Solapas principales

O Pleno aproba novas bonificacións nas ordenanzas municipais e incorpora unha nova taxa para os caixeiros das entidades bancarias

Viernes, 30 de octubre de 2015

[30-10-2015] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de outubro que tivo un marcado carácter económico polos temas tratados. Nesta sesión plenaria aprobouse a modificación de cinco ordenanzas fiscais municipais de cara ao exercicio 2016. Ademais, aprobouse de xeito inicial unha nova ordenanza que establece unha taxa para os caixeiros automáticos das entidades bancarias. Tamén se aprobou por unanimidade unha transferencia de crédito de 120.000 euros a favor de Augas de Galicia pola potabilizadora Ames-Brión, que xunto aos 280.000 euros que se pagarán co canon do Ciclo Integral da Auga suman un importe total de 400.000 euros. Por último, aprobouse por unanimidade o crédito extraordinario 2/2015 e a aprobación do suplemento de crédito 2/2015. A través deste operación o Concello dispón de 615.375,27 euros para financiar gastos xa efectuados, novos proxectos e para aboar o 26% da paga extra de decembro de 2012, que está pendente de pago.


Modificación das ordenanzas fiscais municipais
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, tamén foi a encargada de informar das propostas do executivo amesán para a modificación das ordenanzas municipais de cara ao exercicio 2016. A edil de Economía e Facenda destacou que “se van establecer medidas de fiscalización progresivas que permiten unha redistribución dos recursos e incorporar novas bonificacións para apoiar a determinados sectores desfavorecidos (familias numerosas, parados/as), así como para potenciar as políticas socias, de promoción do emprego e de mellora do medio ambiente e desenvolvemento sostible”.

En primeiro lugar abordouse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de bens inmobles. Este punto saíu adiante con 9 votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, mentres que os 12 edís restantes abstivéronse. Segundo explicou a edil de Economía e Facenda vaise reducir a carga fiscal do IBI, mantendo a porcentaxe do 0,44% establecida na ordenanza, e poñendo fin á taxa do 0,5% que se estaba a aplicar nos últimos 4 anos.

Como novidades incorpóranse o recargo do 25% da cota para inmobles desocupados polo menos durante dous anos, unha bonificación dun 90% para as familias numerosas con todos os membros en paro e que non perciban prestacións, e unha bonificación do 50% e 25% o primeiro e segundo ano en inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

O grupo municipal de Pacto por Ames presentou unha proposta concreta a través de dúas emendas a este punto, pero non puideron ser votadas xa que requirían dos correspondentes informes dos técnicos municipais para poder ser valoradas. Estas emendan recollían a proposta de aplicar unha porcentaxe do 0,40% para intentar baixar ao mínimo posible o recibo do IBI e unha emenda ás bonificacións propostas polo goberno municipal.

Dende o grupo municipal de Ciudadanos expresaron a súa intención de facer unha baixada do IBI de forma progresiva, mentres que dende o grupo municipal de Ames Novo propuxeron falar primeiro do novo orzamento de 2016 e despois da rebaixa do IBI, para coñecer se a diminución dos ingresos recadados a través deste importo vai afectar a prestación dalgún servizo municipal. Por último, dende o grupo municipal popular manifestaron que aplicando a porcentaxe do 0,44% estase volvendo a situación de hai tres anos, unha situación previa á medida extraordinaria aplicada polo Goberno central de incrementar o IBI durante os tres últimos anos.

A continuación, abordouse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre actividades económicas, que foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor de todos os edís da corporación, excepto o concelleiro de Ciudadanos que se abstivo. Neste senso, o goberno amesán propuxo incorporar dúas novas bonificacións nesta ordenanza.

A primeira é para fomentar a creación do emprego bonificando a cota tributaria segundo se incremente o número de empregados con contrato indefinido. Así, preténdese establecer tramos (incremento de entre un 5% e 10% bonificación dun 15%; máis dun 10% e ata un 20% bonificación dun 30% da cota; e máis dun 20% de incremento bonificación dun 50%). Outra novidade é incorporar a bonificación dun 50% o primeiro ano e dun 25% o segundo ano, para todos os establecementos que utilicen ou produzan enerxía a partir de instalacións de aproveitamento de enerxías renovables ou sistema de coxeneración.

