Solapas principales

O Pazo da Peregrina será accesible grazas as obras da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos de Ames

Viernes, 31 de mayo de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras da segunda fase do proxecto de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos do concello. Ditas obras foron adxudicadas á empresa Joscón Construcciones SL por un importe de 111.441, IVE incluído. Logo de desenvolver unha primeira fase con traballos na Casa do Concello, na planta alta das Oficinas Xerais do Milladoiro e na Biblioteca municipal do Milladoiro, continuarase agora coa mellora da accesibilidade no edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como na planta baixa das Oficinas Xerais do Milladoiro. Estas actuacións están incluídas no Plan de Acción Social “PAS complementario de 2015” da Deputación da Coruña.

Este proxecto municipal de mellora da accesibilidade desenvolve e concreta a definición das obras de accesibilidade que se van executar en varios dos edificios públicos de Ames, para adaptar á normativa vixente tanto o entorno próximo de achegamento aos edificios, o seu acceso e a utilización interior dos espazos tanto en itinerario vertical como horizontal, así como o uso dos servizos públicos para todas as persoas sen discriminación.

A través das obras que se van executar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns resólvese inicialmente o aparcamento adaptado exterior, a adaptación do paso de peóns máis próximo, e a incorporación ao complexo de modo accesible e adaptado mediante a execución de rampla exterior nova. Contémplase tamén a incorporación adaptada á Casa da Froita cun cortaventos acristalado e a execución dunha rampla no pavimento existente exterior para evitar o escalón actual. Para acceder á Casa dos Caseiros e á Capela executarase unha rampla externa. O acceso ao edificio do Pazo da Peregrina executarase no mesmo pavimento de planta curva cun novo pavimento idéntico ao actual coa pendente adecuada e adaptada para anular os escalóns de incorporación.

No interior dos edificios só se contempla a actuación no Pazo da Peregrina, resolvendo o itinerario vertical coa execución no espazo adxacente á escaleira dun elevador adaptado con envolvente acristalada cunha estrutura lixeira metálica de perfís. Na planta baixa varíase o núcleo de aseos e créase un aseo adaptado en cada planta, coa inserción de portas adaptadas, mobiliario de uso público, pavimentos e revestimentos. Asemade, en cada edificio do complexo ubicarase un panel informativo adaptado e, no caso da Casa da Froita, colocarase un mostrador de dimensións adaptadas para atención cidadá.

Oficinas xerais do Milladoiro
A segunda fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos do concello contempla tamén a actuación na planta baixa das Oficinas Xerais do Milladoiro (Servizos Sociais e Atención Veciñal) Así, facilitarase o itinerario vertical substituíndo a escaleira existente por outra, de xeito que permita executar unha plataforma elevadora adaptada e a súa envolvente acristalada. A distribución modifícase variando os núcleos de aseos nas dúas plantas e creando un aseo adaptado en cada planta. Asemade, adaptarase o resto de espazos coas variacións de carpintería, tabiquería precisa para insertar portas adaptadas, mobiliario de uso público, panel informativo adaptado e unha axuda técnica para persoas xordas na atención cidadá principal.

Investimento en accesibilidade
Esta segunda fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos de Ames súmase a outras actuacións que, en materia de accesibilidade, se desenvolveron nos últimos catro anos. Así, son máis de 500.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, e nos pasos de peóns); na Casa do Concello; praza do Concello; e na praza da Maía, en Bertamiráns; así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

Ademais, están previstos traballos de mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio, no Milladoiro; no pavillón polideportivo do Milladoiro; e nas rúas do Milladoiro e Bertamiráns, a través do plan Impulsa Ames da EDUSI. En breve tamén se licitarán as do pavillón de Bertamiráns.

O Pazo da Peregrina será accesible grazas as obras da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos de Ames