- Tematica
A asociación Escena Galega celebrará o vindeiro martes, 30 de xuño, a gala de entrega dos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas. Pensada como unha festa de verán con aperitivo e música, a presentadora será a socia Marta Alonso Tejada, quen ademais ofrecerá unha pinchada musical. A cita será a partir das 22.00 horas no Pazo da Peregrina de Ames. Esta actividade de Escena Galega conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e do Concello de Ames.
Á cerimonia asistirán Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Blas García, alcalde do Concello de Ames, xunto con outros membros da Corporación municipal; e Marián Ferreiro, alcaldesa do Concello de Narón.
Os Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas nacen en 2023 coa vontade de ofrecer un recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas galegas. Fronte ao formato tradicional dos premios, Escena Galega aposta por un modelo non competitivo, centrado en visibilizar e poñer en valor traxectorias, iniciativas e proxectos que contribúen ao desenvolvemento e fortalecemento do sector.
Desde a súa primeira edición, celebrada na Sala Ártika de Vigo (2023), pasando polo Auditorio do Milladoiro (2024) e a Cidade da Cultura de Galicia (2025), os Recoñecementos consolidáronse como unha cita anual para o encontro e a celebración da comunidade escénica galega.
Concibidos como unha pequena festa do sector, estes recoñecementos reivindican, desde o humor, o cariño, a ironía e a retranca, o labor de colectivos, profesionais e proxectos que moitas veces quedan fóra doutros galardóns. Precisamente para reforzar este espírito afastado da competición, Escena Galega fala de “recoñecementos” e non de “premios”.
Cada ano, unha comisión integrada por representantes de Escena Galega e por axentes externos ao colectivo decide os recoñecementos que se conceden, sen categorías fixas nin nomenclaturas pechadas. Mantense, porén, a vontade de distinguir unha compañía como Socia de Honra e de render homenaxe ás profesionais e aos profesionais que culminan a súa traxectoria activa mediante recoñecementos á súa carreira.
A edición de 2026 destaca pola súa dispersión xeográfica e pola variedade dos proxectos e entidades recoñecidas, con representación da Coruña, Santiago de Compostela, Narón, Carral, Cangas e Vigo.
Listaxe de recoñecementos de Escena Galega:
-Socia de Honra: Teatro de Ningures.
-Recoñecemento á traxectoria “toda unha vida a sachar”: Salvador Forján (encargado de estruturas escénicas da Agadic e técnico residente do Salón Teatro) e Moisés González (técnico do Teatro Principal de Santiago de Compostela).
-Recoñecemento á traxectoria “marcho, que teño que marchar”: Luciano Fernández (director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón).
-Recoñecemento “ás que resisten tecendo novas realidades”: Colectivo RPM.
-Recoñecemento “ás bravas tenaces do sur”: Sala Ártika de Vigo.
-Recoñecemento “a quen traballa arreo e sempre está, chova ou ventee”: Carlos Lorenzo (técnico de cultura do Concello de Carral).





