Solapas principales

O Pleno aproba a licitación do servizo de monitoraxe dos programas municipais de conciliación

Viernes, 03 de septiembre de 2021

A Corporación municipal de Ames deu luz verde a aprobación do expediente de licitación do servizo de monitoraxe dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar, Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, e conta cun orzamento base de licitación de 3.098.144 €, sendo o valor estimado do contrato de 8.777.421 €. O resto de puntos incluidos na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de agosto tamén saíron adiante, entre eles a aprobación de xeito provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa vinculados á actividade comercial.

Todos os grupos que conforman a Corporación municipal coincidiron en sinalar a importancia do expediente de licitación do servizo de monitoraxe dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar, Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas. O concelleiro de Educación, David Santomil, falou da importancia dun contrato co que se “blindan os servizos de conciliación para os próximos anos”. Tanto o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, como o grupo municipal do PP, destacaron a necesidade da licitación e apoiaron a proposta. Maís crítico foi o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, que optou pola abstención ao considerar que “pese a que cumpría proceder á licitación e que se blindan os servizos de conciliación, apenas hai cambios nas condicións de prestación do servizo e, sobre todo, non nos gusta que se continúe prestando a través de empresas privadas. Presentábase a posibilidade para que o Concello comece a prestar estes servizos e é cuestión de vontade apostar pola municipalización”. David Santomil alidiu a que “aquí en concreto estamos a falar de monitorado para comedores escolares como competencia propia da Xunta de Galicia. Todas e todos queremos ir a máis, pero sempre con propostas realistas. Neste caso creo que non é preciso ir máis alá, xa que o servizo está a funcionar moi ben”.

Ordenanza fiscal reguladora das terrazas
Outro dos asuntos que suscitou debate foi o relativo á aprobación provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa vinculados á actividade comercial. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, aludiu a que se “abordou de xeito consensuado coas asociacións o proceso que permitiu a aprobación da nova ordenanza e agora a ordenanza fiscal. Non houbo ningunha alegación no período de consulta pública e, con este novo documento, eliminamos os períodos e fixamos unha taxa única máis baixa”. Tanto Ciudadanos como Ames Novo aludiron ao consenso e ao razonable da proposta, O grupo municipal do Partido Popular optou pola abstención neste punto. O concelleiro popular, Javier Olmo, defendeu a postura da súa formación asegurando que “non houbo consenso coas asociacións para traer a ordenanza fiscal a pleno e tampouco se pasou a documentación aos grupo da oposición. É certo que a taxa fixada é bastante accesible, pero despois de falar coas asociacións, estas nos din  que ninguén do goberno se puxo en contacto con eles para o desenvolvemento da proposta”. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, aludiu a que se “incluiron propostas por parte das asociacións, como que non vaia por temporadas e poñer unha única tarifa. En canto á tarifa, non se pode consensuar porque corresponde a unha valoración por metro cadrado, tendo en conta os criterios doutras ordenanzas que regulan o espazo de uso público”.

O alcalde de Ames, Blas García, tamén quixo deixar claro que “se pode discrepar coa proposta, pero non podemos admitir que se diga que non falamos cos afectados, xa que durante o proceso de elaboración das ordenazas falouse coas diferentes asociacións”.

Asignación de gratificacións
A Corporación municipal aprobou por unanimidade a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. Con motivo da aprobación dos orzamentos 2021 autorizouse un importe máximo para gratificacións e horas extraordinarias do persoal de 73.319 €. Dende o servizo de persoal indican que no mes de xullo de 2021 o importe deveñado en horas extras e gratificacións ascende a 90.126,69 euros, polo que, o crédito consignado no orzamento resulta insuficiente. Dende a Concellaría de Administración Xeral e atendendo á media de horas extras e gratificacións realizadas nos últimos 6 meses estímase necesario incrementar a cantidade global destinada á asignación de gratificacións e horas extras en 106.933 euros, de forma que o importe global recollido no orzamento sería de 180.253 euros. Todos os grupos coincidiron na necesidade de remunerar o traballo realizado polo persoal municipal, se ben dende a oposición aludiron ao informe en contra da interventora municipal e a necesidade de mellorar a xestión neste campo.

Servizo de Atención Temperá
Tamén por unanimidade se aprobou a encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do Servizo de Atención Temperá. A concellaría de Benestar Social do Concello de Ames propuxo realizar un convenio de colaboración co Concello de Teo para a posta en marcha do servizo de Atención Temperá no Concello de Ames. O convenio de xestión compartida recolle unha duración dun ano, dende o 01.11.2021 ata 31.10.2022. O servizo de Atención Temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Concellaría de Benestar Social defende a xestión compartida co concello de Teo como solución para prestar o servizo, posibilitando que se preste dun xeito máis eficaz e eficiente, minorando custos antieconómicos da prestación illada, garantindo o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade. Desde os grupos da oposición destacaron a proposta como unha “moi boa nova”, como dixo José Ramón Oulego, un “servizo interesante e necesario”, en palabras de Javier Olmo, ou o “mola” co que calificou a proposta Quique Costas.

Festivos locais
Tamén houbo consenso á hora de fixar os festivos locais para o ano 2022. Co fin de confeccionar o calendario laboral 2022 cumpría que o Concello fixara os festivos locais para o ano 2022. A tradición no Concello de Ames é que os festivos locais sexan o xoves da Ascensión e o día de san Xoán, con todo, no ano 2022 san Xoán é festivo autonómico polo que a Xunta de Voceiros do mes de agosto propuxo a fixación como festivos locais o xoves da Ascensión (26 de maio) e o Luns de Pascua (18 de abril).

Proposta acollida refuxiados afgás
Por último, debatiuse por vía de urxencia unha proposta dos concelleiras/os de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás. A proposta instaba tamén ás Consellerías de Política Social e a de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda para que xestionen directamente a cesión de vivendas baleiras e/ou en mans da SAREB para poñelas a disposición das persoas refuxiadas. Un punto que tamén saiu adiante coa abstención de Ciudadanos e o grupo municipal do PP.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La corporación de Ames aprobó la licitación de los programas de conciliación"

El Correo Gallego: "Aproban a licitación do servizo de monitoraxe dos progamas Concilia"

Revista AmesGo: "Aprobada a licitación do servizo de monitores para os programas de conciliación municipais"

Pleno ordinario agosto