Solapas principales

O Pleno aproba ampliar o servizo de limpeza que ofrece Urbaser en rúas e urbanizacións municipais

Viernes, 27 de mayo de 2016

[27-05-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de maio no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal déronlle luz verde á aprobación da ampliación do servizo de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames que xestiona a empresa Urbaser. Ademais, aprobouse a adhesión do Concello de Ames á estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde e maila aprobación inicial da modificación do regulamento de utilización das instalacións deportivas da piscina municipal cuberta de Ames. Nesta sesión plenaria entrou en funcionamento o regulamento orgánico do Concello de Ames, que regulou o desenvolvemento do Pleno.

Propostas dos grupos municipais
Unha das novidades deste pleno foi que o regulamento orgánico establece a inclusión de propostas, que antes se presentaban como mocións, dentro do apartado de deliberación e acordo. A primeira proposta debatida foi presentada polo grupo municipal de Ciudadanos para adherirse á iniciativa “Meta: 2017, ano da accesibilidade universal”. Esta proposta foi aprobada por unanimidade. Sobre este asunto o goberno municipal indicou que se está traballando na mellora da accesibilidade nos edificios públicos municipais e que no borrador dos orzamentos de 2016 hai incluída unha partida de 300.000 euros para iso.

A segunda proposta tratada, tamén presentada por Ciudadanos, foi para estender a cobertura do acceso de banda ancha ao 100% das zonas rurais do Concello de Ames onde actualmente non existe unha oferta con condicións similares ás dispoñibles nas zonas urbanas. Este punto saíu adiante por unanimidade de toda a corporación. O alcalde de Ames, José Miñones, apuntou sobre este tema que o goberno municipal mantivo varias xuntanzas ao respecto deste asunto e dende AMTEGA manifestaron que van a poñer en marcha un plan de banda longa para mellorar este servizo no rural. Miñones apuntou que “dende Ames pedimos que se inclúa dentro dese plan ao CEIP de Barouta. Todos os centros de ensino de Ames teñen un servizo de 100 megas, excepto o CEIP de Barouta polo que solicitamos que se mellore este servizo neste colexio que dispón de acceso á rede grazas a colocación dun radio-enlace que instalou o Concello”.

A terceira proposta, que foi presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames e aprobada por unanimidade, tratou sobre a conservación do patrimonio arqueolóxico de Ames. Neste caso o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, indicou que “se van incluír os novos petróglifos, que se descubriron recentemente, nas fichas patrimoniais do PXOM. Ademais, a Deputación vai a sacar un plan provincial de patrimonio ao que vai optar o Concello de Ames de forma conxunta cos concellos de Santiago de Compostela e Teo”.

A cuarta e última proposta presentada, neste caso polo grupo municipal do BNG, foi para o cumprimento real e efectivo da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Este punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e dos edís do grupo municipal de Ames Novo. Os catro concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra, mentres que os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse.

Neste caso, a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, indicou que “o pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíase públicas as recomendacións do Consello de Ministros do Consello de Europa ao Estado español. Nestas recomendacións sinálanse os aspectos que hai que corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e maila Xunta se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001. Este concello manifesta o seu compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos, nomeadamente en relación á lingua galega como lingua propia e oficial de Galiza”.

Por último, abordáronse dúas proposicións presentadas polo grupo de goberno, que foron ratificadas por unanimidade pola corporación municipal para poder tratalas no Pleno. Estes dous puntos foron aprobados por unanimidade. A primeira proposición tratou sobre a Asociación Terras de Compostela, para a elaboración da estratexia de desenvolvemento local participativo co fin de concorrer aos fondos europeos LEADER de Galicia 2014 – 2020 e xestionar o GDR 19 cos fondos que se determinen.

Neste senso o goberno municipal trasladou a participación do Concello de Ames neste proxecto, así como que se vai convocar unha xuntanza participativa, que está dirixida a autónomos, empresas, cooperativas, S.A.T., sociedades laborais, e asociacións de calquera tipo (empresarios, culturais, xuvenís, veciños, medioambientais, etc.), para o vindeiro xoves 2 de xuño, ás 20:30 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. A través deste proceso preténdese definir a estratexia en función das potencialidades e necesidades do Concello de Ames, en materia de desenvolvemento rural.

A segunda proposición tratou sobre a delegación do Pleno na Xunta de Goberno Local da competencia para o sorteo de membros das mesas electorais, con ocasión das eleccións xerais que terán lugar o 26 de xuño de 2016. Sobre este asunto o rexedor municipal indicou que “con esta medida non será necesario celebrar un pleno extraordinario de curta duración para elixir os membros de ditas mesas, co conseguinte aforro de tempo e cartos para a Administración local, sobre todo tendo en conta que tan só unha concelleira cobrará pola súa asistencia a esta sesión da Xunta de Goberno Local. O resto de membros do goberno que terán que asistir non percibirán retribución algunha por dita asistencia”.

Moción por vía de urxencia
Os grupos municipais de Ames Novo e do Bloque Nacionalista Galego presentaron unha moción por vía de urxencia de apoio a Laura Bugallo, recoñecida activista social en defensa dos dereitos e liberdades das persoas estranxeiras e das persoas LGBT, e que está inmersa nun proceso xudicial. En primeiro lugar, aprobouse a urxencia desta moción para poder debatela no Pleno.

