Solapas principales

O Pazo da Peregrina acolle unha nova sesión dos Encontros Literarios coa presentación de “Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos”

Lunes, 01 de diciembre de 2025

Este xoves, 4 de decembro, ás 20.00 horas, o Pazo da Peregrina acolle unha nova sesión dos Encontros Literarios, organizados polo departamento de Bibliotecas Municipais de Ames, coa presentación da obra “Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos”, escrito polas autoras galegas Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira. Durante o acto tamén intervirá o profesor de filosofía, especialista en masculinidades, Xosé Cabido. Coma sempre, a entrada será libre ata completar aforo. 

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames retomou a comezos do pasado mes de outubro as sesións do programa “Encontros Literarios”, unha das súas propostas con mellor acollida. Desta volta, Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira presentan a obra “Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos”, que está editada por Catarata, e conta cun prólogo de Ana de Miguel.  

Esta obra preséntase coma unha mirada transformadora sobre a pornografía e a educación sexual. “La machosfera solo se combate desde casa o desde el aula. Este es un libro para hacerlo desde el aula” é a descrición dun libro que pretende educar en sexualidade dende unha perspectiva de xénero e transformadora do modelo hexemónico, baseado nos tabús, no medo e na vergoña.

Sinopse do libro
Falar de sexualidade non corrompe: educa, coida e transforma. Non debería ser un tabú que alimente medos, vergoñas ou silencie violencias. É un dereito, unha forma de relacionarse, de coñecemento emocional e corporal compartido. Este libro é unha invitación urxente e necesaria a repensar a educación sexual que ofrecemos —ou evitamos ofrecer— a nenas, nenos e adolescentes, cando a pornografía parece impoñerse como a principal escola informal, que ensina sen explicar e educa sen que lle pregunten nunha sexualidade xerárquica e desigual entre homes e mulleres, que obxectualiza os corpos e erotiza a dominación e a violencia. 

Con todo, non se trata só de denunciar os efectos da pornografía ou insistir na prevención e os riscos sexuais, senón de ofrecer ferramentas para concibir a sexualidade como un territorio de liberdade, consentimento e bo trato. Desde unha mirada feminista, crítica e inclusiva, as súas autoras indagan nas claves dunha cultura alternativa do desexo, do corpo e do pracer. Esta obra interpela a familias, profesorado e á sociedade no seu conxunto para cuestionar o aprendido, a revisar os imaxinarios e os vínculos entre sexualidade, igualdade e xustiza social.

“Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos” non só é unha denuncia dos efectos prexudiciais da pornografía para a nosa sociedade, senón que achega ferramentas valiosas para dar un xiro na concepción da sexualidade, a liberdade e o desexo dende unha óptica feminista. 

Sobre as escritoras
Desde fai trinta anos, Amada Traba participa en numerosas actividades de divulgación, formación, investigación e asesoramento no campo da socioloxía do xénero. Concretamente, desenvolveu parte da súa traxectoria en deseño e avaliación de políticas de igualdade. É autora de numerosos artigos, entre as súas publicacións atópase Amarte, pensar el amor en el siglo XXI, con Chis Oliveira (Los Libros de la Catarata, 2019); CIMA (2020): A representatividade e a representación das mulleres no audiovisual galego ficción 2020, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela e A representación feminina no Arquivo Pacheco (2010). 

Priscila Retamozo escribiu xunto a Chis Oliveira, La revolución feminista en las aulas. Comando Igualdad (Los Libros de la Catarata, 2022). Dentro da súa actividade profesional, desde o consultora Prisma, realiza formación en igualdade de xénero en educación infantil, secundaria e formación profesional, así como formación en coeducación para profesorado e familias. Impartiu numerosos relatorios e formacións en empresas, institucións, ámbito académico e centros educativos. Dentro do seu activismo realizou o pódcast feminista Histérikas Histórikas, desde o que visibilizaba temáticas de actualidade desde un enfoque de xénero. É autora de diversos artigos e publicacións, e en 2022 recibiu o Premio Emilia Pardo Bazán no País das Rías na categoría de Feminismo.

Chis Oliveira é toda unha referente na educación con perspectiva de xénero e foi galardoada cos Premios Educación e Sociedade, Premio Irene, Viguesa Distinguida, Nai da Coeducación CLAVICO, Mulleres en Acción e Premio Ernestina Otero. Entre a súas publicacións destacan La revolución feminista en las aulas, Comando Igualdad, con Priscila Retamozo (Los Libros de la Catarata, 2022); Amarte, pensar el amor en el siglo XXI, con Amada Traba (Los Libros de la Catarata, 2019); La educación sentimental. Una propuesta para adolescentes (Icaria, 1998); e Eros: Materiais para pensar o amor (Xerais, 1994).

O Pazo da Peregrina acolle unha nova sesión dos Encontros Literarios coa presentación de “Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos”

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acolle unha nova sesión dos Encontros Literarios coa presentación de “Las trampas de la pornografía: la sexualidad que deseamos”