Solapas principales

O Pleno aproba a cuarta modificación do ROM e mailo suplemento de crédito 5/2022 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais

Viernes, 25 de noviembre de 2022

Este xoves, 24 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de novembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. Ademais, aprobouse por maioría absoluta a cuarta modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) e mailo suplemento de crédito 5/2022 con remanente de tesourería para gastos xerais. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno ordinario de novembro que está na canle de Youtube do Concello de Ames. Varias traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que están en folga indefinida dende o pasado 2 de novembro, asistiron como público ao pleno co obxectivo de visibilizar as demandas de melloras que están facendo nas condicións laborais do colectivo.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 391 decretos que van do 3.315 ata o 3.705. Ademais, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta da información periódica que hai que render ao Pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2022.

A concelleira de Economía e Facenda dixo que “por primeira vez dende que se modificou a fórmula de  cálculo no ano 2021, no terceiro trimestre de 2022 conseguiuse baixar o período medio de pago a provedores por debaixo dos 30 días que marca a lei. Superábamos por pouco eses 30 días pero agora logramos baixalo. Deste xeito, o período medio de provedores no terceiro trimestre deste ano situouse nos 29,18 días. Cumprimos novamente co prazo legal de pago a provedores”.

No apartado de deliberación e acordo, en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de outubro. A continuación abordouse a aprobación da cuarta modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. En contra votaron os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos.

Segundo explicou o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, as principais novidades son que “se introducen varios artigos novos como o 4 bis para regular o grupo mixto novo, o artigo 55 bis co obxecto de regular as mocións políticas, e tamén se inclúen tres novas disposicións adicionais. A primeira recolle as obrigas de relacionarse co Pleno e coa Administración a través de medios electrónicos; a segunda sobre o procedemento de celebración dos órganos colexiados por medios telemáticos en situacións excepcionais; e a terceira ofrece a posibilidade de asistencia a distancia dos concelleiros e concelleiras á sesións de plenos, comisións informativas e xuntas de goberno, ou das/os voceiras/os en situacións de maternidade/paternidade, risco por embarazo, enfermidades debidamente xustificadas, co obxectivo de garantir a asistencia dos concelleiros e concelleiras en ditos órganos colexiados”.

Tamén explicou que se modificou a redacción de varios artigos. O artigo 4 respecto dos grupos municipais, o artigo 21 sobre a notificación das convocatorias, o artigo 22 sobre a orde do día, o 24 sobre as retribucións por asistencia a sesións, o 43 respecto á cuestión de chamadas de orde, o 47 sobre a diferente nomenclatura dos aspecto do ROM, o 48 que regula as mocións de urxencia, o 50 respecto ás dacións de acordo, e mailo 51 sobre o sentido do voto.
      
O debate deste punto centrouse sobre o artigo 21.2 que establece que as notificacións das convocatorias entenderase realizadas no momento no que estea dispoñible pola persoa receptora e sobre o artigo 51 relativo ao voto de calidade do alcalde. Sobre a notificación de convocatorias a través de medios electrónicos o concelleiro, Víctor Fernández, aclarou que se pretende garantir a posta a disposición da convocatoria a través de medios telemáticos, mentres que sobre o voto de calidade do alcalde dixo que o voto afirmativo, negativo ou abstención é un dereito que afecta a todos os membros da Corporación incluído o alcalde.

Outro dos temas tratados foi a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade. O Concello de Ames recibiu unha notificación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se indica que o mandato de catro anos do xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames está próximo a vencer. Deste xeito, o Pleno aprobou as bases para dita elección. Unha vez aprobadas as bases procederase a súa exposición pública para a presentación de solicitudes por un prazo de 15 días hábiles. Examinadas as solicitudes procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Suplemento de crédito
Por último, aprobouse por maioría absoluta o suplemento de crédito 5/2022 con remanente de tesourería para gastos xerais. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.

Dito suplemento de crédito empregarase para facer fronte ao incremento retributivo adicional do 1,5% do persoal ao servizo do sector público para o ano 2022, que foi aprobado a través do Real Decreto-Lei 18/2022, de 18 de outubro. Este incremento ten efectos retroactivos, e aplicarase dende o 1 de xaneiro de 2022, o que supón un incremento das retribucións non previstas no orzamento en vigor. Tendo en conta que non cabe transferir crédito doutras aplicacións xa que nos atopamos no ultimo trimestre do exercicio no que o gasto se atopa axustado, foi necesario aprobar un suplemento de crédito para facer fronte a dita suba do 1,5%.

O importe estimado para facer fronte a dita subida salarial do 1,5% dende o 1 de xaneiro de 2022, incluíndo as cotas de cotización á seguridade social, separado por áreas de gasto e por conceptos salariais, é de 109.907,49 euros de retribucións, máis 33.974,03 euros de cotas á seguridade social, o que fai un total de 143.881,52 euros.

O concelleiro do Partido Popular de Ames, Javier Olmo, dixo que “o grupo municipal popular non tería ningún reparo en votar a favor neste punto se fose unha cuestión que afectase só ao persoal municipal, pero detectamos que dentro das partidas afectadas está o incremento do soldo dos membros do goberno. Evidentemente nós non imos apoiar isto porque parécenos que non é o procedemento axeitado que debe seguir o goberno local para incrementar as súas retribucións. Consideramos que o goberno local o que debe facer é un punto específico dentro dun pleno para abordar este tema”.   

Sobre esta cuestión a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “o que se está facendo está aprobado no máximo órgano de decisión dunha Corporación como é o Pleno. Recórdolle que no pleno de organización celebrado en xullo de 2019 aprobáronse as dedicacións do Goberno e onde tamén se aprobou que ditas retribucións experimentarían a mesma modificación que as do resto do persoal municipal. Deste xeito, estamos dando cumprimento a un acordo do Pleno”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Suben los salarios a los trabajadores y ediles que cobran en la capital maiana"

AMS GO!: "O Concello de Ames actualiza o seu Regulamento Orgánico"

La Voz de Galicia: "Ames sube los salarios un 1,5 % a la plantilla y a los cargos electos"

Lindeiros: "O pleno de Ames debate sobre as notificacións aos concelleiros"

Imaxe do pleno ordinario de novembro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de novembro
  • Imaxe do pleno ordinario de novembro
  • Imaxe do pleno ordinario de novembro
  • Imaxe do pleno ordinario de novembro
  • Embedded thumbnail for