Solapas principales

O Pleno abordará a aprobación dun suplemento de crédito financiado con remanente de tesouraría para gastos xerais por valor de 1.065.089,51 euros

Lunes, 26 de mayo de 2025

Este mércores, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do suplemento de crédito 1/2025 financiado con remanente de tesouraría para gastos xerais por valor de 1.065.089,51 euros. Tamén se abordará o acordo de fiscalización previa limitada; a ratificación do decreto de subsanación de deficiencias na redacción do proxecto das obras de acondicionamento da rúa Agro da Vella incluído no POS+2025; a modificación das bases de execución do orzamento para inclusión dunha subvención nominativa ao programa Galicia Abriga; a ratificación do decreto de personación e defensa do recurso contencioso administrativo contra a desestimación de recursos de reposición relativos á décimo segunda modificación RPT; a elección xuíz/a de paz substituto 2025; a aprobación inicial da modificación (revisión excepcional de tarifas) da ordenanza reguladora do servizo de taxis; e a concesión da medalla do Concello de Ames 2025 ao reitor da USC Antonio López Díaz. Ademais, abordaranse catro mocións presentadas polos grupos municipais do BNG, Espazo Común e PSdeG-PSOE. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación, darase conta da  liquidación do exercicio 2024 e da execución trimestral do primeiro trimestre de 2025. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de abril celebrada o pasado 30 de abril de 2025.

Un dos temas a debater será o suplemento de crédito 1/2025, financiado con remanente de tesouraría, para gastos xerais por valor de 1.065.089,51 euros. Dos datos da liquidación do exercicio 2024 despréndese que o Concello conta cun saldo de Remanente de Tesourería para Gastos Xerais positivo. Por parte da intervención municipal infórmase da existencia de gastos devindicados no exercicio 2024, para o cal se fai necesario dotar crédito no orzamento de 2024 prorrogado para 2025.

No apartado económico tamén haberá que debater sobre o acordo polo que se establece o sistema de fiscalización limitada previa, no que se establece o réxime de fiscalización e intervención limitada previa de requisitos básicos dos gastos e obrigas do Concello de Ames e das entidades do seu sector público suxeitos a función interventora que puidesen existir nun futuro, de acordo con o artigo 13 do RD 424/2017.

De seguido, abordarase a ratificación do decreto da Alcaldía de Ames 1240/2021 sobre a subsanación de deficiencias na redacción do proxecto das obras de acondicionamento da rúa Agro da Vella (O Milladoiro) incluído no POS+2025. Os servizos técnicos da Deputación da Coruña comunicáronlle ao Concello que era necesario facer diferentes modificacións de índole técnico no proxecto presentado, que non implican variación algunha no obxectivo, tipoloxía e presuposto do mesmo.

Subvención para o programa Galicia Abriga
Outro dos temas a debater será a modificación da base número 50 de execución do Orzamento municipal do exercicio 2024, prorrogado para 2025, para incluír unha subvención nominativa de 2.000 euros á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, que realiza o programa Galicia Abriga de acollemento a mulleres defensoras de dereitos humanos.

Por outra banda, vaise a tratar a ratificación do decreto da Alcaldía de personación e defensa do recurso contencioso administrativo PA 179/2025 contra a desestimación de recursos de reposición relativos á décimo segunda modificación RPT, que foi aprobada en pleno no pasado mes de decembro de 2024.

Tamén se abordará a elección de xuíz/a de paz substituto 2025. Durante o prazo de presentación de solicitudes de quince días hábiles, que comprendeu do 11 ao 31 de marzo de 2025, ambos inclusivos, presentándose dúas instancias. Ambos solicitantes cumpriron os requisitos esixidos, pero unha vez realizada a pertinente valoración de currículos proponse como xuíz de paz substituto do Concello de Ames a Silvia Gallego Reiriz.

Modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis
Outro dos temas a debater será a aprobación inicial da modificación (revisión excepcional de tarifas) da ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames. As tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxi serán as fixadas en dita ordenanza, mentres que as tarifas dos servizos interurbanos serán as fixadas pola consellería competente en materia de transportes da Xunta de Galicia. As tarifas deberán figurar nun lugar visible para as persoas usuarias dende o interior do vehículo. A percepción mínima inclúe 1.400 metros ou tempo equivalente.

Por último, tratarase a concesión da medalla do Concello de Ames 2025 a Antonio López Díaz, catedrático de dereito financeiro e tributario pola Universidade de Santiago de Compostela, así como reitor desa mesma institución dende o 5 de xuño de 2018. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns.

Apartado de mocións
Ademais, abordaranse catro mocións. A primeira será unha moción do grupo municipal do BNG de Ames para demandar a elaboración dun documento de planificación das inversións a realizar en instalacións deportivas. Este mesmo grupo municipal, o BNG, presentou unha segunda moción para frear o aumento do prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda en Ames.

Por outra banda, o  grupo municipal Espazo Común presentou unha moción para a adhesión do Concello de Ames á asociación de concellos afectados pola AP-9. Por último, abordarase unha cuarta moción do grupo municipal socialista para a preservación do entorno da Ponte Maceira.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames destina un millón de euros do remanente para gastos xerais"

Lindeiros: "Ames quere destinar un millón de euros de remanentes a gastos xerais"

Imaxe de arquivo do salón de plenos