Acadar unha vivenda accesible en condicións adecuadas para todas as persoas é un dos principais obxectivos para o BNG de Ames, neste sentido a formación nacionalista leva meses propoñendo solucións para resolver a crise habitacional que sofre a veciñanza. No pleno de maio de 2025, presentou unha moción na que pedía frear o aumento do prezo dos alugueiros, facilitar o acceso social á vivenda, iniciar os trámites precisos para lograr a declaración de Ames como zona tensionada e adoptar as medidas necesarias para frear a proliferación de vivendas de uso turístico (VUT) no concello. Neste caso a moción nacionalista non contou co voto favorable nin do PSOE nin do PP, impedindo a posta en marcha destas iniciativas.
En setembro de 2025, os nacionalistas organizaron unha xornada sobre vivenda no Milladoiro na que expertos e asistentes debateron sobre a situación actual e o modelo de futuro na que resaltaron que “Non podemos permitir que a vivenda se convirta nunha simple mercadoría, para o BNG de Ames é preciso blindar o dereito de acceso de todas as persoas a unha vivenda digna e adecuada que satisfaga as súas necesidades básicas”.
Do mesmo xeito Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames viaxou a Bruxelas para reunirse coa Comisión de Vivenda do Parlamento Europeo e demandar o dereito a unha vivenda digna, sostíbel e accesíbel para a veciñanza amesá. Na xuntanza trataronse diversos aspectos relacionados con esta grave problemática, como a vivenda baleira, a falta de parque público de vivendas, o uso de vivendas turísticas e as dificultades que ten a xente moza e a xente traballadora para acceder a un fogar digno.
“Nós imos seguir esixindo medidas firmes de todas as administración porque non imos permitir que a vivenda se convirta nunha simple mercadoría, sempre protexeremos o dereito á vivenda en Ames”, recalca Pampín.





