[24-05-2012] O Concello de Ames pon fin este sábado 26 de maio ao programa de escolas deportivas que se está desenvolvendo dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura comezará a partir das 16:30 h. no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os preto de 800 nenos e nenas que participaron neste programa deportivo desenvolverán varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso. Así haberá exhibicións de baloncesto, tenis, tenis de mesa, patinaxe e predeporte. A empresa VV Xestión de Actividades SL é a encargada de impartir estas actividades deportivas ás que asisten preto de 1.400 persoas entre nenos e adultos.
Chegado o mes de maio o Concello de Ames clausura unha nova edición do programa das escolas deportivas. Este acto terá lugar este sábado, 26 de maio ás 16:30 horas, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Para facerse unha idea da gran acollida que teñen estas actividades entre os amienses só hai que botar unha ollada ao número de usuarios/as que se inscribiron este ano neste servizo municipal.
Os 800 nenos e nenas que participaron neste programa realizarán varias exhibicións. Ás 16:30 h. comezará o acto coa presentación de todos os nenos e nenas que participarán neste evento. Trala presentación iranse intercalando as exhibicións dos rapaces coa actuación do grupo Circonove. Realizaranse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames. Así haberá exhibicións de baloncesto, tenis, tenis de mesa, patinaxe e predeporte. A partir das 19:25 h realizarase a entrega de diplomas e o sorteo de agasallos. Ademais, haberá unha camiseta de agasallo para todos os participantes.
Nesta edición son arredor de 1.400 persoas as que acoden todas as semanas ás actividades das escolas deportivas. O servizo municipal das escolas deportivas atende a preto de 800 nenos e nenas. Pero este servizo non é exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispoñen de varias actividades físicas que se imparten tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. A estas actividades acoden arredor de 600 usuarios/as. En total son 1.400 persoas as que se benefician deste servizo.
A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte poden escoller entre varias actividades: aeróbic; ximnasia de mantemento; baloncesto; fútbol sala; natación; predeporte; pilates; tenis de mesa; spinning, abdominais e glúteos; patinaxe; tenis e voleibol.
Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos/as que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo.
Actividades para adultos
Por outra banda existen unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén teñen unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito son moitos os veciños que acoden as clases de aeróbic; pilates; spinning, abdominais e glúteos; ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada é a de pilates. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos.
É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes hai grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impártese na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Aldea Nova, Aguapesada, Ameixenda, Biduído, Tapia, Trasmonte e Covas.




