- Tematica
O Concello de Ames organiza para o vindeiro xoves, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento ao grupo musical Maianas. Esta agrupación de 5 mulleres, levan preto de 20 anos facendo gozar ao público coas súas cancións, a maioría de composición propia. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames en recoñecemento a súa carreira musical, destacando a promoción da cultura popular e da música tradicional de Galicia.
Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional con motivo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o xoves, 23 de xullo, ás 20.00 horas e estará presentado por Paula Señarís.
Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. O acto contará coa actuación de Felisa Segade.
Entrega da medalla do Concello
Durante o transcurso do acto intervirán o alcalde e voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Tras a intervención do alcalde, faráselle entrega da medalla do Concello de Ames ao grupo musical Maianas.
O alcalde, Blas García, destaca que “o grupo musical Maianas ten unha recoñecida traxectoria musical ao longo de preto de 20 anos. Sempre promoveron a cultura popular e manteñen viva a música tradicional de Galicia sobre os escenarios. É un grupo que ten unha importante presencia en festivais e eventos culturais en Galicia como fóra das nosas fronteiras. Tamén dispoñen dun importante traballo discográfico con catro álbums ao longo da súa traxectoria”.
Inés Suárez, das Maianas, destaca que “é un agradecemento verse recoñecidas na nosa propia casa”. A integrante do grupo de cantareiras recoñeceu estar “algo nerviosas pola responsabilidade que supón un recoñecemento coma este”, mais “tamén estamos moi orgullosas de recibir esta medalla xusto antes de facer os 20 anos”.
Traxectoria das Maianas
A agrupación de cantareiras Maianas, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Ao longo destes anos percorreron Galicia con todo tipo de concertos, foron gañadoras do Premio do Xurado do concurso da Radio Galega Vas sacar nota? no 2012, gañaron o certame Novos Valores promovido polo Festigal no 2015 e participaron en programas radiofónicos e televisivos como o Luar ou Lume na Palleira.
Tamén levaron a súa música a colexios de educación infantil e primaria a través de concertos didácticos. Apostaron ademais por achegar a música tradicional á veciñanza amesá, organizando entre os anos 2008 e 2018 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, por onde pasaron agrupacións musicais de toda Galicia, e ofrecendo no 2019 a primeira edición do Serán da Maía.
Veciños/as e entidades coa medalla do Concello
Este acto institucional serve para renderlle homenaxe ao grupo musical Maianas, que se une así a outros/as relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron en anos anteriores a medalla do Concello de Ames como Antonio López, Borja Golán, a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño. O acto pecharase coa interpretación do himno galego.





