Solapas principales

O Pleno aproba de xeito inicial un orzamento para 2022 que se achega aos 29 millóns de euros

Jueves, 10 de marzo de 2022

A Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2022, nunha sesión plenaria extraordinaria que se desenvolveu este mércores, 9 de marzo. Agora, dende a súa publicación no BOP, o documento orzamentario estará en exposición pública durante 15 días hábiles. É o sexto orzamento consecutivo que aproba a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. O orzamento de 2022 ascende á cifra de 28.707.012 euros. Trátase dun orzamento no que se aposta polos servizos básicos que segue a ser á area de maior gasto con 6.335.568,54 euros (22,07%), seguida de educación con 5.242.367,79 euros (18,26%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros (9%).

O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2022, que ascende á cifra de 28.707.012 euros, co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os/as edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra. O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, abstívose. Deste xeito, apróbase o sexto orzamento consecutivo dende o ano 2017.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada, por parte do Goberno municipal, de explicar as grandes cifras do novo presuposto. Genma Otero destacou “que o orzamento para o exercicio 2022 ascende á cifra de 28.707.012 euros. Continuamos un ano máis co compromiso no investimento e desenvolvemento de programas municipais, así como co reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados pola Administración local. Trátase dun orzamento no que se aposta polos servizos básicos que segue a ser á area de maior gasto con 6.335.568,54 euros (22,07%), seguida de educación con 5.242.367,79 euros (18,26%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros (9%)”.

A concelleira de Economía e Facenda destacou tamén que “este é un orzamento para a cidadanía amesá que medra e apuntala todos os servizos públicos e continúa co reforzo dos investimentos que nestes momentos é moi importante para dinamizar a economía local”. Ademais salientou que “neste exercicio a tarefa do Goberno municipal será executar os investimentos recollidos na EDUSI Impulsa Ames e no plan Ames Progresa durante este ano 2022, o que incrementará a partida de investimentos de Capitulo 6, que superará os 6 millóns de euros, cifra orzamentada inicialmente en 2021”. Tamén gabou “o esforzo que está facendo o Goberno central para inxectar fondos aos concellos, xa que as achegas do Estado permiten dispor de 639.000 euros para sufragar gasto corrente”.

Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, dixo que “son  uns orzamentos que teñen continuidade respecto dos de 2021 e polo tanto irreais. Non cremos que sexan uns orzamentos destinados a facilitar a vida dos veciños e veciñas do noso concello. Pensamos que son uns orzamentos moi semellantes aos do exercicio pasado e o ano pasado xa dixemos que eran totalmente alleos á veciñanza. Son uns orzamentos que cremos que non teñen en conta a situación económica que se está vivindo na actualidade. Botamos de menos unha política fiscal e de prezos públicos que favoreza á cidadanía, así como políticas de fomento do emprego”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, manifestou que “en xeral existe unha concordancia coas grandes liñas programáticas deste orzamento. No proceso de negociación co Goberno municipal fixen dúas suxestións que foron aceptadas. A primeira para realizar un estudo diagnóstico profundo do Milladoiro sobre aspectos socio-económicos e poboacionais, relacionados con aspectos medioambientais e urbanísticos, para ter unha radiografía o máis fiel posible, para que futuros gobernos poidan aplicar políticas de mellora neste núcleo urbano. A segunda é a elaboración dun PERI para mellorar una zona do Milladoiro, que afecta á rúa da Madalena e mailo último tramo da rúa de Estivada de Castelao”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, definiu os orzamentos de 2022 como “electoralistas e sectarios, pensados de cara a galería e non para a veciñanza. Esquécense dos 15.273 veciños e veciñas deste concello que non votaron a ningún partido da esquerda, xa que non tiveron en consideración ningunha das propostas da oposición a excepción das propostas de Ames Novo, por iso digo que son uns orzamentos sectarios da esquerda. Dende o grupo municipal popular presentamos 29 propostas e ningunha se tivo en conta. Pero non só son propostas do PP de Ames, senón que tamén son dos veciños e veciñas de Ames. O non aceptar ningunha das nosas propostas só pode significar que o tripartito de Ames está en contra de aumentar os efectivos da Policía Local, de facer unha reforma integral do paseo fluvial de Bertamiráns, de elaborar un proxecto para unha residencia de maiores para o noso concello, de crear un refuxio de animais, de elaborar un plan de mantemento das beirarrúas, de arranxar os camiños veciñais, etc. En definitiva, estades en contra de gobernar para a veciñanza de Ames”.

Resposta do Goberno municipal
Sobre as propostas presentadas polo Partido Popular de Ames, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dixo na súa última quenda de intervencións, que se recollen actuacións no orzamento de 2022 relacionadas con algunhas das propostas feitas polo Partido Popular de Ames. “Solicitades a redacción dun novo proxecto do PXOM e recóllense modificacións puntuais do PXOM. Tamén se recolle unha partida para acondicionamento de vías públicas no se inclúe o mantemento das beirarrúas que vostedes piden. Outras das propostas non se puideron ter en conta porque require de facer estudos previos. Ademais, a inclusión de todas as propostas incrementaría o orzamento en 4 millóns de euros que nestes momentos non é posible”.

Por último, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo do persoal municipal da área de Servizos Económicos e da concelleira de Economía e Facenda “pola elaboración deste orzamento porque é un traballo pouco visible pero moi importante”. Tamén agradeceu “a implicación de todos os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos partidos da oposición”. Ademais, apuntou que “gustaríanos aceptar e incluír todas as propostas que se fixeron, pero non é posible porque incrementaría o orzamento en preto de 4 millóns de euros”.

Principais áreas de gasto
Por outra banda, cómpre lembrar que as principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.335.568,54 euros (22,07%); educación e conciliación con 5.242.367,79 euros (18,26%); e servizos sociais e promoción social con 2.556.653,37 euros (9%). Estas tres áreas supoñen o 49,33% do orzamento.

No orzamento de 2022 séguese a darlle prioridade a área de servizos básicos nos que se recollen novas actuacións e investimentos en rede de sumidoiros e abastecemento. Tamén se recolle o novo contrato de limpeza viaria con ampliación de zonas e frecuencias e coa posta en marcha do punto limpo móbil. Ademais, inclúese novas licitacións dos contratos de xardinería e para o mantemento de parques e xardíns, así como a continuidade do plan de mantemento do rural e o remate das actuacións de cambio de luminarias a led en todo o rural. Esta área contará cun crédito total de 6.335.568,54 euros mantendo a mesma porcentaxe de representación que no Orzamento 2021, porcentaxe que representa un 22,07% do total do orzamento e continúa sendo a primeira área en importancia.

Ademais, continuase a reforzar e blindar os servizos da área de Educación. Nos dous últimos anos debido á pandemia da covid e á adecuación aos protocolos, houbo un notable incremento no gasto desta área. Deste xeito, refórzase e amplíanse os servizos de conciliación e porase en marcha a licitación do contrato de mantemento de centros educativos entre outras actuacións. Esta área contará cun crédito total asignado de 5.242.367,79 euros, no que tamén se mantén a mesma porcentaxe de representación que no exercicio pasado 2021, porcentaxe que representa un 18,26% do total do orzamento e segue a ser a segunda área en importancia.

Os servizos sociais e de promoción social son a terceira área en importancia do orzamento cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros, incrementando respecto do 2021 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento e acadando preto do 9% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área co reforzo na contratación de persoal para a tramitación da Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo e ampliación de horas, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, a apertura dun novo local para maiores en Bertamiráns, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como o reforzo do novo servizo de atención temperá etc.

Capítulo I de Persoal
Ademais, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I, de Persoal, a cifra de 9.868.919,26 representando o 34,38% do orzamento municipal, incrementando a cifra en 537.349,36 (5,76%) respecto do anterior presuposto. Deste xeito, recóllese o incremento do 3% da suba salarial prevista na Lei de Orzamentos xerais do Estado para o 2022.