Ordenanza do IVTM e terrazas
Na ordenanza do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) propúxose a modificación dos coeficientes en función da potencia dos vehículos, gravando cun coeficiente maior aos vehículos con máis potencia, aplicando o 1,4 e 1,5. O Concello de Ames é un dos concellos que está a aplicar o coeficiente máis baixo (1,3 dentro dun máximo de 2). A modificación desta ordenanza foi aprobada con 13 votos a favor dos membros do grupo de goberno e dos catro concelleiros/as do grupo municipal de Ames Novo, mentres que os 8 edís dos grupos municipais do Partido Popular, Pacto por Ames e Ciudadanos votaron en contra.

Na ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa vanse modificar os períodos das temporadas reducindo de 6 meses a 4 meses a temporada alta e aumentando de 6 meses a 8 meses a temporada baixa, co cal, como se aplican distintas tarifas segundo temporadas, esta medida vai supoñer unha rebaixa do importe anual que están a pagar os hostaleiros, xa que se paga máis en período de temporada alta. A modificación desta ordenanza tamén foi aprobada por maioría absoluta con 16 votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e dos grupos municipais de Pacto por Ames e do Partido Popular. Os 5 edís de Ciudadanos e Ames Novo abstivéronse.

Nova ordenanza para os caixeiros
Outra das novidades é que se vai incorporar unha nova ordenanza que establece unha taxa para as entidades bancarias pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local con caixeiros automáticos, establecendo unha taxa de 709,88 euros/ano por caixeiro. O goberno municipal calcula que a través desta nova ordenanza se van a recadar arredor de 4.000 euros. Esta ordenanza foi aprobada por unanimidade, ao igual que a modificación da ordenanza fiscal de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público do Concello de Ames.

A sesión plenaria foi levantada á media noite quedando pendentes de tratar catro mocións, que estaban incluídas na orde do día, e outras catro que foron presentadas por vía de urxencia. Estas mocións serán incluídas na orde do día do vindeiro pleno ordinario que se celebre.

O Pleno comezou cun minuto de silencio en repulsa do asasinato machista dunha muller en Vigo, a segunda galega asasinada en tan só unha semana, a sexta asasinada a mans da súa parella ou exparella, e a novena vítima do machismo en Galicia. O Concello de Ames solidarizase coas familias das mulleres que este ano foron vítimas desta lacra. A continuación tomou posesión como concelleiro Francisco Javier Olmo Olmo, que pasa a formar parte do grupo municipal popular.

De seguido, aprobouse por unanimidade de toda a corporación a transferencia de crédito 16/2015. En virtude dos compromisos adquiridos sobre a potabilizadora Ames-Brión, o Concello deberá recoñecer antes de final de ano unha obriga de pagamento a favor de Augas de Galicia por importe de 400.000 euros. Segundo o acordado no pleno ordinario de agosto, este importe financiarase ata a contía de 280.000 euros co canon a ingresar pola concesionaria do Ciclo Integral da Auga, mentres que o resto será achegado a través dunha transferencia de crédito de 120.000 euros, que foi aprobado neste pleno de outubro.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade o crédito extraordinario 2/2015 e a aprobación do suplemento de crédito 2/2015. A modificación proposta polo goberno municipal financiarase co maior ingreso percibido este ano en concepto de participación nos tributos do Estado. As previsións iniciais indicaban uns ingresos de 4.868.140,29 euros. Finalmente, houbo unhas entregas á conta de 5.483.515,56 euros. Polo que o Concello ingresou 615.375,27 euros máis do que inicialmente estaba previsto.

Na exposición destes puntos, que se trataron de xeito conxunto, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, indicou que “a medida que transcorre o exercicio, o orzamento municipal vai amosando unha carencia de crédito en determinados programas de gasto, mentres que en outros sucede exactamente o contrario. O paso do tempo e o cambio de goberno fan que as necesidades e prioridades de gasto teñan cambiado, o que require inevitablemente unha reasignación dalgúns dos créditos contemplados no estado de gastos do orzamento”.

Genma Otero tamén explicou que “as principais necesidades de crédito derivan tanto da obriga de dar amparo a gastos xa efectuados, como doutros que se estiman precisos para a mellor atención das necesidades dos veciños, ou mesmo para cumprir co marco normativo. Deste xeito, pretendemos financiar gastos xa efectuados; dar cobertura ao 26% da paga extra de decembro de 2012, que está pendente de pago; e novos gastos que están relacionados coa posta en marcha de novas iniciativas municipais”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames regularizará el funcionamiento de las terrazas"
La Voz de Galicia: "La rebaja del IBI reducirá los ingresos en 615.000 euros"
El Correo Gallego: "Menos IBI y más de 1.900 expedientes abiertos por el ‘catastrazo’ en el rural"