así como o retorno das persoas emigradas.

Imaxe do pleno ordinario de decembro de 2019

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de decembro de 2019
  • Imaxe do pleno ordinario de decembro de 2019