Dentro o Capitulo I refórzase a contratación en áreas básicas como son a área Económica, coa contratación dun adxunto/a de intervención; a área de Contratación, coa contratación dunha arquitecta técnica, unha técnica de contratación e unha auxiliar de contratación para o desenvolvemento do programa Ames Progresa; e a contratación na área de Servizos Socias de dous/dúas auxiliares administrativos e dous/dúas asistentes sociais, para o reforzo do servizo e tramitación das axudas sociais; así como a contratación temporal dun axente local de innovación dentro da área de Promoción Económica, e dous capataces e tres peóns para o departamento de Medio Ambiente.

Incrementa a partida recollida para as adecuacións retributivas singulares que pasa de 30.000 a 60.000 euros, trala negociación do Capítulo I cos representantes dos traballadores/as na negociación coa Mesa Xeral de Negociación. Tamén se incrementa en 145.000 euros dentro do Capítulo I o crédito asignado a horas extras e gratificacións.

Capitulo VI de investimentos públicos
No capítulo de investimentos públicos cóntase cun crédito inicial de 3.852.346,09 euros, que representa un 13,42% do orzamento municipal. Este crédito inicial de investimentos reais verase incrementado coas incorporacións de remanentes de crédito das actuacións e investimentos que están pendentes de executar da EDUSI Impulsa Ames e do plan Ames Progresa e que acadan preto de 8.000.000 euros en total. Estas incorporacións farán que os créditos de investimentos reais superen a contía consignada no orzamento anterior e se sitúen por riba dos 6.000.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero tamén explicou que “este orzamento é o primeiro destes tres últimos anos que non recolle crédito para investimentos da EDUSI, tan só 136.000 euros para a renovación de luminarias de Bertamiráns fronte ao 1.580.000 euros que se recollían de capítulo 6 no 2021. Así mesmo este ano 2022 tan só se recolle o crédito de 425.000 euros para a actuación de cambio de luminarias do rural financiado polo IDAE con fondos europeos fronte ao 1.157.000 euros que se recollía no orzamento do 2021. De aí a diferencia de 2.200.000 euros de contía do crédito inicial do capítulo 6 deste orzamento municipal respecto do crédito inicial consignado para o orzamento do 2021”.

Dentro do capítulo de investimentos recóllense as obras aprobadas recentemente no POS +2022 e obras do POS adicional 2/2021, que ascenden a un total de 1.562.781,06 euros e que inclúen obras das áreas de vías públicas, deportes, estradas e camiños veciñais, alumeado público en Bertamiráns (EDUSI Impulsa Ames) con 136.000 euros; cambio de alumeado a led no rural (fondos IDAE) con 425.000 euros; obras ligadas ao Ciclo Integral da Auga (CIA) por importe de 256.000 euros; convenio de colaboración AXI-Concello de Ames, para a cesión da avenida da Peregrina con 82.000 euros; proxecto de separación e reciclaxe en orixe de bioresiduos con 81.700 euros; e outros investimentos en reformas e acondicionamento de instalacións, modificacións de PXOM, etc.

Capítulo II de servizos
Por último, o Capítulo II de servizos acada os 13.460.000 euros, representando un 46,92% do total do orzamento municipal, incrementando en 626.000 (4,88%) respecto do orzamento 2021. Neste capítulo recóllese un importante reforzo, mellora e ampliación do gasto corrente en bens e servizos municipais.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El viejo consultorio de pediatría de O Milladoiro será una sede de servicios, Policía Local incluida"

El Correo Gallego: "Ames aprobou un Orzamento que non recolle nin unha proposta da oposición"

Enfoques.gal: "El pleno de Ames aprueba de modo inicial un presupuesto de 29 millones de euros"

Lindeiros: "Ames aproba un orzamento próximo aos 29 millóns de euros"

O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2022 co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno