Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade o gasto plurianual de 1.470.288 euros para executar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural

Viernes, 31 de enero de 2020

Este xoves, 30 de xaneiro, realizouse o pleno ordinario do mes de xaneiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade o gasto plurianual, para os exercicios 2020, 2021 e 2022, dun importe de 1.470.288,94 euros (294.057,79 euros correspondentes a achega municipal e 1.176.231,15 euros correspóndense coa subvención do IDAE), para o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado no rural do concello de Ames. Ademais, aprobáronse por unanimidade outros temas como a adhesión á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad; a primeira modificación do Regulamento de Participación Cidadá; a segunda modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal Ames Radio: e a aprobación do proxecto técnico de Rede de saneamento no lugar de Castelo. Tamén se abordaron seis propostas e dúas mocións presentadas por vía de urxencia polo grupo municipal popular.

A Corporación municipal aprobou este xoves, por unanimidade, no pleno ordinario do mes de xaneiro, o gasto plurianual de 1.470.288 euros para executar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado no rural. Para desenvolver dito proxecto, o Concello de Ames conta cunha axuda de 1.176.231,15 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,79 euros, serán sufragado con fondos propios municipais.

O gasto efectuarase de xeito plurianual durante os exercicios 2020, 2021 e 2022, distribuído nas seguintes anualidades: en 2020 efectuarase un gasto de 176.434,67 euros (35.286,93€ de fondos municipais e 141.147,74€ de fondos Feder); en 2021 gastarase 1.029.202,26 euros (205.840,45€ de fondos municipais e 823.361,81€ de fondos Feder); e en 2022 realizarase un gasto de 264.652,01 euros (52.930,40€ de fondos municipais e 211.721,61€ de fondos Feder).

No ano 2020 iniciaríanse os expedientes de licitación da redacción do proxecto e dirección de obra e tamén do contrato mixto subministro e obras das luminarias, estimándose que no mes de outubro se iniciaría a execución do contrato, de forma que ata final de ano o importe executado ascendería a 141.147,74 euros. No ano 2021 continuaríase coa execución ata o importe indicado máis a parte correspondente da dirección de obra. No ano 2022 remataríanse as actuacións (tres primeiros meses) e ademais do importe das obras inclúese a parte correspondente da dirección de obra.

Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad
En segundo lugar, aprobouse por unanimidade a adhesión á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad, que ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos gobernos locais españois, a adopción de políticas, plans e programas en materia da conservación e o fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da conectividade ecolóxica e a salvagarda dos ecosistemas. Esta rede foi constituída en 2006 pola FEMP. Coa inclusión en dita Rede preténdese poder optar a distintas axudas para desenvolver novas actuacións sobre a conservación e o fomento da biodiversidade.

Modificación dos regulamentos de Participación Cidadá e de Ames Radio
Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación dos artigos 12, 20 e 26 do regulamento de Participación Cidadá. Dita modificación faise co obxectivo de dispor dunha regulación máis pormenorizada do funcionamento da Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións, particularmente no referente a función de Secretaría que elabore as actas que acrediten a asistencia efectiva e, polo tanto, o dereito a percibir indemnizacións por asistencias as súas sesións. Aproveitando a necesidade de facer dita modificación, considerase oportuno realizar outras modificacións do referido regulamento que afectan aos Consellos Sectoriais e Asemblea de Participación Cidadá ou da Veciñanza.

Poderase así, afondar na garantía individual do dereito de participación que asiste a cada concelleiro e concelleira, posibilitando a súa asistencia tanto á Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións, á Asemblea de Participación Cidadá ou da Veciñanza como aos Consellos Sectoriais, a aqueles concelleiros e concelleiras que sen ser integrantes destes órganos, á súa presenza se considere oportuna ao obxecto de mellorar a calidade da devandita participación e información, os cales poderán acudir en calidade de observadores con voz pero sen voto e retribución. Por outra parte, regúlanse de xeito máis pormenorizado os Consellos Sectoriais, establecéndose unha composición mínima, posibilitando que sexa o propio regulamento de funcionamento o que estableza a composición máis acaida do mesmo en atención ás características e natureza de cada consello.

Tamén se aprobou por unanimidade a segunda modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal Ames Radio. Dito regulamento foi modificado por primeira vez na sesión plenaria do 30 de marzo de 2017. No momento actual, considérase oportuna unha segunda modificación, que afecta unicamente o artigo 6, que regula a composición do Consello Asesor de Comunicación. A modificación comprende dous obxectivos: facilitar a presenza dos concelleiros/as do grupo mixto no Consello Asesor de Comunicación e modificar a representación das asociacións no Consello Asesor de Comunicación que non terá carácter obrigatorio e constará dun único representante (titular e suplente).

Rede de saneamento no lugar de Castelo
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade o proxecto técnico de Rede de saneamento no lugar de Castelo, pertencente á parroquia de Ames, e que conta cun orzamento de execución por contrata de 33.192,78 euros. No orzamento municipal 2019, prorrogado para o 2020, inclúese unha partida para actuacións vinculadas ao ciclo integral da auga, por importe de 100.000 euros. Estas actuacións teñen que definirse ao longo deste exercicio para poder iniciar os correspondente expedientes de licitación. Este proxecto recolle  a ampliación da liña de saneamento  para unha serie de vivendas que se atopan na marxe esquerda da estrada que vai de Castelo cara Proupín. Deste xeito, vaise conectar pola parte traseira de ditas vivendas, mediante un sistema de impulso por bombeo, á rede xa existente.

Propostas presentadas
Por outra banda, debatéronse seis propostas sobre diversos temas. O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, presentou tres propostas. Na primeira, que tratou sobre a adhesión do Concello de Ames ao programa Viogen, a Corporación municipal aprobou por unanimidade deixala encima da mesa xa que o Concello de Ames xa dispón dunha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. A segunda proposta presentada por José Ramón Oulego tratou sobre a conmemoración do día internacional contra a corrupción. Esta proposta foi aprobada por unanimidade. A terceira proposta do concelleiro de Ciudadanos solicitaba o apoio aos órganos constitucionais e para instar ao actual goberno de España a non realizar concesións aos grupos independentistas. Esta proposta foi rexeitada con 14 votos en contra (dos oito concelleiros/as do PSdeG, dos/as tres edís do BNG, das dúas concelleiras de Contigo Podemos e do concelleiro de Ames Novo) e 7 a favor (dos seis concelleiros/as do PP e do concelleiro de Ciudadanos).

O grupo municipal socialista presentou unha proposta sobre a política do Goberno galego en relación á prestación do servizo de pediatría, que foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do PSdeG, BNG, Contigo Podemos, Ames Novo e Ciudadanos. Os/as edís do Partido Popular votaron en contra. Ademais, o goberno municipal presentou unha proposta sobre o financiamento das entidades locais na prestación do servizo de axuda no fogar. Esta moción, ao igual que a anterior saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do PSdeG, BNG, Contigo Podemos, Ames Novo e Ciudadanos, mentres os/as edís do Partido Popular votaron en contra. Por último, aprobouse por unanimidade unha proposta presentada por todos os grupos municipais para solicitar a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-544, que une las localidades de Bertamiráns e Negreira, ao seu paso polas parroquias do concello de Ames.

Mocións presentadas por vía de urxencia
O grupo municipal popular presentou dúas mocións por vía de urxencia. Primeiro aprobouse por unanimidade a urxencia das mesmas. De seguido pasouse a debater o seu contido. A primeira, na que se instaba ao presidente do goberno de España a que non alcance acordos que vulneren o establecido na Constitución e no resto do ordenamento xurídico español, foi rexeitada con 14 votos en contra (dos oito concelleiros/as do PSdeG, dos/as tres edís do BNG, das dúas concelleiras de Contigo Podemos e do concelleiro de Ames Novo) e 7 a favor (dos seis concelleiros/as do PP e do concelleiro de Ciudadanos).

A segunda moción, na que se instaba ao goberno de España a aboar a débeda pendente a Galicia (correspondente coa liquidación dunha mensualidade do IVE de 2017 e cos incentivos polo bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018), tamén foi rexeitada. Neste caso con 10 votos en contra (dos oito concelleiros/as do PSdeG e das dúas concelleiras de Contigo Podemos), 8 votos a favor (dos seis concelleiros/as do PP, do concelleiro de Ciudadanos e do concelleiro de Ames Novo), e 3 abstencións correspondentes aos edís do BNG.

Imaxe do pleno ordinario de xaneiro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de xaneiro
  • Imaxe do pleno ordinario de xaneiro