Tralo debate procedeuse á votación na que os concelleiros/as de Ames Novo, BNG e Contigo Pódese votaron a favor, mentres que os edís do PP e de Pacto por Ames votaron en contra. Os concelleiros do PSOE e de Ciudadanos abstivéronse. Ao haber 7 votos a favor e 7 votos en contra houbo que repetir a votación. Na segunda votación todos repetiron o mesmo voto, excepto o edil Blas García, que votou a favor, polo que esta moción puido aprobarse con 8 votos a favor e 7 en contra. Deste xeito o Concello de Ames amosa o seu apoio e solidariedade con Laura Bugallo, xa que será xulgada o vindeiro 7 de xuño, e solicítalle a quen corresponda o arquivo da causa aberta en contra de ela.

Por último, os voceiros dos grupos políticos municipais e mailo alcalde tiveron palabras de agradecemento para José Antonio Rueda, interventor municipal, que abandona o Concello de Ames para incorporase ao Concello de Riveira. Todos eles agradeceron o traballo, dedicación, responsabilidade, profesionalidade e compromiso de Rueda durante todos os anos que exerceu o cargo de interventor en Ames.

O primeiro punto tratado, que foi aprobado por unanimidade, foi a modificación do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a ampliación deste servizo é unha vella demanda da veciñanza amesá do Milladoiro e de Bertamiráns”. Cómpre destacar que as zonas que non estaban incluídas no contrato non estaban sen servizo, xa que están sendo atendidas por persoal municipal pertencente á brigada municipal de obras.

No Milladoiro o servizo amplíase na zona de vivendas do polígono Novo Milladoiro, na praza que se atopa entre as rúas das Camelias e dos Cereixos, na mediana, na urbanización Millalar, na prolongación da rúa Pardiñeiros. Nestes lugares o servizo de limpeza prestarase dúas veces á semana, excepto na urbanización Millalar que se fará unha vez á semana.

En Bertamiráns a ampliación do servizo comprende as rúas Agrelo, Xesteira-Fontaldeiro ata o Tanatorio, a nova zona do centro deportivo da Telleira, o Camiño Novo, o aparcamento da rúa Pesqueiras, a zona da escola infantil O Bosque ata o IES de Ames, a nova urbanización da Telleira e a urbanización do Pedregal. Nestas rúas e urbanizacións o servizo de limpeza prestarase dúas veces á semana.

Por outra banda, o ámbito de actuación na urbanización Agro do Muíño comprende as rúas Ribeira de Maguxe, Rianxo, Revolteada, do Carballo, do Lavadoiro, Pradeiras, avenida Esparille, Ameixeiras, avenida Juan Bueno Bueno, Pradiños, Nogueiras e Tras do Muíño. Nestas rúas o servizo de limpeza tamén se prestará dúas veces á semana. Ademais, o persoal que realice as labores de limpeza viaria disporá de novo material (dous carriños porta cubos e un soprador de mochila). O custo desta ampliación ten un custo para as arcas municipais de 70.000 euros.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, Blas García, incidiu en que “nos gustaría que esta ampliación fose máis ambiciosa, pero cos recursos económicos que dispoñemos na actualidade non podemos optar a máis. O que si é moi importante é que recuperamos, para a brigada municipal de obras, ás dúas persoas que estaban facendo labores de limpeza viaria, polo que disporemos de máis recursos neste grupo de traballo. Dende o goberno municipal estamos estudando a opción de crear un grupo de limpeza no rural”.

Cómpre lembrar que esta mesma semana asinouse unha modificación no sistema de prórroga do contrato que ten adxudicado Urbaser para xestionar o servizo de limpeza e do punto limpo. No devandito contrato recollíase un prazo de vixencia de 10 anos prorrogables por mutuo acordo. Trala modificación feita o réxime de prórroga será anual ata un máximo de 10 anos. Dita modificación foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de marzo.

Sobre este asunto, Blas García, destacou que “o obxectivo do goberno municipal é prorrogar un ano o contrato de limpeza viaria coa empresa Urbaser, para durante este período estudar outros modelos de xestión. Ademais, a nosa intención é mellorar o servizo que ofrece o Punto Limpo, e incluso, se é posible crear un novo punto na localidade de Bertamiráns ou na súa contorna”.

Estratexia de promoción da saúde
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Ames á estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde. O pasado 24 de novembro de 2015 o Concello de Ames adheriuse formalmente á Rede de Cidades Saudables. Agora vaise formar parte desta estratexia que persegue a promoción da saúde e a súa prevención.

Esta iniciativa propón o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, dirixidas a promocionar a saúde, previr enfermidades... actuando de xeito integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcohol e o benestar emocional, tendo en conta o entorno nos que vive a poboación e cunha vocación de universalidade nas intervencións. De xeito paralelo, preténdese avanzar na constitución dunha mesa intersectorial no concello, como instrumento de colaboración entre os diferentes sectores.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a ratificación do decreto da Alcaldía número 361/2016, referente o proxecto de “Reparación de solados, accesibilidade e peches de complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras”, que está incluído no PAS 2015, e a través do cal se procedeu a subsanar o erro detectado no proxecto, eliminando a partida de control de calidade por non ser propia da execución da obra. Tamén se aprobou por unanimidade a modificación do regulamento de utilización das instalacións deportivas da piscina municipal cuberta de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Recuperan a dos operarios de obras que se destinaban a limpiar rúas"