Solapas principales

O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros

Jueves, 01 de mayo de 2025

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a resolución e adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar; a ratificación do  decreto sobre a subsanación de deficiencias das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada; a ratificación dos decretos de personación e defensa no procedemento abreviado 80/2025, tramitado no Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela; a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude; a modificación do convenio de colaboración do programa Xantar na casa; a adhesión do Concello á asociación Ames Solar; e a modificación do regulamento do servizo de atención temperá. Tamén se aprobou por maioría absoluta a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas; e maila excepción dos límites cuantitativos relativos aos investimentos do proxecto Ames Digital Water. Ademais, aprobáronse por unanimidade unha declaración institucional do grupo municipal socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR de Sisalde; e unha moción do grupo municipal popular sobre a mellora de diversas vías do Concello de Ames. A moción do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei foi aprobada por maioría absoluta. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de abril comezou cun minuto de silencio en repulsa do acto de violencia machista, que acabou coa vida de Josefa Fariñas o pasado 7 de abril no concello de O Bolo. A continuación o rexedor municipal agradeceu o traballo da secretaria do Concello de Ames, Rosa Ana Prada Queipo, que deixou o seu posto no Concello de Ames xa que dispón dunha nova praza onde vai a desenvolver a súa labor profesional. “Que saiba que o Concello de Ames foi a súa casa durante 22 anos e vai a seguir sendo a súa casa durante o tempo que ela queira que sexa así”.

Blas García tamén tivo palabras de agradecemento á cidadanía de Ames pola súa responsabilidade, tranquilidade e bo facer durante o tempo que durou o apagamento eléctrico do pasado luns 28 de abril e fixo unha mención especial de xeito nominal polo traballo realizado por parte de varios traballadores do departamento de Obras e Servizos Básicos, voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, axentes da Policía Local de Ames, e persoal da EPEL Augas de Ames, que participaron no dispositivo especial por dito apagamento eléctrico.

De seguido o alcalde deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 375 decretos, do 831 ao 1205.

Plan orzamentario a medio prazo correspondente aos período 2026-2028
A continuación, deuse conta do plan orzamentario a medio prazo correspondente aos período 2026-2028 do Concello de Ames. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “o Ministerio solicita que se lle remitan as proxeccións orzamentarias para un período de dous anos. Para o ano 2026 establécense unha serie de medidas no estado de ingresos que consiste na modificación de certos impostos e revisión de varias taxas e prezos públicos. Recóllese tamén a concertación dunha operación de endebedamento para facer fronte ás distintas actuacións recollidas no novo plan EDIL”.

Susana Señorís engadiu “no estado de gastos prevese un crecemento do gasto corrente debido á suba dos gastos de persoal, gastos no servizo de recollida do lixo e as novas licitacións que se atopan en curso como son o SAF, as Escolas deportivas e mailos servizos de conciliación. Para os anos 2027 e 2028 non se prevén novas modificacións nos ingresos, polo que os datos incluídos no plan orzamentario responden a unha evolución tendencial tanto dos gatos como dos ingresos”.

Proxecto Ames Digital Water
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de marzo.

O primeiro tema de debate foi sobre a excepcionalidade dos límites cuantitativos fixados no artigo 174.3 do TRLRFL aos investimentos de carácter plurianual previstos no proxecto Ames Digital Water. O pasado 15 de outubro de 2024 concedéuselle ao Concello unha subvención de conformidade coa Orde TED/934/2022, de 23 de setembro, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas por concorrencia competitiva para a elaboración de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga e a primeira convocatoria de subvencións de 2022, en concorrencia competitiva de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga (PERTE dixitalización do ciclo da auga), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O importe do proxecto ascende a 1.356.375,49 euros, dos cales 1.131.309,77 euros son sufragados a través da subvención concedida. O 11 de decembro de 2024 comunicase un reaxuste das anualidades do proxecto. O Concello está iniciando a tramitación de distintos procedementos relativos a investimentos que estenden os seus efectos ao exercicio 2026 e polo tanto teñen carácter plurianual.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explico que “os gastos de carácter plurianual réxense por unhas normas de gasto moi concretas. No segundo ano na partida económica que xeres non se pode gastar máis dun 70%, o terceiro un 60% e no cuarto un 50%. Dispoñemos dunha subvención de máis dun millón de euros. No primeiro ano a partida económica era de 25.000 euros, polo tanto, segundo se establece nesta norma, só podíamos xerar un crédito de 17.500 euros para o segundo ano, cando necesitamos un importe que ascende a máis de 700.000 euros. Coa aprobación desta excepción podemos xerar o crédito necesario para esa anualidade”.

Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal do Partido Popular e do grupo municipal do BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

Pavimentación do viario de Capeáns a Pousada
Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias do proxecto das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada (Covas) POS+ 2025. O pasado 17 de febreiro de 2025 recíbese comunicación dos servizos técnicos da Deputación indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Ditas correccións foron aprobadas polo decreto 886/2025, do 27 de marzo. As correccións aprobadas polo decreto indicado non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades ni no seu importe de execución.

De seguido, aprobouse tamén por unanimidade a ratificación dos decretos de Alcaldía de personificación e defensa no procedemento abreviado 80/2025, tramitado no Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso contencioso administrativo que se tramita a instancia dunha traballadora municipal debido á décimo segunda modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames.

Regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas
O Pleno tamén debateu sobre a aprobación definitiva da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas. Na sesión plenaria do 30 de xaneiro de 2025 prestouse aprobación inicial á modificación de dito regulamento, que foi sometida a información pública por prazo de trinta días hábiles, a efecto de exame e reclamacións, mediante anuncio no BOP, taboleiro de anuncios e Portal de transparencia. O prazo de exposición pública comprendeu dende o 7 de febreiro de 2025 ata o día 20 de marzo de 2025, ambos inclusive.

Durante o prazo de exposición pública consta a presentación dunha alegación, subscrita pola ANPA Agro do Muíño do 6 de marzo, que foi desestimada de xeito íntegro por parte da técnica de Educación. No expediente tamén consta un informe da Secretaría municipal propoñendo a desestimación íntegra da alegación presentada pola ANPA Agro do Muíño e a aprobación definitiva de forma expresa da modificación do regulamento aprobado inicialmente en sesión do 30 de xaneiro de 2025.

Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do grupo municipal do Partido Popular. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG e a concelleira de Espazo Común votaron en contra.

Servizo de axuda no fogar
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre a empresa Osventos Innovación en Servizos, S.L. e o Concello de Ames, tras o incumprimento dunha serie de obrigas contractuais esenciais ao longo da duración do actual contrato. De seguido, aprobouse tamén por unanimidade a adxudicación do novo contrato do SAF á empresa clasificada en primeiro lugar na clasificación realizada pola Xunta de Goberno Local do pasado 13 de marzo das ofertas presentadas polas diferentes empresas. A empresa proposta para a adxudicar o novo contrato é ATENDE CARE S.L.

A duración do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo o período inicial e mailas prórrogas). O importe de adxudicación por dous anos de contrato ascende a 2.992.993,66 euros (IVE incluído). O prezo do servizo por hora (IVE incluído) ascende a 22,65 euros. Este novo contrato inclúe servizo de podoloxía (200 horas ao ano), perruquería (200 horas ao ano), formación en coidados (200 horas ao ano) e limpezas xerais ou de choque (150 horas ao ano). A prestación do novo contrato está previsto que comece o 1 de xuño de 2025.

Consello sectorial da Xuventude
Outro dos puntos que saíron adiante por unanimidade foi a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude do Concello de Ames. No pleno do 28 de novembro de 2024 acordouse a creación do Consello Sectorial da Xuventude ao abeiro do previsto no artigo 25 do Regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de Ames. O artigo 26 do ROM establece que, unha vez constituído, cada consello sectorial elaborará o seu regulamento interno de funcionamento que será aprobado polo pleno do Concello de Ames. A través do decreto da Alcaldía de Ames 116/2025, ten lugar a constitución formal do Consello Sectorial da Xuventude, que celebra sesión constitutiva o 29 de xaneiro de 2025. Posteriormente, o 12 de febreiro de 2025 ten lugar a segunda sesión do Consello Sectorial da Xuventude, onde se presta aprobación ao seu regulamento de funcionamento.

Programa xantar na casa
Outros dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación da primeira modificación do convenio asinado entre o Consorcio Galego de Servizos e Igualdade e Benestar e o Concello de Ames, para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa, asinado no ano 2024, e que afecta á cláusula terceira do convenio aumentando o número máximo de persoas beneficiaras que pasa de 35 a 45 usuarios/as. Esta modificación formalizarase a través dunha addenda. Tamén hai que autorizar e dispoñer dun importe adicional de 13.793,85 euros. Este incremento refírese aos exercicios 2026-2028, tendo en conta que o crédito consignado para 2025 será suficiente.

