Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade o regulamento de xestión do Ciclo Integral da Auga

Viernes, 28 de julio de 2023

Este xoves, día 27, celebrouse o pleno ordinario do mes de xullo que foi a primeira sesión ordinaria do mandato 2023-2027. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou o regulamento para a xestión do Ciclo Integral da Auga e dous proxectos de pavimentación de viarios en Raíces e Ínsua, que están incluídos no Plan AGADER. Tamén se aprobou un expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Carballo, o proxecto de eficiencia enerxética e de iluminación pública no parque empresarial do Milladoiro, a modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal, o suplemento de crédito 2/2023 e mailo recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2023. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 967 decretos, do 1.430 ao 2.396.

A continuación, aprobáronse por unanimidade as actas de plenos anteriores correspondentes á sesión extraordinaria de constitución da nova corporación do 17 de xuño, sesión extraordinaria de sorteo das mesas electorais do 22 de xuño, sesión extraordinaria de organización do 28 de xuño, e sesión extraordinaria e urxente de concesión de medalla do Concello do 18 de xullo.

Proxectos de pavimentación do plan AGADER
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer os puntos correspondentes aos proxectos de pavimentación dos viarios de Raíces, na parroquia de Biduído, e de Ínsua, na parroquia de Agrón, que están incluídos no Plan AGADER. Este dous puntos foron aprobados por unanimidade.

O primeiro denomínase pavimentación de viario en Raíces (Biduído) e outros, que recolle tamén a mellora dun camiño que vai dende A Tarroeira a Lapido e doutro camiño de A Mámoa, en Tapia. Este proxecto conta cun presuposto total de execución por contrata de 19.833,33 euros, dos cales 3.442,15 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello.

O segundo proxecto recolle a pavimentación do viario en Insua (Agrón), que conta con un presuposto total de execución por contrata de 39.512,33 euros, dos cales 6.857,53 euros son a parte correspondente ao IVE que tamén debe asumir o Concello. Deste xeito, a través do plan AGADER sufráganse 32.654,80 euros e o Concello terá que achegar 6.857,53 euros. A contía total de ambos proxectos ascende a 39.512,33 euros dos cales 13.714,73 euros corresponden ao exercicio 2023 e 25.797,60 euros ao exercicio 2024.

A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “son actuacións que se levan reclamando dende hai tempo polo que imos a votar a favor destes puntos”. Dende o BNG, a concelleira Escarlata Pampín dixo “somos conscientes das necesidades de mellora do noso rural. Queremos un rural con servizos, ordenado e que invite a vivir nel. Estes proxectos están relacionados con ter uns accesos viarios en boas condicións, polo que imos votar a favor”. Tamén aproveitou para pedir que “cando se desenvolvan estes proxectos se conte coas achegas e suxestións das asociacións de veciños”. O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo que “son investimentos importantes para o rural e ímolos apoiar”.

Investigación patrimonial dun camiño en Trasmonte
Outro dos temas que se abordaron foi un expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Carballo, pertencente á parroquia de Trasmonte, que foi aprobado cos  votos a favor dos oito concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do 5 edís do BNG e da concelleira e Espazo Común. Os sete concelleiros e concelleiras do partido Popular abstivéronse.  

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, explicou que en xaneiro de 2020 un veciño de dito lugar presentou unha solicitude iniciándose no mes de maio de 2020 un expediente de investigación patrimonial que determinou que dito camiño é publico. Trátase dun camiño de 227 metros cadrados que linda con tres parcelas do lugar que ten carácter de ben de dominio publico.

Regulamento de xestión do Ciclo integral da auga
A Corporación municipal aprobou por unanimidade o regulamento do servizo municipal de abastecemento de agua, potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Dita aprobación inicial do regulamento debe someterse a información pública, por prazo de 30 días hábiles, a efecto de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “se trata dun paso máis para proceder a xestión municipal do ciclo integral da auga. Dito regulamento regulará a relación entre a subministradora do servizo e mailos usuarios e usurarias, polo que imos a votar a favor”. O concelleiro do BNG, Alexandre Espinosa, dixo que “dende o BNG imos a votar a favor porque a municipalización de dito servizo ocasiona un aforro de custes e axuda a manter a calidade do servizo. Botamos en falta que se inclúa no regulamento que se se buscará a universalidade da prestación deste servizo”. O concelleiro do Partido Popular, José Ramón Oulego, destacou que “este é un regulamento que substitúe ao que tiñamos do ano 2014. Tiñamos que adaptar o regulamento á normativa que se publicou nos últimos anos. Entrando no contido é un regulamento semellante ao de 2014. É certo que inclúe algunhas melloras como é a posibilidade de levar auga ao rural con cisternas, algo moi solicitado pola veciñanza do rural”.

Eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade o proxecto técnico de eficiencia enerxética e iluminación pública para o parque empresarial Novo Milladoiro, que conta cun orzamento de execución por contrata de 52.254,65 euros. Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, o Concello de Ames conta cunha subvención da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. A través de dita subvención sufrágase o 80% do proxecto, o 20% restante do importe total ten que achegalo o Concello.

Este proxecto pretende renovar parte da iluminación pública da zona do parque empresarial do Milladoiro para adaptarse á normativa existentes e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade de iluminación, factores de cegamento, contaminación lumínica e redución do consumo enerxético, garantindo un uso sustentable das instalacións e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.

Sobre este asunto o alcalde, Blas García, dixo que “durante os últimos cinco anos cambiáronse preto de 5.000 luminarias en todo o concello para pasar as luminarias ao sistema de led. Coa execución deste proxecto e do proxecto de mellora da eficiencia enerxética na iluminación publica no Novo Milladoiro e parque empresarial e industrial, incluído no POS+ 2023, que se aprobou o expediente de licitación na Xunta e Goberno Local deste xoves 27 de xullo, quedaría toda a iluminación pública do concello con tecnoloxía led o que ocasiona un importante aforro económico”.

Servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal
Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal do Concello de Ames, correspondente ao lote 3 do expediente de licitación por lotes do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que dito contrato iniciouse o 1 de setembro de 2022. Posteriormente o 21 de abril de 2023 a responsable do contrato emitiu un informe sobre a necesidade de modificar o contrato, que ascende a 11.067,25 euros ao ano e se corresponde cun incremento anual de horas de 2.213 anuais, non superando así a porcentaxe do 20% de modificación do contrato.

Suplemento e recoñecemento extraxudicial de crédito
A Corporación municipal tamén debateu sobre o suplemento de crédito 2/2023.  Segundo dixo a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, “estamos no segundo semestre do exercicio 2023 e vemos necesario dotar crédito para facer fronte a gastos do exercicio 2022, cuxas facturas tiveron entrada no concello no exercicio 2023, e para os que será necesario tramitar un recoñecemento extraxudicial de crédito aos efectos de que poidan ser abonados e o Concello poida cumprir co período medio de pago. O importe ascende a 1.339.877,51 euros”.

Engadiu “tamén se comproba que é necesario dotar de crédito a determinadas áreas de gasto, cuxo saldo resulta insuficiente para facer fronte aos gastos do exercicio, fundamentalmente responden a gastos de limpeza de instalacións, produtos de alimentación da rede de comedores escolares e escolas infantís. Tamén se inclúe un incremento na partida de emerxencias sociais, xa que está resultando insuficiente ao medrar o número de rendas de garantía municipal concedidas respecto ao exercicio anterior. Este importe ascende a 357.700 euros Ademais vanse executar novos investimentos, por 210.000 euros, tendo en conta o bo resultado do remanente de tesourería”.

Neste punto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “este é o segundo suplemento de crédito que se trae a este pleno en menos de seis meses dende a aprobación do orzamento de 2023. Atopámonos cun novo asalto ao remanente de tesourería, que pasará en algo menos de tres meses de 8 millóns de euros a 300.000 euros”. A concelleira do BNG, Natividade González, preguntou “por un importe de 30.000 euros que se imputa a traballos do goberno en publicidade. Gustaríanos saber por un tema de transparencia en que se gastou dita contía”. O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “con este suplemento de crédito ponse de manifesto o que viñamos denunciando o mandato pasado, que agardemos que non continúe así, que é a falta de planificación deste goberno. Non pode ser que se aprobe un orzamento en prazo e que en tres meses gastemos oito millóns de remanente de tesourería”.

Sobre este asunto o alcalde dixo “é certo que se trouxo ao pleno no mes de maio un suplemento de crédito, pero todos e todas sabemos que foi para poder acometer as obras e investimento recollidos no Plan Ames Progresa 2021 – 2023. Un plan que se leva executando por unanimidade desta Corporación dende hai tres anos, co cal eses oito millóns de euros dos que se está a falar non van destinados a pagar facturas. Preto de catro millóns están destinados a facer obras e investimentos dos que se van a beneficiar todos os veciños e veciñas”.

Este punto saíu adiante co voto a favor dos oito concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, dos 7 edís do Partido Popular e dos 5 concelleiros/as do BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose neste punto.

Por último, aprobouse por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito debido a existencia de obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago, cuxo importe ascende a 87.905,32 euros, e que se corresponden todas elas a gastos realizados no exercicio 2022.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Os suplementos de crédito tensan o pleno de Ames"

La Voz de Galicia: "Ames concluye la implantación de luces led al extenderla a Novo Milladoiro"

Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023
  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023
  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023
  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023
  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de xullo de 2023