Solapas principales

O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa

Jueves, 05 de mayo de 2022

Un capataz e un peón formaron durante os últimos nove meses a brigada Aprol Rural do Concello de Ames, un grupo de traballo creado a través do programa de fomento do emprego no medio rural da Xunta de Galicia, coordinado pola Aula da Natureza da Concellaría de Medio Ambiente. Os dous traballadores da brigada actuaron sobre 66 camiños das parroquias de Piñeiro, Ortoño, A Ameixenda, Lens e Tapia, acondicionando unhas 5,57 hectáreas de superficie, uns 17,88 quilómetros lineais. O pasado venres, a brigada presentou os resultados da súa actuación ao alcalde de Ames, Blas García, e ao concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.

A brigada Aprol Rural do Concello de Ames vén de presentar os resultados dos traballos realizados ao longo da duración deste programa de fomento do emprego, uns nove meses nos que as dúas persoas que conformaron este equipo actuaron nas parroquias de Piñeiro, Ortoño, A Ameixenda, Lens e Tapia, acondicionando camiños e revisando leiras situadas nas faixas secundarias de seguridade contra o lume, como parte do plan de prevención de incendios forestais amesán.

En total, a brigada acondicionou uns 17,88 quilómetros lineais de camiños e accesos nestas parroquias, tratando unha superficie total de 5,88 hectáreas. Os labores de acondicionamento afectaron a uns 66 camiños, que primeiro foron revisados e clasificados segundo a súa necesidade de limpeza ou o estado da vexetación.

Estes resultados foron presentados co remate do programa o pasado venres polos dous traballadores da brigada Aprol, Javier Pérez e Alberto Ochoa, nunha xuntanza co alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens. Neste senso, o concelleiro quixo “agradecer e poñer en valor o gran traballo feito” polos dous traballadores. “Recuperar camiños que estaban esquecidos polas veciñas e veciños non é un traballo doado, sen tampouco esquecer o resto de traballos que levaron a cabo ao longo destes nove meses de programa”, destacou Lens.

Ao longo dos últimos nove meses, as dúas persoas que conformaron a brigada Aprol limparon estes camiños, maioritariamente mediante rozadura manual, aínda que tamén requiriron da tala, do cortado e da poda dalgunhas árbores. A estes traballos sumáronse a trituración de restos forestais e á retirada de árbores e pólas caídas nas diferentes sendas. Como parte desta limpeza de sendas, os traballadores do Aprol tamén actualizaron o mapa de camiños e accesos do Concello de Ames, rexistrando e localizando novos pasos que ata a súa limpeza non estaban catalogados.

Ademais deste acondicionamento, a brigada revisou varias leiras situadas en faixas secundarias de seguridade, informando da situación dos terreos. Nestas faixas secundarias de prevención actuaron cos centros de ensino, participando nas plantacións escolares. Por último, tamén participaron na Feira do Monte, organizada polo Concello en 2021, e colaboraron na sinalización de rutas ambientais.

O obxectivo da brigada Aprol Rural, un programa de fomento do emprego no medio rural da Xunta de Galicia, e coordinado pola Aula da Natureza da Concellaría de Medio Ambiente, son artellar instrumentos que dende o ámbito local favorezan a protección para os asentamentos de poboación fronte a lumes forestais, adecuando vías, camiños, parcelas forestais de propiedade municipal e as faixas secundarias do plan de prevención de incendios.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Dos operarios desbrozaron 18 kilómetros de viales para anticiparse a los incendios"

La Voz de Galicia: "La brigada rural amiense limpió 66 caminos de núcleos rurales"

Enfoques: "El personal de la brigada Aprol acondicionó cerca de 18 kilómetros de caminos en los nueve meses de programa"

AMSGO!: "A brigada do programa Aprol acondicionou 18 quilómetros de camiños en 9 meses"

O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa

Multimedia

  • O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa
  • O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa
  • O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa
  • O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa