Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade o crédito extraordinario 1/19, por valor de 312.127 euros, para sufragar as actuacións de 2019 incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI

Viernes, 01 de febrero de 2019

Este xoves, 31 de xaneiro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade concertar o crédito extraordinario 1/19, por valor de 312.127 euros, para sufragar as actuacións do exercicio 2019, incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. Outros temas que saíron adiante foron: a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia cidadá do Concello de Ames; a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa; a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas; e mailo Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames.

O Pleno deulle luz á concertación dun crédito extraordinario, por valor de 312.127,29 euros, para poder sufragar as actuacións do exercicio 2019 incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. A situación económica do Concello permite concertar este tipo de créditos para abordar o financiamento de grandes investimentos. Neste caso o Concello de Ames está inmerso na execución do Plan Impulsa Ames, para o que conta con 5 millóns de euros de fondos FEDER. Ademais, o Concello de Ames ten que achegar a este plan a contía de 1.250.000 euros, que representa o 20% do total. A estratexia desenvolverase ao longo dos exercicios 2018-2023.

Para facer fronte nas distintas anualidades á achega municipal das distintas actuacións, estase a acudir a concertación de operacións de endebedamento en cada anualidade. Na actualidade estase a traballar no proxecto de orzamentos para 2019, sen embargo iniciado o exercicio faise necesario acometer os investimentos incluídos na estratexia EDUSI Impulsa Ames para este exercicio. Para o 2019 recóllense novas actuación para a posta en marcha neste exercicio, sen embargo outras xa foron iniciadas en 2018 e necesitan contar con financiamento para que se executen na súa totalidade este ano.

Polo tanto as actuacións previstas deben adecuarse ao calendario enviado ao Ministerio e non poden demorarse, polo que é preciso acudir á concertación de dita operación de endebedamento para facer fronte as actuación incluídas na anualidade 2019. Executar ditos proxectos terá un custo de 1.776.636,45 euros, dos cales 1.421.309,16 euros sufráganse con fondos FEDER e os 355.327,29 euros restantes achégaos o Concello de Ames.

As actuacións que se financiarían neste exercicio serán as seguintes: instalación dun sistema térmico en edificios municipais; implantación de procedementos de E-administración; instalación de dispositivos de sensorización presencial en farois, en equipamentos socioculturais e deportivos; eliminación de barreiras de accesibilidade; implantación da Tarxeta cidadá; instalación de equipamento de módem Wifi e de ordenadores cos periféricos necesarios para todos los equipamentos públicos existentes no municipio; implantación da carteleira dixital; instalación de sensores lumínicos en diferentes tramos de alumeado público municipal xestionando a intensidade lumínica emitida polos farois; instalación do alumeado no sendeiro do CEIP Agro do Muíño; construción con criterio de eficiencia enerxética do Centro multidisciplinar xoven; e deseño e desenvolvemento do programa de inserción de colectivos.

Ordenanza de Convivencia Cidadá
Outros temas que saíron adiante foron a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia Cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa. A ordenanza de Convivencia Cidadá foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos/as edís do grupo municipal de Ames Novo, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular e de Pacto por Ames, abstivéronse. Dita ordenanza ten como obxecto preservar o espazo público como lugar de encontro, convivencia e civismo, no que todas as persoas poidan desenvolver en liberdade a libre circulación, ocio e recreo, con pleno respecto á dignidade, aos dereitos dos demais e á pluralidade de expresións culturais, políticas, lingüísticas e relixiosas, e de formas de vida diversa existentes no Concello de Ames.

Así mesmo, esta ordenanza ten por obxecto a prevención de calquera actuación perturbadora da convivencia cidadá e a protección, tanto dos bens públicos de titularidade municipal como das instalacións e elementos que forman parte do patrimonio urbanístico e arquitectónico do Concello de Ames fronte ás agresións, alteracións e/ou usos indebidos dos que poidan ser obxecto, a sanción das condutas incívicas e a reparación dos danos causados. É tamén obxecto desta Ordenanza establecer normas que favorezan o normal desenvolvemento da convivencia cidadá, o bo uso e desfrute dos bens de uso público, así como a súa conservación e protección no ámbito das competencias municipais.

Ademais, aprobouse, por unanimidade, o regulamento do programa Xantar na Casa. O pasado 4 de xuño de 2018 o Concello de Ames asinou co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa (previa aprobación plenaria en sesión do 5 de abril de 2018). Posteriormente, houbo que elaborar unha normativa municipal que permita regulamentar o funcionamento do servizo. O departamento municipal de Servizos Sociais elaborou unha proposta de regulamento, que foi sometido ao tramite de información previa dende o 5 de decembro de 2018 ata o 7 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. Durante dito período non houbo ningunha suxestión.

Regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas
Tamén se aprobou, por unanimidade, a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas. O pasado 25 de outubro de 2018 o Pleno aprobou inicialmente dita modificación, que foi sometida á exposición pública. Durante o prazo de exposición pública, que comprendeu dende o día 8 de novembro ata o día 20 de decembro de 2018, ambos inclusive, foron presentadas tres alegacións. Ditas alegacións foron informadas polo servizo de Educación do Concello de Ames, que propuxo a súa desestimación, polo que agora se procedeu á aprobación definitiva da modificación do regulamento, tal e como foi aprobado no Pleno do 25 de outubro de 2018.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade, o Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, aprobado previamente, pola Mesa Xeral de Negociación o 18 de decembro de 2018. 

Propostas do Partido Popular
O grupo municipal do Partido Popular presentou unha proposta para instar ao Ministerio de Medio Ambiente e á Xunta de Galicia, para que os fondos europeos do programa operativo FEDER 14-20 segan quedando en Galicia e que unha parte deles, sexan reasignados para melloras de saneamento e depuración en Ames. Esta proposta foi rexeitada co voto en contra dos membros do goberno municipal e dos/as edís do grupo municipal de Ames Novo, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron a favor.

Por último, o grupo municipal popular presentou unha proposta instando ao Goberno de España ao recoñecemento de Juan Gerardo Guaidó como presidente interino de Venezuela co obxectivo de convocar eleccións con garantías. Esta proposta contou cos votos a favor do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/s concelleiros/as de Ames Novo, BNG e maila concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, votaron en contra, mentres que os/as edís do PSdeG e mailos concelleiros de Contigo Pódese, Javier García e Silvia Dapena, abstivéronse. Deste xeito, houbo un empate con 7 votos a favor e 7 votos en contra. Ao existir un empate houbo unha segunda votación, na que se repetiu o votado anteriormente. Así, tivo que decidir o voto de calidade do alcalde. O rexedor ao absterse neste punto mantívose o empate, polo que a proposta quedou encima da mesa.

Contido relacionado:

La Voz de Galicia: "La normativa de convivencia de Ames fija trabajos comunitarios para las infracciones de menores"
Lindeiros: "Regulamentos e crédito para a EDUSI no pleno de xaneiro de Ames"
Compostela 24 horas: "Ames aproba por unanimidade o crédito extraordinario de 312.127€ para sufragar as actuacións da EDUSI 2019"

Imaxe do pleno celebrado o 31 de xaneiro de 2019