Asociación Ames Solar
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a participación do Concello de Ames, en calidade de persoa socia, na Asociación Ames Solar, que se constituirá baixo a fórmula xurídica dunha asociación sen ánimo de lucro e conforme ao establecido nos seus estatutos e na normativa vixente.

O Instituto de diversificación e aforro da enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico concedeulle ao Concello unha subvención para a creación dunha Oficina de transformación comunitaria (OTC). A finalidade da OTC para a que se obtivo subvención é a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas. O Concello de Ames, no marco estratéxico da Axenda Urbana 2030 de Ames, recollía unha acción específica relativa á creación de comunidades enerxéticas locais.

Froito do traballo conxunto da OTC de Ames cos veciños e veciñas de diferentes parroquias e co propio Concello acordouse a constitución dunha comunidade enerxética sendo elaborados, de forma colectiva e participada, o borrador de estatutos da referida asociación que adoptará a forma de asociación sen ánimo de lucro coa denominación de Asociación Ames Solar.

Servizo de atención temperá
Ademais, tamén se abordou a modificación do regulamento das condicións da prestación do servizo de atención temperá dos Concellos de Ames e Teo, que foi aprobado por unanimidade. Os cambios propostos foron aprobados na comisión mixta da agrupación de concellos Teo e Ames na súa reunión 10 de decembro de 2024. Os cambios afectan ao horario de prestación do servizo e ao incremento de persoal que pasan de 3 a 5 profesionais: 2 psicólogos/as, 2 logopedas e 1 terapeuta ocupacional.

Declaración institucional e mocións
Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional do grupo socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR Sisalde e a mellora da rede de colectores. A través desta declaración institucional a Corporación municipal reclama que o Goberno central declare de interese xeral do Estado a ampliación da EDAR de Sisalde e a mellora da rede de colectores; e que a Xunta de Galicia e o Goberno central colaboren e cofinancien esta actuación unha vez rematado o proxecto construtivo.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción política do grupo municipal popular de Ames relativa á mellora da seguridade viaria en diversas vías do Concello de Ames. En dita moción ínstase á Xunta de Galicia a realizar distintas actuacións de mellora na estrada AC-453 que une os lugares de Roxos e Portomouro: ancheamento naqueles puntos máis estreitos da vía, dotar de beirarrúas aqueles tramos nos que se careza das mesmas, de Quintáns a O Outeiro (Ames), de Frenza a Piñeiro, Vilaverde, Fernande e Balindo (Piñeiro), e mellorar a seguridade viaria no entorno do CEIP de Barouta, coa mellora da sinalización, elementos disuasorios para o exceso da velocidade, colocación dun paso de peóns, etc.

Tamén se insta á Deputación da Coruña a que acometa varias actuación de mellora na estrada CP-0201 (dotar de beirarrúas a estrada entre o cruce coa AC-543 ata o núcleo de Seares de Arriba, construción dunha senda na aldea de Lens, e mellora do firme naqueles puntos que sexa preciso) e na estrada CP-0202 (construción de beirarrúas na estrada provincial ao seu paso pola aldea de Quintáns, e mellora do firme naqueles puntos que sexa preciso).

Por último, aprobouse por maioría absoluta unha moción política do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei. A través desta moción expresase a oposición da Corporación á megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa.

Tamén se condena a actuación da Xunta de Galiza neste proceso por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega; e dar traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado. O grupo municipal do BNG chegou a un acordo co grupo municipal socialista para retirar o punto 3 e 4 de dita moción.

Finalmente a moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG, do grupo municipal socialista, e da concelleira de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Partido Popular votaron en contra.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:"Ames adjudica por tres millones la Axuda no Fogar y aumenta plazas en el Xantar na Casa"

El Correo Gallego: "Ames aproba un novo contrato de axuda no fogar por case tres millóns"

Lindeiros: "O pleno de Ames adxudica de novo o SAF"

Diario de Santiago: "O Pleno municipal de Ames aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros"

AMSGO!: "O SAF centra a axenda do Pleno de Ames, que tamén abordará e avances en servizos municipais clave"

O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros

Multimedia

  • O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros
  • O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros
  • O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros
  • O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros
  • O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros